Pódcast | O Shazam da música tradicional galega

A investigadora do CITIC Hilda Romero Velo mestura partituras, computación e bioloxía na súa tese para avanzar na investigación etnográfica musical

Escoitas unha canción nun bar ou nun centro comercial. Gústache, pero non sabes cal é o título nin a persoa que a interpreta. Colles o teu móbil, activas o Shazam e, en cuestión de segundos, tes a reposta a ambas as dúas preguntas. Agora, unha investigadora do CITIC pon en marcha unha idea semellante, pero aplicada esta vez á música tradicional galega. A través do sistema FUGA-ID, calquera pode tocar o fragmento dunha canción folk e a ferramenta devolverá as partituras máis semellantes.

Hilda Romero Velo é a convidada ao novo episodio de O Descodificador, o pódcast de GCiencia en colaboración co CITIC, no que explica os fundamentos da súa tese doutoral. Os eixes vertebradores son a música, a bioloxía e a computación. Esta última funciona como ponte entre as primeiras disciplinas e non só serve para crear un ‘Shazam’ de música tradicional galega, senón para comparar distintas tradicións musicais. Detrás desta investigación de tres anos, está a súa bagaxe e experiencia musical con distintos instrumentos.

Publicidade

Romero Velo empregou os datos da Folkoteca Galega para alimentar o seu sistema FUGA-ID. Despois, aplicou métodos propios da xenética para analizar as composicións musicais escollidas: “A bioloxía traballa con datos, con secuencias de ADN que teñen copias, mutan co tempo… Algo semellante sucede coas melodías, sobre todo coa música folk”. Este paralelismo entre as dúas disciplinas serviulle á investigadora do CITIC para crear un sistema que, en cuestión de entre 15 e 20 segundos, é capaz de asociar unha composición tocada coa súa partitura correspondente.

Outro dos resultados da súa tese foi a comparación entre distintas tradicións musicais para ver similitudes e diferenzas. A súa primeira proba foi entre Galicia e Irlanda: “O ritmo marca moito a diferenza. A música irlandesa ten pezas máis curtas e a galega máis longas e eleboradas. Aínda que si aparecen frases compartidas, motivos melódicos e terminacións, a irlandesa é máis compacta e reglada, mentres a gelage ten unha gran variedade de xéneros”, explica Romero Velo, en alusións ás conclusións da súa tese.

Publicidade

O proxecto continuará agora grazas a unha bolsa posdoutoral coa que continuará a investigación etnográfica da música a través da computación. Xa está a traballar con datos de Portugal, e comparando composicións mexicanas e españolas, ao tempo que afina os métodos. “O estudo computacional da música é moi amplo; hai moitísimas opcións e investigacións distintas”, conclúe Romero Velo.


  • Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast: Spreaker, Spotify, Ivoox, iHeart, Deezer, Podcast Addict, JioSaavn e Podchaser
  • O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CiGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

A UDC crea unha plataforma de IA para personalizar o tratamento da incontinencia urinaria feminina

O proxecto XINE-IA combinará datos clínicos, tecnoloxías terapéuticas e experiencia de pacientes para apoiar aos profesionais sanitarios

Galicia impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

O CITIC obtén unha axuda de 1,04 millóns de euros que financiarán proxectos con impacto nos ámbitos da saúde, a industria ou a ciberseguridade