A intelixencia artificial (IA) e a robotización están a abrir novas posibilidades para mellorar a clasificación e a reciclaxe de residuos. Neste ámbito traballa o proxecto europeo GRESINT, no que participa o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), SOGAMA, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade da Beira Interior (UBI). Dende a UDC, o proxecto foi liderado e coordinado por Miguel Ángel Rodríguez Luaces e Carlos Vázquez Regueiro, ambos profesores e investigadores do CITIC.
O obxectivo é impulsar a transformación dixital do sector dos residuos mediante a incorporación de tecnoloxías capaces de mellorar a clasificación de envases e optimizar as distintas fases da cadea de xestión, dende a recollida e selección ata a reciclaxe e valorización. Unha separación máis precisa permite recuperar materiais de maior calidade e facilitar a súa reincorporación ao ciclo produtivo, reducindo a necesidade de utilizar materias primas virxes e contribuíndo ao avance da economía circular.
IA, datos e robotización
Un dos principais ámbitos de actuación de GRESINT foi a experimentación con solucións tecnolóxicas nas instalacións das plantas de tratamento de SOGAMA, en Cerceda, e LIPOR, en Portugal. Os traballos incluíron a optimización dos sistemas de sensorización das liñas de selección, a aplicación da intelixencia artificial para procesar grandes volumes de información e extraer coñecemento útil para a toma de decisións, e a incorporación de sistemas robotizados para mellorar a clasificación de materiais e o control de calidade.
Destaca a instalación en LIPOR dun robot na súa unidade de clasificación automática de envases, capaz de identificar os materiais mediante IA e separalos segundo a súa tipoloxía. Estas experiencias piloto permitiron comprobar en contornas reais o potencial das novas tecnoloxías para mellorar a precisión e a eficiencia dos procesos de selección.
O proxecto abordou tamén o desenvolvemento dunha infraestrutura compartida de datos baseada nun Data Lake, destinada a reunir e xestionar a información xerada nas plantas de SOGAMA e LIPOR. Esta infraestrutura, xunto cunha plataforma conxunta de IA, permitirá facilitar o acceso seguro aos datos, ampliar a información dispoñible para adestrar os algoritmos, e avaliar o rendemento e a calidade dos procesos de clasificación.
Cooperación entre Galicia e Portugal
A dimensión transfronteiriza foi outro dos elementos fundamentais de GRESINT. A colaboración entre entidades galegas e portuguesas permitiu compartir coñecementos, capacidades tecnolóxicas e experiencias, así como probar solucións conxuntas ante desafíos comúns en materia de sostibilidade e xestión de recursos.
A xornada de clausura reuniu a representantes das catro entidades socias para compartir os principais resultados, aprendizaxes e perspectivas de futuro do proxecto, nun encontro que permitiu facer balance do traballo desenvolvido e das oportunidades que abre a dixitalización no ámbito da xestión de residuos.
O director do CITIC, Manuel Francisco González Penedo, defendeu que o peche do proxecto debe entenderse como un punto de partida de novas alianzas e iniciativas de investigación e innovación, e reiterou a vontade do centro de seguir poñendo as súas capacidades ao servizo dos retos da industria e a sociedade. A experiencia de GRESINT amosa así o potencial da cooperación entre entidades de ambos os lados da fronteira e da aplicación de tecnoloxías avanzadas para mellorar a recuperación de materiais, incrementar a eficiencia de procesos e acelerar a transición cara a unha economía máis circular.













