Un estudo liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) confirmou o establecemento do peixe sapo lusitano (Halobatrachus didactylus) nas rías galegas. Esta especie, distribuída principalmente en augas máis cálidas do Atlántico oriental e o Mediterráneo occidental, ampliou progresivamente a súa presenza cara ao norte da península ibérica, nun proceso que podería estar favorecido polo quecemento do océano.
O traballo demostra que a presenza deste peixe en Galicia non responde unicamente á chegada ocasional de exemplares, senón que existen evidencias dunha poboación establecida, con individuos de diferentes idades, actividade reprodutiva e capacidade para aproveitar os recursos alimentarios locais.
A especie rexistrouse por primeira vez na ría de Vigo en 2018. Posteriormente, comezaron a aparecer exemplares nas rías de Pontevedra, en 2019, e Arousa, en 2021. Os rexistros máis recentes, correspondentes a 2026 e posteriores ao período analizado no estudo, sitúan xa ao peixe sapo lusitano na ría de Ferrol, o seu límite de distribución máis setentrional coñecido na península ibérica. Entre 2018 e 2025, o equipo investigador documentou 202 exemplares en augas galegas e analizou diferentes aspectos da súa bioloxía, como a estrutura de idades, o crecemento, a reprodución, a alimentación e a diversidade xenética.
“O rápido aumento dos rexistros de H. didactylus en augas galegas, desde unha soa observación en 2018 ata máis de 200 individuos documentados en sete anos, proporciona unha forte evidencia de que a especie está a experimentar un proceso de establecemento no bordo norte da súa distribución actual”, explica Rafael Bañón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeiro autor do estudo.
Posibles implicacións para ecosistemas e recursos pesqueiros
O estudo tamén permitiu coñecer por primeira vez a alimentación desta especie en augas galegas. As análises mostran que se trata dun depredador que vive asociado ao fondo mariño e presenta unha dieta variada, dominada por crustáceos, especialmente cangrexos, alén de peixes e moluscos.
O ser unha especie estuarina capaz de aproveitar diferentes recursos alimentarios pode favorecer o seu rápido establecemento nas rías galegas. A incorporación dun novo depredador a estes ecosistemas pode modificar as relacións entre as especies e xerar novas interaccións nas redes tróficas. Con todo, o estudo non atopou evidencias de impactos directos sobre os recursos pesqueiros comerciais.
Dada a importancia ecolóxica e económica do marisqueo e a acuicultura en Galicia, os investigadores destacan a necesidade de continuar realizando un seguimento da especie para avaliar a súa evolución e as súas posibles interaccións coas especies de interese comercial.
A colaboración do sector pesqueiro, clave para reconstruír a expansión
Unha parte importante dos exemplares analizados procedeu de capturas accidentais comunicadas e cedidas voluntariamente por profesionais da pesca artesanal, pescadores recreativos, confrarías, persoal de lonxas e outras persoas vinculadas ao medio mariño. Esta colaboración resultou fundamental para reconstruír a expansión da especie desde a súa primeira observación en 2018 e obter información sobre a súa presenza en diferentes rías galegas.
O traballo contou tamén coa participación de persoal investigador de la Universidade de Vigo e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC).
Referencia: Biological traits and evidence of colonization of the Lusitanian toadfish Halobatrachus didactylus (Batrachoididae) at its northern distribution limit (Galicia, NW Spain) (Publicado en Regional Studies in Marine Science)













