O cambio climático é cada vez máis evidente grazas aos estudos científicos. Unha das súas consecuencias principais é a tropicalización do mar, a cal estudan dende o Instituto Español Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC). Este proceso trae a Galicia especies tropicais como os peixes bóla, con dous novos rexistros na Costa da Vela e na ría de Pontevedra. Estes son só exemplos das 50 especies de carácter tropical ou boreal que apareceron nas augas do territorio dende 1945.
Un estudo de 2024 sinala que, nos últimos 40 anos, o mar en Galicia quentouse, pero con diferenzas: mentres nas augas oceánicas o aumento foi de case 0,8 graos, na costa foi de 0,3. Detrás deste artigo está Rafael Bañón, doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Vigo e investigador do IEO-CSIC, quen explica que, ao haber afloramentos, o aumento é menor nas rexións próximas a terra.
“Non é un fenómeno puntual; en Galicia, levamos estudándoo dende 1996”, sinala o biólogo. Así, a primeira especie que chegou co quentamento global foi o peixe porco (Balistes capriscus), en 1945. Por ese motivo, a análise abrangue dende este ano ata 2022, cun resultado que inclúe 49 especies tropicais e unha introducida, a corvinata (Cynoscion regalis), procedente do Atlántico Occidental e presente no territorio dende 2016. “Estas especies chegaron de maneira natural dende latitudes máis ao sur”, indica Bañón.
Un proceso lento
A notificación dun exemplar de peixe bóla achatado (Sphoeroides pachygaster) e outro de peixe bóla de pintas (Ephippion guttifer) son unha evidencia máis do que está a ocorrer no mar. Engadindo estes novos rexistros, xa son 51 especies tropicais as que apareceron en Galicia. “Case todos os anos notifícase algunha”, afirma Rafael Bañón. Con todo, a súa aparición é froito dun proceso lento. Unha especie exótica non aparece de forma masiva dun ano para outro, senón que chega pouco a pouco, con dúas opcións: ou cada ano son máis frecuentes ou non volven aparecer. Bañón emprega o exemplo do Halobatrachus didactylus, unha especie capturada por primeira vez en xullo de 2018 e que agora xa coloniza as Rías Baixas. Pero non todas son así.
A primeira vez que se detecta unha especie exótica lévase a cabo un seguimento da mesma nos anos seguintes. É un labor que Rafael Bañón trata de realizar como investigador do IEO-CSIC, pero sinala que é unha tarefa difícil porque non ten “medios suficientes para analizar toda a costa galega. Por ese motivo, conta coa colaboración de confrarías, biólogos, asistencias técnicas e mesmo pescadores submarinos. Este monitoreo faise ata que algunha delas chega a ser abundante e convértese en especie comercial. “Non hai moitas abundantes; o Halobatrachus didactylus é o que máis”, sinala o biólogo, xa que a pesar de non ser apreciado pola carne, xa se vende en confrarías.

Que especies pasaron por Galicia?
Entre as 49 especies que apareceron por Galicia dende 1945 destacan o escarapote de Loppé (Scorpaena loppei), o escacho espiñudo (Lepidotrigla dieuzeidei), o xurelo francés (Trachurus picturatus), o sargo veado (Diplodus cervinus), a ferreira (Lithognathus mormyrus) e o peixe porco (Balistes capriscus) como as máis abundantes no ecosistema marítimo.
Entre os novos rexistros, atópase o sanmartiño de fondura (Zenion hololepis) e a corneta encarnada (Fistularia petimba). Con todo, algunhas tamén destacan como rarezas xeográficas, como o arenque do Atlántico (Clupea harengus), o fumador (Cyclopterus lumpus) ou o mendo limón (Microstomus kitt).
Outras especies notificadas foron a rémora azul (Remora brachyptera) e a rémora do espada (Remora osteochir), interesantes porque se adhiren a quenllas e grandes buques; ou o peixe bóla verde (Lagocephalus laevigatus).
Dende correntes oceánicas ata vagas de calor
Un dos principais factores polos que chegan os peixes tropicais a Galicia son os invernos fortes e os ventos do sur, dous condicións climatológicas presentes nesta última estación. “Se o inverno é suave, non chegan”, indica Rafael Bañón. Ademais, atopan na auga temperaturas no mar que xa acadan os 20 graos en verán, unha cousa antes “impensable”, en palabras do investigador do IEO-CSIC.
Cada especie ten os seus límites óptimos de temperatura. Un escenario posible é que a especie cambie o seu límite por ser augas máis cálidas; outro é que algunhas cheguen e non sobrevivían, ou escapen porque non se acada a temperatura precisa. “O cambio climático provoca que as especies se despracen cara ao norte no hemisferio norte e cara ao sur no hemisferio sur”, explica Bañón. Isto non só ocorre en Galicia: o mesmo acontece co polbo en Inglaterra e a pescada en Noruega. Así, sinala que “estamos detectando especies de orixe africana ou mediterránea en augas galegas”.
E as especies autóctonas?
As especies peláxicas, como o atún, a dourada ou a sardiña, son as que notan máis o desprazamento coa chegada de especies tropicais. “O xurelo ou a sarda son as especies que se desprazan máis rápido”, explica Bañón. Así, mentres estes exemplares son fáciles de monitorear, as especies que habitan os fondos mariños son as que teñen un cotexo máis lento. Isto afecta aos peixes autóctonos polo evidente: “Máis especies, máis competencia pola alimentación e polo espazo”, explica.
Con todo, nos casos que non son abundantes, non se acada o mínimo de rexistros para poder facer un estudo de reprodución, alimentación e mesmo parasitos. “As especies tropicais introducen novos parasitos, o que pode afectar ás especies autóctonas porque non están preparadas para enfrontarse a eles”, explica o investigador.
Unha visión a longo prazo
O sector pesqueiro pode ser un dos principais afectados a longo prazo, ademais do impacto sobre a biodiversidade. “A tropicalización provocará a desaparición de especies e a aparición de novas”, sinala. Ademais, impactará na economía: Rafael Bañón explica que as especies de augas máis cálidas teñen menos sabor que as de augas frías. “Se aumentan estas especies, pode que teñan menos prezo que as nativas, o que pode afectar negativamente ao mercado”, engade. Con todo, aínda non se sabe como pode evolucionar este fenómeno.
Para saber como serán as tendencias nos próximos dez ou vinte anos, é importante o seguimento. O Instituto Español de Oceanografía xa está niso, a base de colegas de profesión e colaboracións. Con todo, segundo Rafael Bañón, é necesaria a creación dunha rede de observación para rexistrar calquera especie nova que apareza en Galicia. “Detrás debería haber expertos para analizare facer a monitorización”, sinala. Xa que non se pode dar marcha atrás, débese facer o único posible nestes casos: previr.



















