Ola, de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
Os meus pais dicíanme que cando era máis pequena non paraba de meterme na auga do mar en verán. Nese momento, dábame igual a temperatura. A medida que fun medrando, prefería tomar máis o sol —con protección, non son Marcos Llorente— e bañarme menos. A auga está especialmente fría en Galicia… ou tería que escribir “estaba”? Botando a vista atrás, había anos que non me daba tantos chapuzóns como nos últimos tres veráns. Tanto os meus amigos coma min sempre dicimos o mesmo: “Que quente está!”. Claro, quen non coñece a Deus —o Mediterráneo, no que tive a sorte de bañarme unhas cantas veces—, a calquera santo lle reza.
Pero, a pesar de que no sentido lúdico pode servir para afrontar unha calor cada vez máis intensa, con temperaturas que chegaron aos 30 graos —non me quero imaxinar como chegará xullo—, o problema é máis grave do que se pensa. A semana pasada, a boia situada en Ribeira, un dispositivo vinculado á Xunta, rexistrou temperaturas de 22,17ºC, cando os valores habituais rondan os 15 nesta época do ano. É o caso máis rechamante, pero outros enclaves tanto do sur como do norte rozaban os 20ºC, propios de pleno verán.
Este foi un dos temas da semana cos numerosos mapas de Copernicus que amosaban altas temperaturas do mar en zonas sorprendentes como o Cantábrico, con subidas de cinco graos por enriba do habitual, o que reproduce unha anomalía preocupante. Isto levou a GCiencia a montarse sobre este tema da semana cunha reportaxe: a calor mariña, sobre todo a causa do episodio da última semana de maio. Para iso, contactei co meteorólogo Víctor M. González e co xefe da Unidade de Modelado Oceanográfico do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Pedro Montero.

As causas son variadas. Por unha banda, Montero di que todo puido ser un episodio puntual a causa da combinación da cúpula de calor co vento sur-suroeste. Por outra, o meteorólogo apunta a un fenómeno multifactorial que vai dende a variabilidade natural, o aumento das temperaturas globais, o desprazamento cara ao norte de fenómenos propios do Sáhara e a desaparición progresiva de aerosois no medio ambiente.
Non sei a vós, pero a min preocúpame que isto xa estea a pasar en primavera. Que será de nós o 15 de xullo? Eu estarei en Roma morrendo de calor, probablemente. Pero hai para quen esa expresión foi literal: Galicia rexistrou 18 mortes asociadas á calor extrema en maio, onde a provincia da Coruña sumou 15 deles. Estes feitos provocaron que a Xunta activara o sistema de alerta temperá de detección ante o inicio do verán climatolóxico. O plan, que se manterá activo ata o 30 de setembro, permite reducir riscos, mellorar as predicións e protexer a poboación.
Esta é a evidencia científica. Con todo, aínda continúan os usuarios que catalogan como “bulo” ou “mentira” esta información, extraída de fontes oficiais e científicas. Se non me cres, podes velo neste post que publicamos en Instagram. Que mundo nos quedará co negacionismo que impera nas redes sociais? Eu non teño nin idea.
Quédome pensando pero, agora, pasemos aos temas da semana!
⚫️ O patrimonio perdido volve á vida 🛁Hai uns meses que descubrín a páxina web do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG). Non sei se a viches algunha vez, pero é unha pasada. Nela, recompilan as recreacións de toda a traxectoria da institución. Neste artigo, a miña compañeira Noelia fala da Conca de Arousa, un centro de baños referente no eido da talasoterapia e o corazón da vida social e política da Vilagarcía do século XIX. Déixoche por aquí o acceso á páxina web.

⚫️ A homofilia a través dos arroaces 🐬 A homofilia é o motivo polo cal os individuos nos relacionamos con outros cos que temos cousas en común. Pero sabías que os arroaces tamén teñen este comportamento? Un estudo do BDRI sinala que a súa estrutura social está asociada á preferencia por alimentarse nas bateas, un hábito non compartido por todos os exemplares. Así, escollen os seus amigos. Podes ler a reportaxe nesta ligazón.
⚫️ Alerta carracha ou Garrapata Alert? Carracha é unha palabra moito máis guai que garrapata. Dito isto, por se non o sabías, o Ministerio de Sanidade ten unha aplicación que permite informar sobre a presenza de carrachas. Conta cun mapa interactivo que sinala a especie Rhipicephalus cunha maior incidencia en Galicia —probabilidade media-alta en toda a comunidade—, sendo a costa da Coruña e Lugo, Amoeiro, Allariz, a contorna de Monforte de Lemos e Verín a lista de zonas de risco elevado. Pícame o corpo só de pensalo!

Recomendación semanal 🪶
Non o vou negar: son unha fan empedernida de Henar Álvarez, Marc Giró e Broncano. O outro día, mentres lavaba os dentes, escoitei dende a miña televisión a voz da presentadora de Al cielo con ella pronunciar as seguintes palabras: “Non hai nin unha soa semana na que non me escriba alguén para dicirme que por que para presentar vou vestida de home”. Todo por vestir con traxe. Nese momento, comecei a afinar o oído e Henar —primeira muller en presentar unlate show en La 1—, comezou a soltar unha restra de realidades que me fixeron pensar e rir a partes iguais. Quero compartilo con vós como a miña recomendación da semana.
Durante o discurso, enumerou distintos xuízos que, segundo sinalou, recaen sobre as mulleres (e que seguro que moitas podedes validar). “Se vou de negro, vou sosa; se vou de rosa, vou infantil; se vou de leopardo, puta”, dicía mentres o seu público lle aplaudía. Persoalmente, para min o cumio do humor foi cando dixo o seguinte chiste: “Se abro a neveira e vexo algo pasado de data, non penso ‘mira, Florentino Pérez’. Chef kiss.

Pero, sen dúbida, o que máis me fastidia detrás deste discurso tan realista sobre a muller son os titulares dos grandes medios, que quedaron co espido que fixo a presentadora ao final do seu relato, cando a mensaxe era moito máis relevante. El Confidencial titula con Desnudo integral en TVE. El Español, Henar Álvarez lo enseña todo en TVE. El Mundo non queda atrás: Henar Álvarez se queda en pelotas en TVE. Supoño que é o que ten vivir nun mundo no que os señoros lideran a comunicación do país.
E ti, que opinas?
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














