Ola a todos, aquí Andrea! 😊
Cando era pequena, nada me gustaba máis que os animais: velos en carne e óso, e en documentais onde aprendía sobre eles. Tiña catro cans cos que convivín dende ben pequena e, con cinco anos, quería ser veterinaria —agora non podo ser máis de letras—. Ademais, tamén adoraba ler sobre especies exóticas que non se podían atopar en Galicia e que, para observalas, había que viaxar moi lonxe. Lembro que meu pai me mercaba libros gráficos de centos de páxinas que amosaban ilustracións fermosas de exemplares pertencentes a todos os reinos animais. Un dos meus favoritos daquela era o quebraósos (Gypaetus barbatus), que agora, grazas á ferramenta A Chave, acábome de enterar de que ten unha presenza puntual e excepcional en Galicia. Agora prefiro os Dachshund (popularmente coñecidos como “can salchicha”). Porén, por esas ganas de coñecer que aínda quedan da pequena Andrea, teño claro que non hai nada como buscar e atopar. Senón, que llo digan a Martiño Cabana, Rafael Vázquez Graña e Susana Fraga Sanjurjo e o máxico achado dunha esfinxe da adelfa (Daphnis nerii) en Galicia.
A sucesión dos feitos é bastante curiosa: trátase dunha bolboreta nocturna cuxo primeiro rexistro en Galicia data de 1875, cando fora observada en Santiago de Compostela. Con todo, é unha especie moi pouco habitual. 150 anos máis tarde, grazas á app iNaturalist, tres investigadores lograron avistar un novo exemplar no xardín dunha muller de Maniños (Fene, A Coruña). Foi tamén alí onde se notificou tamén o primeiro caso de reprodución na comunidade tras atopar unha crisálide debaixo dunhas cunchas decorativas. Podes ler toda a historia nesta reportaxe. É un evento rechamante: non só polas cores do exemplar —moi afagadas polos usuarios nos comentarios da nosa publicación en Instagram—, senón o por que apareceu en Galicia, cando é unha especie de orixe paleotropical. O biólogo Martiño Cabana faloume da africanización da Península Ibérica, aínda que aplicada ás libélulas tipicamente africanas: os períodos intensos de seca e o aumento das temperaturas pode atraer a determinadas especies que, noutros momentos, tiveron maiores rexistros no Mediterráneo, como ocorre coa esfinxe da adelfa.
Esta é unha tendencia que se atopa por terra e por mar. É o caso do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), que documentou por primeira vez a presenza de dúas especies de afinidade tropical —sardinela lombuda (Sardinella aurita) e ermitán vermello grande (Dardanus calidus)— a causa da progresiva tropicalización do mar. Todo isto e ciencia.
Polas ansias de coñecer máis e convivir con ecosistemas ricos en biodiversidade é importante que a natureza perdure —antes, durante e despois dos cambios—. Isto pode materializarse con pequenas cambios para favorecer a conservación, como no buque oceanográfico Odón de Buen do IEO-CSICque puido visitar a miña compañeira Laura Filloy hai unhas semanas. Como viaxará ata a Antártida, unha localización verdadeiramente virxe, convértese no primeiro barco híbrido da frota española, que funciona con diésel e gas licuado, a fin de reducir as emisións de CO2. Así, a misión na que está embarcada a súa tripulación dende o 31 de outubro, tamén permitirá abrir os horizontes e investigar a biodiversidade mariña das zonas polares. Aprender, investigar e aprender. Neste Reel podes ver o seu interior.

Unha vía para coñecer máis a fondo realidades ás que só poden chegar algúns expertos son as imaxes. Así o fixeron Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez, achegando os bosques de carrumeiro —selvas vexetais mariñas de algas xigantes— ao público xeral grazas ao documental presentado na Semana de Cine Submariñoque leva o nome deste tesouro da costa galega. Os seus fotogramas que, se me permitides, vou tirar de extraordinarios, combínanse á perfección coa perspectiva do a submarinista audiovisual Xaime Beiro de conservar e divulgar o que se agocha no mar galego. Podes lelo aquí.
A Andrea do pasado está profundamente agradecida de que as miñas compañeiras de redacción en GCiencia sempre me outorguen os temas de animaliños porque saben que me encantan. Eu son feliz 🙂
Pasemos aos temas da semana!
⚫️ Será a fin da seca? ☔️ O luns, o encoro de Eiras, que abastece a Vigo, atopábase ao 36,36% da súa capacidade e a un volume de 8,06 Hm3, o seu mínimo histórico. A serie temporal amosa un descenso do 100% ao 36% en só tres anos. Cecebre (A Coruña) tamén reduciu as súas reservas a case a metade. O profesor da USC Jorge Dafonte sinala como motivos un clima cada vez máis mediterráneo —uns anos moi húmidos e outros moi secos— e a xestión dos recursos. Con todo, espérase sacar o paraugas esta fin de semana, con esperanzas de que a situación mellore nos encoros galegos grazas ás precipitacións. Podes coñecer información sobre o tempo aquí, e podes ampliar o tema da seca nesta reportaxe.

⚫️ A sorpresa da semana 🦐 Cando descubrín este tema o mércores, non puiden parar de sorprenderme: paréceme incrible que a ciencia semelle non ter límites. Atopei esta investigación do grupo FEQX Lab da UVigo en colaboración con colegas arxentinos, que busca desenvolver nanopartículas antioxidantes derivadas dos cachos de gambón —SI, DE GAMBÓN— para protexer a retina de glaucomas ou perdas de visión. Os resultados son prometedores nas probas in vitro. Podes coñecer todos os detalles nesta ligazón.
⚫️ As palabras do magosto 🌰 Unha das iniciativas galegas máis interesantes —na miña opinión— é o Atlas Lingüístico Galego (ALGa) do Instituto da Lingua Galega (ILG). Cada vez que publican nas súas redes un mapa, abráiannos na ofi. Aproveitando a chegada dos magostos, decidiron compartir como se di o acto de coller castañas en Galicia: hai ata 47 palabras e expresións recollidas! Eu digo “ir ás castañas”, pero podes ver todas as vertentes neste post de Instagram e compartir con nós cal usas.

Recomendación semanal 🪶
Voume ir un pouco do tema dos animais que, por recomendacións en newsletters anteriores, é algo que se pode intuir. Vouvos dicir outro dos meus pasatempos favoritos: os Murdoku, os autodefinidos e todo tipo de actividades que me adestren a mente, aínda que só sexa por uns minutos.
Empecei este vicio na corentena, facendo os Autodefinidos de El País na miña tablet. Cando puidemos saír da casa, comecei a mercalos en papel. Así seguín ata pasar aos Sudoku, aos Murdoku e aos crucigramas. Todo sexa por activar o cerebro con tanto scroll. Aquí pásovos unha lista dos meus favoritos:
—Autodefinidos de El País. A pesar de que é a miña actividade preferida tamén hai crucigramas, sopas de letras, sudokus, heptagramas… A min gústanme tanto que polo meu aniversario pedín a versión en papel para facelos na praia e sen pantallas —este, concretamente—.
—Murdoku. Merqueino porque me saíu en TikTok; despois xa se converteu nun boom de ventas. É unha combinación entre Cluedo e Sudoku. Agora teño a versión en papel, pero se primeiro queres probar, tamén podes acceder a algún por Internet.
—Xogos de LinkedIn. Sen dúbida, o meu actual vicio diario. Cada mañá xogo a cinco das actividades que podes atopar na app. Tardo aproximadamente cinco minutos en facer todos eles e, polo menos, espértome co cerebro activo. Se tendes LinkedIn, recoméndoo (ademais, tes un ranking cos teus contactos que xogan).
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














