Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

O mes de outubro pechou cun dobre rexistro negativo: foi un período máis cálido e máis seco do habitual. Segundo indicou a Xunta nun comunicado, un informe de MeteoGalicia sinalou que a temperatura media (de 15,5 graos) foi un grao superior aos valores normais para a época. Ademais, as choivas resultaron un 79% inferiores ao habitual neste tempo, cunha precipitación media acumulada de 34 litros por metro cadrado. Esta situación leva a unha escaseza de auga na que a choiva se volve un importante aliado contra a caída das reservas hídricas galegas. Fronte á súa falta nas últimas semanas, dende Aemet Galicia revelan que esta fin de semana volverá a chuvia á comunidade: “A partir do sábado, cambio importante de tempo: chegada de borrascas atlánticas con abundantes precipitacións en Galicia”, compartiu a axencia meteorolóxica a través da súa conta de X.

Dende eltiempo.es sinalan que esta formación, que xa se está xestando preto das Azores, chegará ao oeste peninsular durante a fin de semana. “No seo desta gran borrasca, os modelos apuntan que poderán formarse baixas secundarias, xirando arredor unhas das outras. Esta situación daría lugar ao que se coñece como efecto Fujiwhara“, engade eltiempo.es. Este concepto denomina o fenómeno meteorolóxico polo que dous ciclóns comezan a orbitar un en torno ao outro.

Publicidade

Días fríos antes da auga

MeteoGalicia sinalou mediante as súas redes sociais que varios puntos de Galicia rexistraron valores baixo cero durante a pasada noite. As temperaturas máis baixas concentráronse na provincia de Ourense, con Verín marcando -5,9 graos , Xinzo de Limia -6,8 graos e Calvos de Randín chegando a 8,8 graos negativos. A xornada do xoves manterase baixo a influencia das altas presións, polo que os ceos se manterán maioritariamente despexados. Así e todo, o portal de información meteorolóxica apunta que poderán producirse chuvascos illados no extremo norte do territorio galego.

O venres comezará o cambio na configuración atmosférica: achegarase unha borrasca dende o Atlántico que afectará Galicia cara á noite. “A medida que avance a xornada irán entrando nubes medias e baixas que deixarán chuvias febles ao final do día na metade sur e oeste do territorio”, sinala MeteoGalicia. As temperaturas mínimas experimentarán pequeno ascenso no interior. Así e todo, prevese que as sete cidades galegas cheguen a valores inferiores aos 10 graos, coas previsións máis frías postas en Ourense, con 3 graos, e Lugo, con 2. No interior da provincia lucense Aemet emite un aviso amarelo por néboas que se manterá ata as 10 horas da mañá.

Publicidade

Fin de semana pasada por auga

O sábado Galicia quedará baixo a influencia dunha borrasca atlántica que deixará ceos nubrados e choivas de carácter débil. MeteoGalicia indica que estas precipitacións serán máis probables na provincia de Pontevedra e o sur da Coruña. O termómetro marcará mínimas máis elevadas ás dos días anteriores, con Lugo (8 graos) e Ourense (9 graos) repetindo como as cidades máis frías da comunidades. En canto ás máximas, non haberá grandes cambios fronte ás xornadas previas: Pontevedra, Ourense e Vigo chegarán aos 20 graos, mentres que no norte o momento de máis calor do día oscilará entre os 16 e os 18 graos.

O domingo manterase a borrasca sobre Galicia, polo que continuarán as choivas, en especial cara ao final do día. Non haberá variacións importantes nos valores máximos do día, pero o termómetro si experimentará un ascenso nas mínimas: as cidades galegas non baixarán dos 11 graos.

Durante a última xornada da semana MeteoGalicia advirte que o vento, que soprará do sueste, será moderado en xeral, pero poderá haber refachos fortes á noite no litoral atlántico e en zonas altas da comunidade.

A semana que vén, marcada pola choiva

Dende eltiempo.es apuntan que a semana vindeira unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que poderán ser intensas ao suroeste de Galicia. As predicións do portal meteorolóxico indican que esta situación se manterá, canto menos, ata o xoves.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Cando Anne Carson percorreu (e describiu) o Camiño de Santiago

Unha análise da viaxe da Premio Nobel de Literatura plasmada na súa obra ‘Tipos de auga’. Por Carmen García Navarro

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes