Cabalos autóctonos contra o lume: así é o proxecto pioneiro que busca reintroducir o garrano en Galicia

A iniciativa chámase 'A volta das bestas', desenvolverase en Froxán e empregará un sistema pioneiro de pastoreo virtual baseado en colares que nunca antes se usaron na especie equina

Os incendios que experimentou Galicia nos últimos anos puxeron de relevo a importancia da xestión da biomasa dos montes. Un proxecto que nace no monte de Froxán, no concello coruñés de Lousame, busca recuperar e mellorar o manexo dos ecosistemas autóctonos reintroducindo cabalos en liberdade, un animal autóctono que viu unha importante caída as súas cifras durante as últimas décadas. Esta reincorporación do cabalo salvaxe, tamén coñecido en Galicia como besta ou garrano, servirá para promover a restauración da biodiversidade da zona.

A iniciativa chámase A volta das bestas e vén da man da Fundación Montescola. É un proxecto que empregará un sistema pioneiro de pastoreo virtual que permitirá levar a cabo un un seguimento e control dos garranos reintroducidos en Galicia. O presidente da organización, o antropólogo e ecoloxista Joám Evans, conta que xa lograron traer cinco exemplares, e que agardan duplicar esa cifra para comezos do ano que vén.

Publicidade

“En Froxán levamos dez anos procurando xestionar o monte de forma máis resiliente. Comezamos despois dun lume moi grande que queimou os montes da zona en 2016. Dende entón xa eliminamos especies invasoras, como o eucalipto, pero resulta case imposible manter o campo tan só por medio de desbroces”, explica Evans. A resposta a este crebacabezas presentouse a galope e sobre catro patas: na dieta dos garranos inclúense, entre outros, os toxos. O ecoloxista explica, así, que esta variedade de cabalo propia das terras galegas resulta altamente beneficiosa na prevención de incendios forestais, xa que pode controlar a poboación de maleza no campo.

O garrano, un cabalo autóctono

O garrano leva milenios habitando o noroeste da península ibérica e as illas británicas en estado silvestre, mais baixo un sistema de manexo ou aproveitamento tradicional.

Publicidade

Aínda que conta con características propias que o distinguen doutros da súa mesma especie, a súa denominación científica é un tema en discusión. A investigadora da Universidade da Coruña (UDC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) Laura Lagos explica que o nome científico do cabalo doméstico é Equus ferus caballus. Así e todo, o garrano vive en estado silvestre e posúe unhas características morfolóxicas, fisiolóxicas e ecolóxicas propias que levaron o investigador galego Felipe Bárcena a propoñer a súa clasificación como unha subespecie diferenciada, á que denominaría Equus ferus atlanticus. A nivel oficial, no momento non é unha subespecie recoñecida en Galicia; en todo o mundo tan só se existe unha aceptada, a Equus ferus przewalskii, orixinaria de Mongolia.

Con independencia do nome que reciba, o garrano amosa unha serie de riscos únicos. Laura Lagos conta que ten unha talla máis pequena —de 1,20 a 1,30 metros de altura da cruz como media—, posúe patas máis curtas e conta cun ventre avultado. Joám Evans explica: “É moi distinto do cabalo común. Ademais das características morfolóxicas, é capaz de sobrevivir en condicións moi hostís e consume grandes cantidades de vexetación lignificada, como o toxo, que é algo que non fan outros animais da mesma especie”.

En canto á súa resiliencia, a investigadora da UDC apunta que teñen a capacidade de sobrevivir por si mesmos na natureza sen intervención humana. “Son uns cabalos que viven en liberdade, en estado silvestre, aínda que tradicionalmente teñan un dono. Son animais que habitan nas montañas e poden subsistir sen depender das persoas“, explica Laura Lagos.

O toxo como parte da dieta do garrano

Así e todo, non é a súa resistencia o que chama a atención dos investigadores, senón a súa dieta. Ambos coinciden na peculiaridade que supón a preferencia dos garranos por consumir vexetación lignificada, isto é, plantas duras, con tecidos ríxidos similares á madeira. “O cabalo doméstico caracterízase por comer vexetación herbácea. Este, en cambio, ademais da herba tamén inclúen, por exemplo, o toxo, que pode ser dominante na sua dieta, especialmente en determinadas épocas do ano”, declara Lagos.

O director da Fundación Montescola sinala que a través do proxecto que desenvolven en Froxán, puideron observar que o garrano ten unha predilección polo toxo máis novo. Os investigadores contan que este gusto naceu dunha adaptación ao terreo —onde abundan plantas lignificadas— que mesmo se fai presente na morfoloxía do animal: presentan un ‘bigote‘ sobre a boca que ten a función de protexelos dos pinchos das herbas que consumen.

Os garranos teñen a peculiaridade de consumir vexetación lignificada. Imaxe: Fundación Montescola
Os garranos teñen a peculiaridade de consumir vexetación lignificada. Imaxe: Fundación Montescola

Un animal idóneo para o manexo de montes

Coñecer as preferencias alimentarias do garrano serve para explicar por que se considera un bo aliado na loita contra os lumes: a través do seu apetito, axudan a reducir a cantidade de combustibles no monte. “Aquí, no Barbanza, xa había unha tradición moi grande de empregar bestas no monte como método de manexo da vexetación. Co noso proxecto apostamos por recuperar esa presenza de cabalos para xestionar a biomasa e recuperar hábitats”, sinala Joám Evans. O director da Fundación Montescola indica que, entre outros, buscan axudar a manter as turbeiras, zonas húmidas que, como conta o ecoloxista, teñen problemas para subsistir sen a acción de grandes herbívoros.

Outro dos grandes beneficios destes animais é a súa independencia do ser humano. “Están adaptados ao monte, non necesitan coidados para sobrevivir”, asegura Laura Lagos. Por este motivo, indica que sen gando nin xente que se encargue do rural, estes cabalos son unha boa solución á problemática da xestión de vexetación arbustiva, en especial aquela inflamable. Porén, a investigadora engade que, malia ter a capacidade de subsistir de xeito autónomo, non é posible para a poboación desentenderse da súa presenza: “Necesitan manexo porque hai aldeas, rúas e vehículos que os rodean. Tamén hai leis que obrigan a que teñan un dono rexistrado e cumpran unha serie de condicións”.

A caída no número de garranos

Malia supoñer un importante apoio na xestión forestal contra incendios, a cantidade de garranos en Galicia é baixa. Se ben facer un seguimento da súa evolución numérica é unha tarefa complexa, hai certas aproximacións á cifra destes cabalos que hai e puido haber na comunidade. Segundo Joám Evans, diversos estudos apuntan que entre os anos cincuenta e setenta chegou haber máis de 50.000 (un valor que, non obstante, recomenda empregar con precaución, xa que se basea en censos de carácter máis ben orientativo). Laura Lagos, pola súa banda, sinala que cara ao final dese período o número xa era moito menor: “Nos anos setenta eran en torno a 22.000, segundo a tese dun veterinario que revisou os montes galegos. Nós estimamos que hoxe serán menos da mitade desa cifra“.

Para entender esta situación, cómpre remontar a vista varias décadas cara atrás, cando diversos factores converxeron en torno ao garrano. “A súa poboación comezou a decrecer a partir dos anos oitenta. Por unha banda está o abandono do rural; pola outra, as repoboacións forestais con piñeiros e eucaliptos ocuparon o espazo das matogueiras”, explica a investigadora do CISPAC.

Laura Lagos engade que estes animais empregábanse tanto para o traballo no campo —arando e transportando fariña, gran, etc.— como pola súa crina, á que se lle daba uso en butacas e recheos de colchóns. Coa estandarización da mecanización no rural, en especial coa chegada de tractores, desapareceron estes usos e comezou a aproveitarse tamén a súa carne. Progresivamente foron perdéndose os motivos polos que se empregaba, ata que, en 2008, chegou o golpe definitivo ao garrano.

A cuestión do chip

Tanto Joám Evans como Laura Lagos coinciden no impacto negativo que tivo sobre a poboación de garranos en Galicia a implementación da ‘lei dos microchips’. Aluden o Reglamento da Unión Europea número 504/2008, que obrigaba a identificar os cabalos nados a partir dese ano mediante un microchip e un pasaporte por consideralos unha especie doméstica.

“Ata ese momento non se regularizaba a súa presenza: estaban no monte sen apenas necesitar coidados, ata que se volveron unha carga administrativa. Aínda que eran animais que vivían en liberdade, tiñan donos. Moita xente, en especial persoas maiores, non puideron asumir os custos derivados de identificalos e cumprir os requisitos que se pedían, en especial porque o seu uso era cada vez menos rendible. A xente desfíxose deles, sobre todo vendéndoos a Portugal e a matadoiros”, explica a investigadora da UDC.

“A normativa europea consideraba a posibilidade de establecer un réxime de excepción, polo que estes cabalos estarían exentos de poñer chip; a fin de contas, estaban a medio camiño entre ser animais domésticos e salvaxes. Pero en Galicia nunca se aplicou o réxime”, conta o director da Fundación Montescola.

Onde están os garranos na actualidade?

No presente, as súas cifras son unha pantasma das cantidades de garranos que galoparon por Galicia hai unhas décadas. Así e todo, o animal nunca desapareceu das terras galegas e hoxe aínda pode verse en varias zonas. “Son máis propios das serras atlánticas; é máis raro velos por Ourense”, indica Joám Evans. Entre os seus núcleos de poboación están a serra da Groba, cara ao sur de Baiona; o Xistral; Sabucedo; a serra da Capelada; Barbanza, etc. Laura Lagos indica que as principais poboacións están na serra do Xistral, onde hai máis de 2.500 bestas, e na da Groba, onde estiman unhas 1.300.

Na actualidade, a presión do lobo está volvéndose unha considerable ameaza aos garranos, segundo a investigadora da UDC: “Ao haber menos animais, concéntranse os danos. Na miña tese, en torno ao 50 % dos potros morrían depredados por lobos cada ano. Cando traballamos na serra do Xistral no proxecto RURALtXA! puiden observar que esa cifra subira ao 80 % dos cabalos novos. Ademais, describíanse danos a adultos, algo que non observara anteriormente”.

Laura Lagos indica que, ademais, a aparición e expansión de novas enfermidades supón un factor de risco sanitario crecente para os cabalos salvaxes de Galicia. “Segundo sinalan os besteiros, esta situación fai cada vez máis necesario intensificar os tratamentos veterinarios para garantir a saúde e o benestar dos animais”, conta a investigadora.

O sistema único de ‘A volta das bestas’

‘A volta das bestas’ propón introducir un sistema pioneiro de colares de pastoreo virtual para manexar as poboacións de garrano. “É a primeira vez que isto se usa en cabalos en liberdade”, afirma Joám Evans, director da asociación que dirixe o proxecto. Introducirán os dispositivos en xaneiro, cando pasen de contar con cinco espécimes a dez. Trátase dunha ferramenta que empregan co apoio de Rewilding Europe e que permite limitar as zonas de pastoreo mediante sons e estimulacións eléctricas. “Ata agora só se empregaban estes colares para gando vacún, cabras e ovellas, pero non existía un sistema adaptado para o cabalo pola falta de demanda”, explica Evans.

O funcionamento é sinxelo: todos os animais levarán o dispositivo, que servirá para mantelos xeolocalizados. A través dunha aplicación, a persoa responsable dos cabalos deseñará uns perímetros para marcar as ‘zonas de exclusión‘. “Cando se achega ao límite, o colar emite un sinal acústico. Se o pasa, produce un estímulo eléctrico que ten menos potencia que os peches [físicos] electrificados que se empregan no presente. Ao cabo dunha semana, o animal adáptase perfectamente ao sistema e identifica as zonas que non pode cruzar”, asegura o ecoloxista. Este método permitiría manter os garranos afastados de poboacións humanas e estradas cun manexo mínimo por parte dos seus responsables, o que reduciría a posibilidade de accidentes.

“A nosa visión é que este proxecto sexa colaborativo e tomen parte nel outras comunidades para aumentar o número de animais e de superficie. Queremos ser unha axuda para a recuperación do garrano”, conclúe o director da Fundación Montescola.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ONU premia o proxecto de renaturalización do río Tins

O galardón recoñece o proxecto didáctico do CEIP Plurilingüe de Outes por transformar a relación da comunidade co curso fluvial

Como axuda o cabalo salvaxe na prevención dos incendios de Galicia

As bestas que habitan nos montes son herbívoras e aliméntanse de especies leñosas, o que as converte nun factor fundamental para evitar a acumulación deste combustible natural

O cabalo salvaxe galego axuda a conservar ó lobo

Un estudo do CSIC revela que evita incendios, protexe vexetación e mantén os depredadores