A delicada situación das turbeiras, un dos ecosistemas máis sensibles de Galicia

Un proxecto liderado pola Universidade da Coruña traballa na restauración de zonas húmidas que almacenan carbono, regulan o ciclo da auga e acollen unha gran biodiversidade de especies

Unha das características principais da terra galega é a gran diversidade de ecosistemas que ten. Dende praias e duna ata bosques e marismas: todo isto pódese atopar en Galicia. Con todo, unha paisaxe menos coñecida é a turbeira, de tipo húmido, que se forma en zonas onde hai unha drenaxe parcialmente impedida da auga. A conservación da biodiversidade que descansa neste hábitat é un dos obxectivos do proxecto RuralTxa, impulsado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), co doutor en Bioloxía da Universidade da Coruña Jaime Fagúndez como un dos líderes da agrupación.

Así, dentro das actividades que levan a cabo dende setembro de 2022 está a eliminación de eucalipto das áreas de turbeira. “Son elementos moi valiosos dende o punto de vista da conservación da biodiversidade e dos diferentes servizos ecosistémicos”, sinala Fagúndez. Pero que importancia teñen as turbeiras? Acumulan carbono e, ademais, son un sistema de regulación do ciclo hídrico. Con todo, a pesar das funcións ecolóxicas que facilitan, trátase dun dos ecosistemas máis sensibles e en risco que hai en Galicia.

Publicidade

Dende a perspectiva de Jaime Fagúndez, o cambio global e a actividade humana modifican as condicións dos solos húmidos das turbeiras, e afectan á fauna e flora que alí habitan. Así, “unha restauración a grande escala é necesaria nestes ecosistemas”, aclara o investigador da UDC, poñendo o foco na importancia das turbeiras, ás veces esquecida. Con todo, é necesario coñecer máis en profundidade as súas características para poder valoralo.

Como funcionan?

Nas turbeiras habita unha familia de musgos moi específicos de zonas enchoupadas, coñecidos como Sphagnum, que tenden a reter moita auga. Ao ir morrendo parte desta especie, acumúlase materia orgánica parcialmente descomposta baixo as turbeiras. A acumulación desta materia forma turba, que pode acadar varios metros de profundidade co tempo. Así o explica Serafín González, edafólogo e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Publicidade

“A turba presenta a primeira fase na formación dos carbóns fósiles”, explica o investigador. Co paso de millóns de anos, este carbón evoluciona cara ao lignito, a hulla ou a antracita, sendo a turba o menos evolucionado da secuencia e, polo tanto, con menor poder calorífico.

Turbeira flotante de 'Sphagnum', 'Carex durieui' e 'Eriophorum angustifolium' na Serra do Xistral (Lugo). Foto: Hábitats de turbeira na Rede Natura 2000 / Ibader
Turbeira flotante de ‘Sphagnum’, ‘Carex durieui’ e ‘Eriophorum angustifolium’ na Serra do Xistral (Lugo). Foto: Hábitats de turbeira na Rede Natura 2000 / Ibader

Segundo González, as turbeiras son “hábitats moi ben selados” con condicións extremas: solos empapados, pouca dispoñibilidade de osíxeno e unha base pobres en ácidos. Estas condicións limitan a supervivencia das especies que poden vivir nelas, pois deben ser organismos altamente especializados.

Funcións ecolóxicas: ciclo da auga e do carbono

“Xogan un papel desproporcionadamente grande sobre o ciclo da auga e do carbono”, manifesta Serafín González sobre estes ecosistemas. Deste xeito, en zonas máis ou menos enchoupadas, as turbeiras axudan a almacenar, filtrar e depurar a auga. “É un reservorio moi importante neste ciclo”, engade.

Pero a súa relevancia a nivel ecolóxico non remata aí: acumulan unha grande cantidade de carbono, tendo en conta que na maioría dos casos ocupan un espazo relativamente pequeno de terra. “Por unidade de superficie, poden chegar a acumular máis carbono ca un bosque”, matiza.

Fauna e flora adaptadas

Son moitos os anfibios, aves e réptiles que habitan as turbeiras. Se visitas algún destes espazos naturais, tamén poderás contemplar unha gran variedade de cabalos do demo. Por exemplo, en zonas de turbeiras altas, como Pena Trevinca, podes atopar exemplares como a ra vermella (Rana temporaria) ou a lagartixa das brañas (Zootoca vivipara). En canto a aves, hai especies ligadas como zonas de cría, como a arceúcha das brañas (Gallinago gallinago) ou a avefría choromica (Vanellus vanellus), ás que a degradación das turbeiras lles afecta directamente. Súmanse, ademais, todos aqueles animais que dependen destas paisaxes húmidas para beber.

  • Ra vermella ou 'Ra temporaria'. Foto: Wikimedia Commons
  • Arceúcha das brañas ou 'Gallinago gallinago'. Foto: Wikimedia CommonsRa vermella ou 'Gallinago gallinago'. Foto: Wikimedia Commons
  • Averfría choromica ou 'Vanellus vanellus'. Foto: Wikimedia Commons
  • Lagartixa das brañas ou 'Zootoca vivipara'. Foto: Wikimedia Commons

“As turbeiras son importantes para a conservación da biodiversidade das especies que as habitan”, explica Jaime Fagúndez. Estas zonas adoitan estar sobre solos ácidos e pobres, polo que en moitas ocasións tamén aparecen plantas insectívoras como as droseras, que medran nun medio difícil e que evolucionaron para capturar insectos e así obter os nutrientes limitados no seu hábitat.

Contra o cambio climático ou contra as turbeiras?

Serafín González explica que Galicia ten un percorrido de accións que atentan contra a conservación das turbeiras. Un exemplo é a instalación de aeroxeradores a fin de obter enerxías renovables e loitar contra o cambio climático. Isto aconteceu nas turbeiras da Serra do Xistral, onde se atopan algunhas das mellor conservadas do sur de Europa.

Con todo, son moitos os impactos negativos que teñen sobre estas zonas húmidas: “As taxas de alteración da rede hidrográfica afectaron ás turbeiras”, sinala González. A raíz da instalación destas infraestruturas, as paisaxes pódense drenar intencionadamente ou como un dano colateral á instalación, pero unha vez que se drenan, as turbeiras deixan de estar enchoupadas, están máis osixenadas, e en consecuencia, acelérase a descomposición da materia orgánica e a liberación de CO2 á atmosfera.

Así, é o ser humano unha das maiores ameazas destes ecosistemas. Un caso concreto é o da lagoa de Antela, en Ourense, onde se desecou a zona. Antes deste fito, Serafín González lembra que os estudos estimaban que había entre1.100 e 1.200 hectáreas de turbeiras, nalgunhas das cales a capa de turba superaba o metro de espesor. Con todo, tras a súa transformación en terras de cultivo intensivo, producíronse efectos negativos como a perda de espesor da turba nuns 20-22 centímetros, e a aceleración da mineralización. Ademais, o tránsito de persoas, maquinaria e gando provocou que o solo se compactase: a turba, que é esponxosa cando está húmida, perde volume cando se pisa, algo que se nota ao camiñar por unha zona encharcada.

As turbeiras de Galicia dende RuralTxa

Segundo o informe Hábitats de turbeira na Rede Natura 2000 publicado polo Ibader (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), Galicia conta con turbeiras altas activas, non activas, de cobertor, calcáreas, baixas alcalinas e boscosas en diferentes puntos do territorio. Con todo, a diferenza das dunas, dos brazais e dos mananciais, son máis difíciles de cuantificar pois, como se explica no documento, este tipo de hábitat non está incluído nas listas de hábitats españois.

Aínda así, coñecemos algunhas como a turbeira da Gañidoira (Muras), que se desenvolveu a inicios do Holoceno sobre un nivel de saprolita. Outro exemplo é a turbeira alta que se atopa nonacemento do río Eume, ou a turbeira de cobertor que se estende polas ladeiras e fondo do val do río Pedrido (Abadín, Lugo). En Galicia, estes sistemas desenvólvense sobre solos ácidos, tal e como explica Jaime Fagúndez. Ambientalmente, o tipo de turbeira máis importante é a de cobertor, que se sitúa en pequenas valgadas e depresións das zonas altas, como as que do Xistral ou Macizo central ourensán, con especial relevancia para o ciclo da auga.

Turbeira de cobertor estendéndose polas ladeiras e fondo do val do río Pedrido (Abadín, Lugo). Foto: Hábitats de turbeira na Rede Natura 2000 / Ibader
Turbeira de cobertor estendéndose polas ladeiras e fondo do val do río Pedrido (Abadín, Lugo). Foto: Hábitats de turbeira na Rede Natura 2000 / Ibader

“Hai que destacar as turbeiras, non tanto por atoparse en mal estado, senón polo sensibles que poden ser aos cambios”, explica o investigador da UDC. Así, unha das principais accións para manter vivos estes ecosistemas é evitar a súa drenaxe. Neste contexto, dende RuralTxa, puideron comprobar que hai sistemas de turbeira en Galicia moi degradados pola intensificación agraria. “As turbeiras é onde temos que poñer o foco”, conclúe o biólogo.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As nubes baixas ameazan a observación da eclipse total de Sol no norte de Galicia

A Aemet alerta de que son as que poden ocultar por completo o Sol, e afectarán especialmente a zonas do litoral galego durante o fenómeno

A eclipse a través do móbil: o novo simulador para saber como se verá dende calquera punto de Galicia

A aplicación en liña emprega a cámara, o GPS, o acelerómetro e a brúxula para recrear o fenómeno astronómico do ano

Un congreso da UDC pon Galicia no mapa da física solar na semana da eclipse total

O astrofísico Martín Gómez Miguez explica como o valor do fenómeno cambiou co paso do tempo e a evolución das ferramentas de observación e medición.

O efecto Purkinje, o curioso fenómeno que cambiará as cores durante a eclipse total de Sol

A diminución brusca da luz activa os bastóns da retina e fai que os tons vermellos, laranxas e amarelos se perciban máis escuros