“Sen dúbida, a principal ameaza para os sistemas de praia e duna é a alteración antrópica do litoral”, afirma a bióloga ambiental Noelia Pereira Álvarez, na actualidade inmersa na elaboración da súa tese doutoral: Biodiversidade, ecoloxía e conservación de plantas en ecosistemas dunares de Galicia. Estas interferencias antrópicas —desenvolvemento urbano, presión inmobiliaria, turismo desregulado, extracción de áridos— “tenden a debilitar a resiliencia do ecosistema dunar e a actuar de forma sinérxica co cambio climático, por iso empregamos cada vez máis o concepto de cambio global, un termo que define o conxunto de transformacións ambientais a escala planetaria inducidas directa ou indirectamente pola actividade humana”, aclara a licenciada en Bioloxía pola USC e cun máster en Enxeñería ambiental.
Falamos de ecosistemas litorais de grande importancia ecolóxica e ambiental —protección costeira, da biodiversidade, reguladora do clima— sustentados en depósitos sedimentarios en equilibrio dinámico, cuxo funcionamento depende do balance entre a entrada e a saída de area. A alteración deste equilibrio pode desencadear procesos de erosión progresiva, perda de volume e mesmo desaparición do sistema, mentres a area redistribúese e acumúlase noutros sectores do litoral.
Esta situación “levou a unha dependencia crónica de rexeneración artificial, fundamentalmente a achega periódica de area, con custos económicos millonarios”, sinala Pereira Álvarez, quen cuestiona este tipo de intervención acometida, por exemplo, en praias da contorna do Golfo Ártabro (rías de Ferrol, Betanzos-Ares e Coruña). Experiencias como a rexeneración da praia-duna de Santa Cristina (Oleiros) —estudado pola doutoranda Pereira Álvarez— ou do ecosistema dunar da Frouxeira (Valdoviño) proban a eficacia de apostar por unha estratexia de non intervención (ou intervención mínima), deixando á natureza seguir a súa propia dinámica.
Un caso práctico: a duna de Santa Cristina e a Frouxeira-Valdoviño
No caso de Santa Cristina, o declive turístico da zona propiciou a retirada de estruturas artificiais e o abandono de infraestruturas urbanas e viarias que foron colmatadas pola area, e a transformación das plantacións de árbores asociadas a un aparcamento nunha zona axardinada. Esta diminución da actividade antrópica favoreceu un progresivo predominio dos factores ambientais, desencadeando un claro proceso de renaturalización que reactivou a dinámica dunar.
A partir de 2015, obsérvase un crecemento acelerado da vexetación dunar, ata o punto de que a área colonizada máis que se duplicou. Este avance está directamente vinculado ao incremento en altura do nivel de area, impulsado por unha potente retroalimentación positiva asociada a Ammophila arenaria nas frontes de dunas embrionarias, onde actúa como especie clave na captura e estabilización do sedimento.
Pola súa banda, o ecosistema da Froxueira-Valdoviño é un exemplo da elevada capacidade de recuperación dos sistemas dunares e un exemplo de xestión baseada na natureza. Na década dos 70 e 80 do século XX, a extracción de áridos chegou a alterar a bocana de desaugadoiro, desprazándoa de lugar. Neste caso foi unha intervención da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) —breve no tempo e de baixo custo— a que orientou os procesos de rexeneración dunar seguindo a súa dinámica natural. Hoxe en día, A Frouxeira recuperou o seu valor paisaxístico e ecolóxico e é un destino turístico guiado pola aposta pola sustentabilidade.

Ambos os exemplos proban que “a eliminación ou redución das presións antrópicas, permitindo que a natureza recupere o control do espazo xeográfico, constitúe a estratexia máis eficaz, prometedora e rendible —dado o seu custo económico mínimo— para a recuperación de espazos e recursos naturais”, segundo Noelia Pereira. E este é o enfoque de xestión que está a dar o Ministerio de Transición Ecolóxica á súa intervención para a rexeneración do complexo dunar de Praia Grande (Miño).
71 sistemas dunares
Esta formulación coincide con tendencias actuais na xestión integrada do litoral a escala internacional. O modelo do Observatoire du Littoral na Costa Azul francesa é paradigmático: consciente do valor estratéxico do litoral como recurso natural clave para a súa economía, as súas directrices baséanse na preservación de paisaxes e hábitats, a accesibilidade pública responsable e a xestión sostible dos usos, chegando mesmo a adquirir propiedades para garantir unha planificación a longo prazo.
En Galicia hai 71 sistemas dunares, algúns tan emblemáticos como Corrubedo (Ribeira) —o parque natural máis visitado de Galicia— e Figueiras-Muxieiro (Illas Cíes), enclaves suxeitos a figuras de protección que garanten un seguimento científico e de xestión continuo, o que se traduce nun elevado nivel de conservación e, polo menos en termos xerais, nunha ordenación do uso público orientado á sustentabilidade.
O complexo dunar de Corrubedo posúe a duna móbil máis grande do noroeste peninsular, cun quilómetro de lonxitude, de entre 200 e 250 metros de ancho e case 20 de altura. Nunha superficie que roza as 1.000 hectáreas atopamos dunas, a praia de Corrubedo e as lagoas de Vixán, de auga doce, e a de Carregal, de auga salgada. Ambas acollen entre xuncos e carrizos a 3.000 aves acuáticas.
Se miramos cara ás Illas Cíes, destaca o ecosistema dunar de Figueiras-Muxieiro, situado na parte norte da Illa de Monteagudo, con dunas móbiles, secundarias e terciarias, que dan acubillo a unha rica flora local (tomiño bravo, camariña) e a animais como o eslizón ibérico.
Unha estratexia personalizada
Con todo, existen outros sistemas de enorme valor que requiren, en opinión de Noelia Pereira, unha lectura máis matizada e contextualizada. Por exemplo, a praia-duna da Lanzada soportou intervencións históricas de grande intensidade, como a construción dunha pista de aterraxe para aeroplanos —na actualidade, un aparcamento— asociada ao temperán desenvolvemento turístico do Grove-A Toxa e Sanxenxo, ademais da presenza dunha importante infraestrutura viaria.
E, aínda así, ”manteñen un estado relativamente bo e funcional, evidenciando unha notable resiliencia do sistema”, o que “reforza a importancia de estratexias de xestión específicas para cada enclave, sustentadas no coñecemento científico, a historia de usos e a dinámica natural propia de cada ecosistema”.
A pesar das graves ameazas que pesan sobre os sistemas dunares galegos —actividade antrópica, cambio climático—, a bióloga ambiental Noelia Pereira lanza unha mensaxe de esperanza: “É viable compatibilizar a conservación dos ecosistemas naturais co uso e goce dos sistemas de praia e duna”. Non hai que obviar un feito: o uso humano intensivo destes espazos concéntrase nunha franxa temporal moi limitada —no período estival— unha estacionalidade que activar procesos naturais de rexeneración, impulsados pola dinámica sedimentaria, eólica e biolóxica propia do medio, reforzando así a súa capacidade de resiliencia e rexeneración natural.













