A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Chamábanse Vivian e Sancha, viviron no Lugo do século XIII e a xulgar polos dous documentos que se conservan hoxe, mantiveron unha relación amorosa. Podería ser unha historia coma outra calquera, se non fose porque Vivian era crego. O investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Abel de Lorenzo acaba de publicar un estudo sobre estes dous personaxes vinculados á parroquia de Tribás (Pantón, Lugo) e que deixaron dous testemuños escritos —relacionados coa compravenda e coa xestión de propiedades— datados en 1255 e 1256. No primeiro texto, o crego fai referencia a Sancha como “señora”. Un ano despois aparece a palabra “concubina”, o que demostra a existencia dunha unión entre ambos á marxe do matrimonio.

“Na documentación galega, é a primeira referencia a unha muller como concubina dun eclesiástico sen que o termo apareza de forma despectiva”, sinala De Lorenzo. Hai textos episcopais ou pontificios anteriores nos que aparece a mesma palabra, pero sempre dun modo represivo ou punible. Por exemplo, en documentos que prohiben expresamente a convivencia cos relixiosos ou sosteñen que as concubinas “teñen que estar enterradas nas tumbas das bestas”. O certo é que nas primeiras décadas do século XIII recruouse a persecución aos cregos que mantiñan relacións con mulleres. “Foi tan agresiva que tivo que ser paralizada polo Papa”, di De Lorenzo.

Publicidade

O perdón papal

Entre as décadas de 1230 e 1250, emitíronse perdóns e amnistías locais para frear a dinámica de vinganzas e persecucións cíclicas dos cregos concubinarios. “Foi unha política de Roma para apaciguar. O que se produciu foi unha caza de bruxas moi perigosa. Era unha situación moi prexudicial para a institución, porque todos os sacerdotes acababan sendo sospeitosos e ningún era totalmente puro”, detalla o historiador da USC. Neste contexto enténdese a conservación do texto do mosteiro de Oseira no que Vivian se refire a Sancha como “concubina”, dunha forma oficial e directa. Probablemente o crego recibira o perdón do Papa Alexandre IV, polo que o documento se encadra nun momento de paz e maior permisividade.

Un acordo matrimonial?

Os detalles sobre a historia de Sancha e Vivian son escasos, e só chega aos nosos días a información contida nos documentos de 1255 e 1256. No primeiro, no que ela recibe o título de “señora”, o crego cédelle varias propiedades sempre e cando manteñan a relación. “Na práctica, isto pode entenderse como unha especie de protección no seu beneficio, así como un seguro fronte á inestabilidade do vínculo”, sinala o artigo. O documento é, por tanto, un pacto sobre propiedades no que ambos os dous tiñan dereito sobre os bens do outro. “Indirectamente, é unha especie de acordo matrimonial“, sostén De Lorenzo. Malia que nel aparece claramente que Sancha “debe permanecer sempre baixo a autoridade de Vivian”, el debe encargarse de “vestila e gobernala”. É dicir, de ofrecerlle protección.

Publicidade

Non obstante, a análise do texto de 1255 quedaría incompleta sen o de 1256, que dá coa clave do vínculo entre Vivian e Sancha e demostra que entre eles había unha relación amorosa. Neste segundo documento, o crego vendeu unha das súas propiedades ao mosteiro de Oseira co permiso das súas irmás e da súa concubina. É dicir, coloca a Sancha á mesma altura que a súa familia de sangue. Este segundo texto cuestiona as “prohibicións canónicas e legais” sobre as que se apoiaba o celibato e a relación entre os eclesiásticos e as mulleres. “Ofrece unha descrición sen adornos dunha realidade que distaba moito de ser excepcional”, apunta.

Parte do documento de 1255. Foto: Madrid, Arquivo Histórico Nacional
Parte do documento de 1255. Foto: Madrid, Arquivo Histórico Nacional

Unha muller con status

A información dos dous documentos non permite reconstruír unha historia detallada de Vivian e Sancha, pero si achega datos clave da época. Sobre todo, permite seguir a pista de dous personaxes que mantiñan relacións sociais cunha das institucións máis importantes da contorna, como era o mosteiro de Oseira. “Os dous textos están apoiados por laicos e eclesiásticos que protexen a Sancha fronte á posibilidade de que Vivian non cumpra o contrato. No documento de 1255, hai unha cláusula pola que, se Vivian vende unha propiedade, deberá darlle 300 sólidos a Sancha. É unha boa suma”, sostén o historiador. A súa investigación, de momento, só atopou casos semellantes ao desta parella a finais do século XII en Aragón.

Toda a información recollida ata o momento leva a pensar que Sancha era, probablemente, alguén con certo status. “É conveniente subliñalo porque non todas as mulleres que se relacionaban con eclesiásticos eran criadas e serventas. Habíaas de certa posición social que buscaban seguridade”, matiza. O estudo publicado por De Lorenzo insiste en que, no caso de Sancha, ela “aparece con plenos poderes nos asuntos comerciais de Vivian”. E non só iso: o mosteiro de Oseira era consciente da situación e tratou de asegurar a posición de Sancha.

Este caso é moi representativo porque demostra como dous personaxes nun contexto moi concreto son capaces de establecer unha alianza similar ao matrimonio, pero conseguen eludir as prohibicións asociadas a el. E non só iso, senón que é probable que as familias e as institucións relevantes no momento fosen conscientes da relación e, fose ou non normalizada, si estaba a ser tolerada. Nada máis se sabe de Vivian e Sancha, polo menos ata o momento. Talvez un novo documento verta luz sobre un caso que abraia oito séculos despois.

A iconografía da igrexa de Tribás

Un dos aspectos que subliña De Lorenzo no seu último estudo é a representación explícita duns xenitais masculinos nas ménsulas da igrexa de Tribás, datados entre os séculos XII e XIII. Estas figuras son uns dos escasos restos medievais que se conservan no templo. Non é habitual poder relacionar estes elementos de índole sexual con personaxes que viviron no mesmo período. A historia de Sancho e Vivian coincide no tempo coas representacións da igrexa de Tribás, polo que o autor non descarta que poida haber certa relación entre estes dous personaxes e as figuras de índole sexual que se conservan na igrexa.


Referencia: A Contract for a Concubine.nMarital Relations among the Rural Clergy in Northern Iberia (ca. 1200-50) (Publicado en Reti Medievali Rivista)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Galicia rexistra a maior exposición a fume de segunda man en interiores entre mulleres novas

Un estudo revela que afecta o 41,3% das galegas de entre 15 e 34 anos, malia ser unha das comunidades con menor prevalencia de consumo

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade

Físicos advirten dun erro no estudo que vinculaba o cambio de hora con graves riscos para a saúde

Os físicos Jorge Mira e José María Martín Olalla detectan unha localización incorrecta dos condados analizados, o que altera os resultados sobre o desfase circadiano