Transportar proteínas ao interior das células, explorar novas estratexias contra tumores resistentes ou controlar reaccións químicas mediante luz e sistemas magnéticos. Son algúns dos retos científicos que abordan María Rodríguez, Tania Gerpe, Fabio Francavilla e Darío Puchán no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os catro conseguiron unha Marie Skłodowska-Curie Postdoctoral Fellowship, unha axuda europea que lles permite impulsar os seus proxectos e avanzar cara a unha maior autonomía científica.
Conseguir unha destas bolsas non é doado. Na convocatoria de 2025, a Comisión Europea seleccionou 1.610 proxectos entre as 16.836 candidaturas avaliadas, un 9,6%. Detrás de cada proposta financiada hai unha idea científica, pero tamén a capacidade de explicar por que paga a pena desenvolvela, que achega a persoa investigadora e por que o grupo receptor é o lugar adecuado para levala a cabo.
As experiencias de Rodríguez, Gerpe, Francavilla e Puchán amosan distintas maneiras de afrontar ese proceso, desde a elección do equipo co que traballar ata a construción dunha proposta coherente e o apoio necesario para presentala.
De transportar proteínas a combater tumores resistentes
María Rodríguez está dentro do grupo de Javier Montenegro, onde desenvolven o proxecto PINCLUS. Tania Gerpe traballa no Link-IT, no grupo de Rebeca García Fandiño. Pola súa banda, Fabio Francavilla investiga no proxecto PRIME-PCa no grupo de Eddy Sotelo e, finalmente, Darío Puchán, investigador no grupo BCS, con José Luis Mascareñas como responsable, participa en BiPhoMag. Todos buscan a excelencia da investigación galega.
A científica María Rodríguez busca superar unha das barreiras para o uso terapéutico das proteínas: conseguir que cheguen ao citosol, o espazo interno da célula onde deben actuar. “Poder chegar ao espazo do citosol é unha barreira que neste momento é moi grande”, explica. No proxecto PINCLUS estuda novos nanotransportadores que eviten que as proteínas queden atrapadas en vesículas celulares e se degraden antes de alcanzar a súa diana.
Tania Gerpe traballa nun problema diferente: mellorar a selectividade dos péptidos antimicrobianos, moléculas con potencial contra microorganismos e determinadas células tumorais. O proxecto Link-IT introduce un espazador entre os péptidos e os glicanos, cadeas de azucres presentes na superficie celular que poden favorecer o recoñecemento de determinadas células. O obxectivo é conseguir que estas moléculas actúen de maneira máis selectiva sen perder eficacia. “O que queremos conseguir é que os péptidos antimicrobianos sexan máis selectivos sen perder a súa eficacia”, resume.
Fabio Francavilla, pola súa banda, investiga novas estratexias contra o cancro de próstata resistente aos tratamentos. O proxecto PRIME-PCa estuda as moléculas RIPTAC, deseñadas para achegar dúas proteínas e interferir así en funcións esenciais das células tumorais. A proposta permítelle aplicar os seus coñecementos en química farmacéutica a unha tecnoloxía emerxente.
Darío Puchán combina sistemas magnéticos e reaccións químicas activadas mediante luz. Con BiPhoMag, busca controlar onde e cando se producen esas reaccións para concentrar a acción terapéutica nunha zona concreta e reducir os posibles efectos nos tecidos próximos. “O control temporal conseguímolo mediante a luz. Cando a acendemos, as reaccións comezan a funcionar, mentres que, sen luz, non se producen”, explica.
Como se constrúe unha candidatura competitiva
Ter unha idea científica interesante non abonda. A proposta debe ser viable, explicar o seu impacto e demostrar que existe unha complementariedade real entre a persoa investigadora e o grupo de acollida. Para Rodríguez, esta última parte foi unha das máis difíciles: había que identificar que podía achegar ela ao equipo e que podía aprender del.
A investigadora chegaba cunha experiencia centrada nas proteínas, mentres que o grupo de Montenegro xa traballaba en nanotransportadores. A combinación permitiulles formular un proxecto que conectaba dúas especialidades. “Tes que venderte a ti mesma bastante”, recoñece Rodríguez, que tamén destaca o apoio administrativo recibido da USC durante a preparación da candidatura.
Tania Gerpe coincide en que o reto consiste en facer que todas as pezas encaixen. “O máis difícil foi conseguir que todas as partes da candidatura se axustasen e manter unha visión coherente do proxecto, dende a idea científica ata o seu impacto e a miña evolución como investigadora”, sinala. O seu paso por unha empresa de I+D tamén influíu na súa maneira de concibir a investigación: agora procura combinar a curiosidade científica coa atención ás posibles aplicacións dos resultados.
Para Fabio Francavilla, preparar a proposta foi unha aprendizaxe sobre como comunicar a ciencia máis alá do propio campo. “Unha boa idea científica non abonda por si soa: tamén hai que demostrar que o proxecto é viable”, explica. Conseguir a bolsa pouco despois de rematar o doutoramento provocoulle primeiro incredulidade e despois unha sensación de responsabilidade ante a oportunidade de desenvolver unha liña propia.
O grupo receptor tamén foi determinante na súa decisión de incorporarse ao CiQUS. Francavilla quería combinar a súa experiencia en química farmacéutica co coñecemento do equipo de Eddy Sotelo en estratexias de proximidade molecular, a tecnoloxía na que se basean os RIPTAC. Ademais da complementariedade científica, destaca a confianza que depositaron nel para levar adiante o proxecto.
Darío Puchán tamén subliña a importancia deste acompañamento. Preparou a candidatura antes de incorporarse ao grupo e, mentres agardaba a resolución, comezou a traballar noutras liñas do equipo. Na súa opinión, contar con apoio é especialmente importante en cuestións que van máis alá da investigación, como a planificación económica ou os trámites administrativos. “Hai moitos aspectos que, por moi bo investigador que sexas, quizais non domines”, advirte.
Mobilidade, autonomía e unha nova etapa en Galicia
As traxectorias dos catro investigadores pasan por distintos países e centros, unha experiencia que lles permitiu ampliar a súa formación e coñecer outras formas de traballar. Puchán, que se doutorou en Francia e pasou posteriormente pola República Checa, anima a outras persoas investigadoras a aproveitar esas oportunidades: “Ao final coñeces outras formas de traballar e ves como funcionan as cousas en distintos lugares”.
Para Tania Gerpe, a Marie Curie representa tamén a posibilidade de iniciar unha nova etapa profesional preto da casa, despois de anos de formación e investigación no estranxeiro. “Volver e ter a oportunidade de continuar facendo investigación aquí é algo que valoro moito”, destaca.
En todos os casos, a bolsa supón un paso cara a unha maior autonomía científica, pero tamén un compromiso: converter unha proposta escrita nun proxecto de investigación. Por iso, os catro animan a quen acaba de rematar o doutoramento a valorar a convocatoria, aínda que a preparación esixa un esforzo considerable.
Puchán lembra que o proceso pode ocupar boa parte do verán, pero insiste en que paga a pena intentalo. Mesmo sen conseguir a axuda, redactar unha proposta competitiva pode servir para presentarse a outras convocatorias. A súa recomendación é clara: “O importante é ter motivación” e atopar un grupo que poida acompañar o proxecto.
Máis alá da concesión económica, as Marie Skłodowska-Curie ofrecen a estes investigadores a oportunidade de combinar a súa experiencia previa coa doutros equipos e dar forma a novas liñas de traballo. No CiQUS, esa colaboración tradúcese en catro proxectos que, desde a química, buscan respostas a problemas distintos da biomedicina.














