Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente

O hidróxeno verde está chamado a desempeñar un papel clave na transición enerxética. Dende 1975, a súa demanda mundial triplicouse e continúa en constante crecemento, superando actualmente os 70 millóns de toneladas anuais. Neste contexto, e para continuar o legado sostible, investigadores do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolven un sistema innovador baseado nanofibras de carbono capaces de controlar selectivamente a reacción química, logra producir hidróxeno verde a partir de urea —composto presente nos ouriños e noutras correntes residuais— con grande eficiencia, reducindo o consumo enerxético fronte a electrólise convencional de auga.

A investigación, publicada na prestixiosa revista Advanced Functional Materials, supón un gran avance, sobre todo para o equipo de María Giménez López, científica do CiQUS. Na electrólise convencional da auga, o hidróxeno prodúcese no cátodo, mentres que no ánodo ten lugar a evolución de osíxeno, unha reacción lenta que require un elevado aporte enerxético. O equipo do CiQUS propón substituír esta reacción pola oxidación de urea, que pode realizarse a un potencial eléctrico inferior.

Publicidade

Como alternativa, o equipo da USC emprega a valorización dos residuos: “Producimos hidróxeno acoplado ao reciclaxe dun composto que non se emprega, como a urea“, indica a investigadora. Así, substituír a oxidación da auga pola oxidación da urea presenta unha dobre vantaxe: reduce o potencial eléctrico necesario para producir hidróxeno e permite valorizar correntes residuais que conteñen este composto. O sistema acada unha eficiencia faradaica próximo ao 92% cara á formación de nitróxeno molecular (N₂), unha das cifras máis elevadas descritas para catalizadores baseados en níquel. Ademais, introduce un novo paradigma no deseño ao demostrar que o soporte pode participar activamente na reacción e controlar os produtos que se forman.

A superación dun desafío

O problema existente baseábase en que moitos catalizadores, ao oxidar urea, xeraban subprodutos como nitritos, nitratos e outros intermediarios contaminantes, reducindo a eficiencia enerxética. Con todo, o avance conseguiu un catalizador “altamente selectivo” que converte a urea en nitróxeno de forma limpa e sen contaminantes. A transformación no ánodo da urea a nitróxeno adoita ter valores elevados de nitróxeno molecular, nitratos e nitritos; neste caso, o novo catalizador consegue que preto do 92 % da carga eléctrica empregada na reacción se destine á formación de nitróxeno molecular (N₂), o produto máis limpo e ambientalmente seguro.

Publicidade

O hidróxeno verde constitúe un vector enerxético fundamental para avanzar cara a unha transición enerxética sen emisións directas de CO₂; é dicir, non é unha fonte primaria de enerxía, senón un medio para almacenar e transportar enerxía previamente capturada ou xerada. Neste caso, a electricidade necesaria para impulsar o proceso pode proceder de fontes renovables como a enerxía solar ou eólica.

“A electrólise de urea segue estando nunha fase inicial de desenvolvemento e aínda non existen solucións suficientemente eficientes para unha implantación industrial. Nos mellores sistemas baseados en níquel, a eficiencia faradaica cara á formación de nitróxeno molecular adoita situarse entre o 40-50%. Co noso sistema conseguimos alcanzar arredor dun 92%, o que supón un avance moi significativo cara a tecnoloxías máis eficientes e sostibles“, sinala María Giménez López.

Máis aló da elevada eficiencia alcanzada, o estudo introduce un novo concepto no campo da electrocatálise. Ata agora, o soporte dun catalizador considerábase un elemento practicamente pasivo, cuxa función era simplemente soster as partículas activas. O traballo do CiQUS demostra que ese soporte pode reorganizarse de forma dinámica durante a reacción, interactuar cos centros catalíticos e controlar o camiño que segue a reacción química, favorecendo a formación selectiva do nitróxeno molecular. Segundo os investigadores, este novo paradigma no deseño de electrocatalizadores podería aplicarse no futuro a numerosos procesos electroquímicos relacionados coa produción de combustibles limpos e produtos químicos sostibles.

Un proceso complexo e circular

O proceso funciona da seguinte forma: o sistema ten unha celda electroquímica que se compón de dous electrodos (cátodo e ánodo) sumerxidos nun electrolito e conectados a unha fonte de corrente continua. No cátodo prodúcese hidróxeno, mentres que no ánodo a urea se transforma preferentemente en nitróxeno molecular. Ao substituír a evolución de osíxeno pola oxidación de urea, redúcese a tensión necesaria para impulsar o proceso.

“Unha das súas vantaxes é a alimentación da economía circular e a redución da dependencia dos combustibles fósiles“, sinala Giménez-López. A urea é un desfeito que se transforma e acopla na produción de hidróxeno. “O proceso permite producir hidróxeno cun menor consumo enerxético que a electrólise convencional da auga, ademais de que o electrocatalizador non depende de ningún material precioso”, engade. Este sistema creado no CiQUS emprenga níquel, un metal de transición abundante, ademais de introducir unha innovación no que o soporte é activo: as nanofibras de carbono dopadas con xofre sobre as que se incorporan nanopartículas de níquel, adáptanse para que a transformación de urea sexa selectiva.

Futuras aplicacións

A principal aplicación desta tecnoloxía, máis eficiente e sostible, é “producir hidróxeno de forma descentralizada, alí onde existan correntes residuais ricas en urea”, sinala María Giménez-López. “Pensamos en instalacións asociadas ao tratamento de residuos procedentes da gandería, da industria ou das augas residuais urbanas, onde a urea poida aproveitarse para producir hidróxeno ao mesmo tempo que se trata ese residuo. Aínda estamos nunha fase de laboratorio, polo que os seguintes pasos serían aumentar a escala do sistema, validar o seu funcionamento con correntes residuais reais e avaliar a súa viabilidade para futuras aplicacións industriais“, conclúe.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure