O 63,23% dos nenos galegos de entre 1 e 14 anos consumen froita a diario, e o 10,91%, verdura. Máis da metade das persoas de 15 ou máis anos inxire, unha vez ou máis durante a semana, embutidos e doces. Ademais, Galicia é unha das comunidades con menor consumo de comida rápida. Esta é a radiografía en datos realizada recentemente polo Ministerio de Sanidade arredor das respostas da categoría Alimentación da Enquisa Nacional de Saúde de 2023 (ESdE). Esta información complementa estudos como no que participa María Rosaura Leis Trabazo, catedrática de Pediatría na Universidade de Santiago (USC) e presidenta da Fundación Dieta Atlántica, onde se relaciona o consumo de alimentos ultraprocesados (UPF) con alteracións metabolómicas en nenos de 3 a 6 anos.
Esta investigación con participación galega forma parte do estudo lonxitudinal CORALS (Childhood Obesity Risk Assessment Longitudinal Study), que analiza a 1.148 preescolares. Así, evidencian o vínculo co sobrepreso, obesidade, resistencia á insulina e alteracións da glicosa, a diabetes tipo 2, dislipidemia ateroxénica e as alteracións na presión arterial. “É de enorme interese atopar estes cambios tan cedo, sobre todo en períodos críticos do crecemento e desenvolvemento“, sinala a investigadora. Engade así que os primeiros mil días de vida —período fetal, e primeiro e segundo ano— son vitais na adopción de estilos de vida e alimentación saudables.
Ultraprocesados na vida diaria
Os resultados da investigación amosan un consumo medio de aproximadamente 372 gramos diarios de alimentos ultraprocesados, que supera os 600 gramos no grupo de maior consumo. Estes datos proceden da clasificación NOVA, que divide os alimentos en catro grupos: sen procesar, ingredientes culinarios procesados, os alimentos integramente procesados e os ultraprocesados. Estes últimos son o centro do estudo: o equipo analiza a súa cantidade de azucre libre e engadido, as graxas saturadas e trans, e o sal.
En orde, segundo Rosaura Leis, os resultados indican que os ultraprocesados que máis cantidade de gramos aportan son os produtos lácteos con azucre engadido, seguidos da bolaría, as bebidas azucradas, e a carne procesada e lista para comer —como salchichas ou nuggets—. Das cantidades rexistradas polos investigadores, 127 gramos corresponden a bebidas azucradas no cuartil de poboación que menos consume ultraprocesados, mentres que, nos que máis, a cifra duplícase ata os 327.
Relación estreita coa saúde
O primeiro ano de vida dun neno inclúe o período fetal, onde a alimentación da nai durante a xestación é clave. Súmase toda a idade pediátrica, ata a adolescencia, que se traduce en 8.000 días, unha fiestra durante a que poden chegar as alteracións na saúde. “En períodos de crecemento pode quedar unha pegada metabólica, pero nunca é tarde para actuar”, sinala. “No caso dos nenos con obesidade, hai unha gran probabilidade de que continúe na idade adulta, sobre todo se se adquire nos últimos anos da infancia”, engade, a pesar de que é unha enfermidade crónica e multifactorial tratable, pero non curable, e débese previr, evitar e sempre actuar.
Unha solución ante os triglicéridos altos, a menor lipoproteína de alta densidade (HDL), a insulina e o maior risco cardiovascular é sempre adherirse ás dietas tradicionais; no caso de Galicia e o norte de Portugal, a dieta atlántica e o estilo de vida baseado na actividade física e nos tempos de sono.
Perda de estilos de vida tradicionais
“Estase a perder a dieta atlántica”, subliña Rosaura Leis. Esta baséase no peixe, legumes, froitas e verduras pouco procesadas, e caracterizada polos alimentos de proximidade, de tempada, saudables e sostibles. E, a pesar de que o estudo analiza as poboacións máis novas, a catedrática da USC sinala que “os nenos son un reflexo da súa familia“. Na actualidade, os patróns alimentarios tradicionais substitúense polo patrón occidental, rico en sal, azucre engadido e graxas saturadas.
Non obstante, os nenos viven entre dous mundos: a familia e a escola. Por unha banda, a familia ten un papel fundamental na adquisición de hábitos saudables, e Rosaura subliña “a importancia dos avós, que continúan a ter adherencia á dieta atlántica”. Por outra, a catedrática da USC insta a necesidade de incluír no currículum educativo asignaturas arredor do estilo de vida, onde aprender a ler o etiquetado dos produtos e coñecer datos sobre as dietas tradicionais, ademais dunhas pautas básicas para saber cociñar. “Deben coñecer que se pode mellorar a alimentación con comida sa e receitas rápidas e sinxelas“, indica. Ademais, unha alta porcentaxe dos nenos está suxeito ao comedor escolar na comunidade e, a pesar de que é un medio para asegurar de que os nenos cumpren os estándares de alimentación durante determinados días á semana, débese transmitir tamén a dieta atlántica.
Na actualidade existen algunhas medidas, como a prohibición das máquinas expendedoras nas contornas próximas aos comedores. Pero Rosaura Leis opina que esta norma se debe expandir cara aos lugares onde os nenos practican actividades extraescolares, ademais da necesidade de regulación da publicidade dos produtos ultraprocesados.
Recomendacións para as familias
Rosaura Leis dirixe o grupo C022 – Nutrición Pediátrica no Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), onde levan a cabo diversos estudos arredor da obesidade e os seus factores de risco. Así, esta investigación, e a asociación con alteracións no sistema e o consumo de alimentos ultraprocesados é vital para ampliar o coñecemento. A partir disto, a experta subliña dúas recomendacións principais para as familias a fin de reducir o consumo deste tipo de comida: adhesión á dieta tradicional —cereal integral, peixe, lácteos, preparacións culinarias sinxelas— e gozar da contorna da mesa como un momento onde compartir e celebrar.
Referencia: Metabolomic profiling of ultra-processed food consumption and cardiovascular risk in Spanish preschool children: a cross-sectional study (Publicado en eBioMedicine)














