Con motivo da festividade de Todos os Santos, que se celebra o 1 de novembro, a Xunta fai recomendacións para evitar os criadeiros de mosquito tigre nos cemiterios, que son un dos principais lugares de cría deste insecto, xa que son espazos con macetas, elementos florais e outros recipientes propicios para acumulación de auga.
Entre as recomendacións da Consellería de Sanidade destaca o evitar que os recipientes e contedores de flores e obxectos ornamentais que se dispoñan nos cemiterios permitan a acumulación de auga, xa que poden albergar larvas deste insecto.
A solución máis eficaz e definitiva é furar os ditos recipientes para a súa drenaxe. No caso de non ser posible, pódese manter o líquido nos vasos, evitando que se forme a lámina de auga necesaria para os mosquitos. Isto conséguese engadindo esponxas, fibras absorbentes, xeles hidropónicos ou calquera outro material inerte non flotante.
Así mesmo, tamén se pode empregar area colocándoa nos pratos de debaixo das macetas e regala para proporcionar humidade ás plantas. Outra opción é optar polo uso de flores artificiais.
Ademais, é importante baleirar e voltear os floreiros, macetas, pratos e outros recipientes que poidan acumular auga e que non se usen.
Colaboración cidadá
O mosquito tigre é oriúndo de Asia e pode ser vector de enfermidades como o dengue, chikungunya ou Zika.
En Galicia detectouse por primeira vez no ano 2023 e, desde entón, son numerosos os concellos da provincia de Pontevedra con presenza deste vector, se ben non se identificou ata o momento ningún caso autóctono de enfermidades transmitidas por este mosquito.

Non obstante, é moi importante evitar a súa proliferación, para o cal é necesario a colaboración de toda a cidadanía, especialmente naqueles municipios con presenza deste insecto. Isto conséguese a través de pequenas accións destinadas a evitar acumulacións de auga, que constitúen os principais focos de cría deste vector. A Dirección Xeral de Saúde Pública achega máis información sobre o mosquito tigre a través desta ligazón.














