Os bosques de carrumeiro, formados por algas Saccorhiza polyschides, son selvas vexetais mariñas de algas xigantes que caracterizan ás augas galegas. A raíz da súa importancia para o ecosistema, os submarinistas audiovisuais Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez crearon o documental O bosque de carrumeiro, unha estrea que se proxectará por primeira vez o vindeiro xoves 5 de novembro no último día da 34ª edición da Semana de Cine Submariño no auditorio de Afundación de Vigo. A cinta, filmada integramente en Galicia —dende a ría de Vigo, Muros, A Coruña ou Malpica de Bergantiños— e en galego, recolle 30 minutos de imaxes ligadas a estes bosques de algas xigantes cunha premisa: “Contar moita da historia que hai aí abaixo”.
Así o reflicte un dos autores da peza, Xaime Beiro, narrando unha viaxe artística que comezou hai aproximadamente dous anos, cando os tres profesionais se xuntaron nunha das pasadas edicións do certame. “Queriamos facer algo os tres con moita máis ambición da que podiamos conseguir individualmente”, sinala. Desta forma, decidiron que o eixo do documental debía ser un elemento propio do mar galego e un icono das augas frías nas que se moven como submarinistas audiovisuais. A resposta foi clara: o bosque de carrumeiro, que dá título á peza. Para trasladar esta idea á realidade contaron co apoio do Consello Social, do Centro de Investigacións Mariñas (CIM) e da Vicerreitoría de Extensión da Universidade de Vigo.
Moitas historias en media hora
O bosque de carrumeiro estrearase o terceiro día da Semana do Cine Submariño en forma dun proxecto audiovisual que narra múltiples historias concentradas en media hora a través das especies animais que os autores coñecen grazas ao seu traballo. O obxectivo é narrar que ocorre dende a base do bosque ata a parte máis superficial: “Será unha viaxe vertical a través dun ecosistema variado e amplo, refuxio de multitude de especies”. Con todo, a súa función ecolóxica non se basea só niso, senón tamén na osixenación das augas e nos ciclos vitais.
Xaime Beiro explica que os bosques de carrumeiro están formados por distintos tipos de algas. Por unha banda, o carrumeiro, unha alga que se arrinca no outono e medra en primavera; no caso de que esta estación estea chea de días solleiros, medra moito e convértese nunha planta moi frondosa. E, por outra, unha laminaria propia de galicia, perenne, que está presente durante todo o ano; nela se están a facer estudos polos efectos que poden ter a contaminación e o aumento da temperatura da auga.
Primeiros rexistros audiovisuais
“Moitas imaxes do documental son material que tiñamos os tres gardado antes de existir esta idea”, explica Beiro. O que non sabían é que había ouro neses fragmentos do mar captados en cámara: “Gravamos moitos comportamentos que o público xeral non adoita ver“, sinala. Entre eles, accións de caza e reprodución de chocos e polbos. De feito, dende o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), informáronlles de que foran quen de documentar por primeira vez en vídeo e en vivo unha clase de comportamento caníbal xa estudada nunha especie de choco galega, pero nunca visto.
Redescubrir a diversidade mariña
“Agardamos que a xente descubra, ou redescubra, a diversidade mariña que temos ao pé da casa”, reivindica o submarinista Xaime Beiro. Así, engade que os tres autores do documental están de acordo en que se debe cambiar o paradigma: deixar de ver o mar como un sitio unicamente de pesca e contemplalo como un ecosistema e fonte de vida mariña. “Para que a xente se involucre ten que saber que é o que hai”, subliña. Así, unha narrativa exquisita únese a unhas imaxes impactantes sobre os bosques de carrumeiro e as vidas que habitan neles, cun futuro disposto a contar máis historias e divulgar máis ecosistemas propios de Galicia.
Podes ver o tráiler do documental O bosque de carrumeiro na seguinte ligazón.














