Especie vulnerable ou en perigo crítico? Un documental analiza a situación da candorca ibérica

O proxecto, no que participa a CEMMA, achega a visión de diferentes expertos sobre as interaccións cos cetáceos e incide en que non deben considerarse ataques

Galicia non é allea á presenza das candorcas: cada ano, estes cetáceos emprenden unha viaxe dende o Estreito de Xibraltar ata o Golfo de Biscaia, un traxecto co que pasan cara a finais do verán polas augas galegas. Sábese que o atún vermello, que é a principal presa destes cetáceos, marca os seus desprazamentos ao longo do ano. Así e todo, outros aspectos do seu comportamento son aínda un misterio. Descoñécese, por exemplo, o motivo das interaccións destes animais con embarcacións humanas. Un documental da organización internacional de conservación mariña Sea Sheperd France presenta a situación das candorcas dende unha perspectiva múltiple, a través das achegas de diferentes expertos na materia.

A peza audiovisual estrearase en Galicia o 30 de outubro ás 19:30 horas, no Auditorio do Museo de Historia Natural da Sociedade Galega de Historia Natural, en Ferrol. Chámase Espartes: crónica da candorca ibérica e contou coa colaboración da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA ) e do Grupo de Traballo Candorca Atlántica (GTOA).

Publicidade

“O documental está elaborado por Sea Shepherd France, que leva dende o 2024 facendo campañas no Estreito para informar aos navegantes da situación das candorcas, previr que lles pasen por enriba coas embarcacións, e facer un seguimento dos movementos dos animais”, conta o presidente do CEMMA e membro do Grupo de Traballo Orca Atlántica Alfredo López. Indica que a organización francesa non se limitou a recoller información gráfica, senón que contaron coa participación dos investigadores e institucións que levan dende aproximadamente o 2020 traballando con estes animais. Tomaron parte do proxecto, entre outras, a entidade WeWhale, a través do seu fundador, Janek Andre, e dun dos patróns cos que colaboran, Thomas, do Walruce; e a bióloga e activista neozelandesa Ingrid Natasha Visser. Estes son algúns dos fotogramas do documental:

A situación das candorcas en Galicia

O documental analiza a situación da candorca ibérica (Orcinus orca), partindo da súa delicada presenza e tendo presente que esta especie iniciou o que denominan dende o documental como un “comportamento disruptivo” —en alusión ás interaccións con veleiros— en torno ao ano 2020 por motivos aínda descoñecidos.

Publicidade

As candorcas están consideradas como ‘vulnerables‘ no Catálogo Español de Especies Ameazadas (CEEA). Esta denominación protéxeas de “calquera actuación feita co propósito de darlles morte, capturalas, perseguilas ou molestalas”, segundo indica o texto relativo á protección legal das candorcas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Así e todo, colectivos animalistas como a CEMMA aluden a denominación que recibe a Orcinus orca na IUCN. “É un organismo internacional consultivo que avalía o estado das especies. Considera que as candorcas están en perigo crítico de extinción“, explica Alfredo López.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, recolle no seu artigo 60 que declarar unha especie como ‘en perigo crítico’ “terá como consecuencia que as obras e os proxectos encamiñados á recuperación destas especies terán a consideración de interese xeral e a súa tramitación terá carácter de urxencia“. As organizacións pola conservación da candorca reclaman que se aplique este nivel de protección ao cetáceo.

A importancia do léxico: unha interacción non é un ataque

“A situación das candorcas está causando dende o seu inicio, aí polo 2020, un importante impacto a nivel social e unha distorsión nos medios. O documental trata de focalizar a realidade das interaccións destacando que se trata dun contexto complicado”, declara o presidente da CEMMA. Alfredo López apunta que entre os grandes obxectivos da proxección é despertar a concienciación da sociedade e reclamar unha maior protección cara a estes animais, á par que se desmitifica a idea de que estes cetáceos inician ataques contra embarcacións.

“Cando unha persoa califica algo, cando lle dá un nome, hai unha intención detrás da denominación. Nós sempre falamos de interaccións, non de ataques. Temos que cinguirnos ao significado das palabras”, conta Alfredo López. O biólogo engade un exemplo ao respecto: “Cando vas camiñando, as bolboretas que tes a carón na rúa saen voando. Iso é unha interacción, non un ataque”. Non todos os encontros con candorcas teñen contacto físico entre o animal e os barcos, polo que, como indica o presidente da CEMMA, definir calquera interacción como un ataque deixa fóra unha ampla realidade de achegamentos. “E mesmo neses casos tampouco falamos de ataque, porque as candorcas non teñen esa intención de danar“, afirma o investigador.

Alfredo López xa aclarara para GCiencia —cando se avistara en augas galegas o segundo grupo de candorcas desta tempada— como debe actuar unha embarcación no caso de avistar este cetáceo: “Debe rexistrar o caso, dar aviso e non achegarse para evitar as interaccións”. O presidente da CEMMA explicara entón que o mellor curso de actuación é deter o navío: “Sabemos que a velocidade e o movemento propician a interacción. Ese comportamento [parar o barco] reduce os contactos con elas nun 60%, pero non nun 100%. Non hai unha solución máxica”, concluíra.

A mensaxe do documental

Espartes: crónica da candorca ibérica achega unha visión xeral das candorcas, do que implican para o ser humano e do que supuxeron durante miles de anos. Un dos puntos máis cruciais do documental é o das interaccións. Múltiples expertos comparten na peza a súa valoración da situación e invitan o espectador a ter unha visión da especie máis racional e propiciar que se use o calificativo axeitado, que é o de ‘interaccións’.

“Queremos ofrecer a información máis veraz e obxectiva posible sobre este asunto. Como conclusión do documental, procuramos chamar á reflexión sobre o uso que fan os seres humanos da contorna e o impacto que teñen na natureza”, afirma o director da CEMMA. Esta perspectiva pon o cetáceo no centro da discusión, máis que como un elemento orbital da humanidade. “Está claro que as candorcas teñen algo que dicir sobre a invasión humana da súa contorna”, engade o biólogo.

Unha experiencia para todos os públicos

A estrea en Galicia deste documental será en Ferrol, pero Alfredo López sinala que xa buscan opcións para continuar a distribución da peza polas cidades galegas e os portos máis importantes da comunidade. Estas visualizacións irán acompañadas dun coloquio no que se animará os espectadores a compartir as súas opinións sobre a situación. Na cita deste 30 de outubro, os investigadores da CEMMA e membros do GTOA Alfredo López e Mónica González tomarán parte da discusión.

Esta proxección estará aberta a un público xeral. “É un tema coa importancia suficiente como para que exista un coñecemento amplo por parte da sociedade, con independencia de se teñen barco ou non. En esencia, fala da conservación do medio ambiente“, asegura López. O biólogo resalta o interese que amosa a poboación máis nova: “Chámanlles a atención as cousas máis impresionantes. Pregúntannos por quenllas, tiburóns, candorcas… Teñen curiosidade, e queremos satisfacerlles a necesidade de información“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Inflamación e fibrose: así evoluciona a candorca Toñi tras sufrir disparos con perdigóns de chumbo

O exemplar presenta nove orificios de entrada no lado esquerdo da súa aleta e cinco de saída na parte contraria

Benvida ás candorcas

Hai dúas normas principais: non atacar e conservar a estes cetáceos son medidas fundamentais para mellorar a súa supervivencia. Por Andrea Veiga

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións