A culpa é do atún vermello: as claves da chegada das candorcas as rías galegas

A poboación da especie que pasa polo litoral non excede dos 50 individuos en ruta entre Xibraltar e o Golfo de Biscaia

En xullo, as candorcas comezaron a aparecer na costa galega. Segundo a aplicación GT Orca, a maioría dos avistamentos rexistráronse fronte ao Parque Natural das Dunas de Corrubedo, na entrada da ría de Arousa, con tres interaccións que incluíron contacto físico con embarcacións. En agosto, a cifra nesta zona aumentou ata os dez avistamentos, entre eles un exemplar observado fronte Vilanova de Arousa que non chegou a interactuar con barcos. Segundo explica Alfredo López, biólogo mariño da Coordinación para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA), a presenza destes animais na ría de Arousa está relacionada coa busca de alimento. Con todo, a razón pola que tocan os barcos segue a ser un misterio.

“A poboación de candorcas ronda os 50 individuos”, indica o especialista. Todas elas pasan nalgún momento do ano polas costas galegas, aínda que non o fagan ao mesmo tempo nin formando un único grupo. Dende o Estreito de Xibraltar, viaxan ata o Golfo de Biscaia e fan escala en Galicia ou regresan cara ao sur, seguindo rutas variadas.

Publicidade

Aínda que organizacións como o CEMMA adoitan simplificar a súa migración como un traxecto entre o Estreito e o Golfo de Biscaia, a realidade é máis complexa. “As candorcas sempre se moverán segundo o alimento”, sinala López. O atún vermello, a súa presa principal, marca o ritmo dos seus desprazamentos. “Se un banco de atúns pasa moi rápido e detrás vén outro, esperan ao seguinte”, engade.

Na actualidade, algúns exemplares permanecen nas costas galegas, mentres outros descansan na zona portuguesa de Peniche ou se desprazan mar adentro. Un exemplo concreto produciuse o pasado 23 de agosto, cando un grupo de oito candorcas foi identificado na ría de Arousa: entre elas, seis femias e un cachorro macho de menos dun anos. Algúns dos individuos introducíronse baixo os barcos, mentres o resto permanecía nas proximidades como observadoras.

Publicidade

Interaccións, non ataques

Dende o CEMMA, Alfredo López insiste en que as interaccións non deben interpretarse como ataques, xa que os animais non amosan unha actitude agresiva durante estas situacións. “As interaccións son a resposta dunha especie ante un estímulo”, explica. Neste caso, o estímulo son os humanos a bordo das embarcacións, fronte ás cales as candorcas ofrecen distintas reaccións.

Entre os comportamentos máis habituais atópase o feito de nadar xunto aos barcos, ás veces chegando a tocalos, como sucedeu o 23 de agosto na ría de Arousa. Desta maneira, o biólogo chama á calma: “Nin manteñen unha actitude agresiva, nin se van comer a ninguén”.

O principal obxectivo das candorcas nestas interaccións é o leme, unha pela esencial para manobrar o barco, pero non deseñada para soportar presións tan intensas. O contacto cun animal de varias toneladas fai que a estrutura absorba unha gran cantidade de enerxía e, se a forza exercida supera a súa capacidade de torsión, o material, sexa madeira o metal, pode chegar a romper.

Segundo Alfredo López, o incremento do tráfico marítimo nos últimos anos podería estar a influír no comportamento destes cetáceos. De feito, lembra que na zona do Estreito de Xibraltar, onde as candorcas se alimentan, implementouse un dispositivo de regulación do tráfico semellante ao que existe fronte a Fisterra.

Estratexia de caza á galega

“A presenza da candorca nas rías está exclusivamente relacionada coa estratexia da caza do atún”, sinala o biólogo Alfredo López. O seu método consiste en navegar cara mar aberto, a uns 200 ou 300 metros de profundidade, para logo acurralar os bancos de atún e empurralos cara á costa, onde resulta moito máis doado capturalos e alimentarse.

Dende o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), o biólogo Bruno Díaz confirma que o atún vermello é a base da dieta altamente especializada destas candorcas. “O que máis se coñece destas candorcas é o que fan na primavera e no verán, seguindo a migración do atún”, explica, relacionando así os movementos dos cetáceos co comportamento da sua presa principal.

Con todo, Díaz advirte da dificúltale de coñecer ao detalle as preferencias alimentarias desta especie. “Todos os depredadores superiores, nalgunhas ocasións, poden ter presas secundarias“, sinala, como outros túnidos ou mesmo cefalópodos, aínda que esta só é unha primeira hipótese. Engade que unha excesiva especialización alimentaria sería arriscada, xa que a desaparición da presa principal podería comprometer a supervivencia da especie.

Esta reflexión do BDRI parte da comparación co calderón gris, un cetáceo puramente teutófago que se alimenta de cefalópodos. Algunhas observación en Galicia, como a de candorcas con polbos na boca na ría de Arousa, poderían apoiar a idea de que o polbo actúe como presa secundaria. Porén, iso non explicaría por si só a súa presenza nas augas galegas. Como insiste Díaz, non existen estudos específicos sobre a dieta das candorcas fóra do Estreito de Xibraltar durante a primavera e o verán. “As candorcas están en Galicia a finais do verán e no outono, pero non se sabe cal é a súa dieta aquí”, conclúe.

A migración do atún vermello

Cando se fala dos movementos das candorcas, é inevitable mencionar a migración do atún vermello. “Calquera desviación que fagan os atúns na súa migración é a que van seguir as candorcas despois”, explica Alfredo López. A diferenza é que, en épocas anteriores, estas rutas transcurrían por augas máis profundas.

Aínda que actualmente sorprende a súa presenza nas costas galegas, seguramente xa era coñecida no pasado. A existencia de topónimos, lendas e nomes relacionados coas candorcas evidencia este feito. “Nalgún momento tiveron que estar máis cerca das costas”, argumenta o biólogo do CEMMA.

O motivo da súa chegada ás costas galegas é a procura de alimento, aínda que o seu paradero varía segundo o ano. Segundo os rexistros da Coordinación para o Estudo de Mamíferos Mariños, no 2020 situáronse cara ao Arco Ártabro e en 2021 fronte á Illa de Sálvora. Galicia constitúe, así, unha parada habitual na súa ruta cara ao norte da península.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven ás costas galegas: rexístrase un avistamento nas Rías Baixas

A CEMMA confirma que os cetáceos xa se atopan de camiño ao norte de Galicia e agardan a chegada doutros dous grupo que veñen dende Portugal

A historia das tartarugas que chegaron a Galicia tras o tren de borrascas e agora regresan ao mar

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños liberará a 'Tanxil' e 'Noetiña' fronte á ría de Vigo na embarcación 'Novo ollo do mar'

‘Mozarrón’ e ‘Pega’, as tartarugas que regresan ao mar tras chegar desnutridas ás costas galegas

A CEMMA devolve ao océano dous espécimes de 'Caretta caretta' despois dunha rehabilitación en augas de 18 a 20 graos

▪️ Un estudo con participación galega atopa proteínas relacionadas co alzhéimer en cetáceos

A investigación determina que a proteína AT100 asociada a doenzas neurodexenerativas indica envellecemento natural e dano neuronal agudo