A ONU acepta a ampliación do territorio mariño galego en 38.500 quilómetros cadrados

A expansión, que se ratificará previsiblemente en febreiro, implicará a localización e xestión de posibles refugallos nucleares na zona

Galicia vai camiño de estender as súas fronteiras en aproximadamente 38.500 quilómetros cadrados despois de que as Nacións Unidas (ONU) aprobaran en agosto de forma provisional a proposta de ampliación da plataforma continental ao oeste da comunidade. A subcomisión deu o visto e prace á integración, que requirirá da súa confirmación en sesión plenaria, segundo aclara Luis Somoza, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas e coordinador científico e asesor del Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación (MAEC). A data para este paso final será, previsiblemente, en febreiro de 2026.

A petición do Goberno de España conseguirá, cando se ratifique, que as administracións públicas poidan exercer a soberanía sobre os recursos naturais do fondo e do subsolo mariño, máis alá das 200 millas iniciais da denominada Zona Económica Exclusiva. O novo territorio, que está limitado ao norte por Francia, permitirá unha mellor protección das nosas costas e abrirá oportunidades, por exemplo, para aqueles recursos que se atopen no leito mariño. O novo territorio equivale a unha extensión algo inferior a Estremadura, máis que Cataluña ou que países como Bélxica.

Publicidade

Os estudos apuntan a que parte do terreo podería estar afectado pola vertedura de refugallos nucleares realizados na zona e que un equipo científico francés está a investigar. A prioridade será, segundo Somoza, localizar eses barrís e coñecer o seu estado. “Por sorte temos o Odón de Buen, en Vigo, cunha ferramenta estupenda para poder detectar onde están”, explica o experto. Sería o primeiro paso importante para abordar a súa xestión, que pasaría a ser responsabilidade do Goberno de España.

Un proceso lento

A medida é o resultado de case dúas décadas de defensa por parte da delegación enviada polo MAEC. En 2005 realizouse unha primeira petición, que foi concedida. En 2009, presentouse a actual. A súa base legal é o artigo 76 do Anexo II da Convención da ONU sobre o Dereito do Mar (CONVEMAR), onde se permite a extensión ata as 350 millas náuticas (fronte ás 200 iniciais) do territorio marítimo.

Publicidade

En 2024 realizouse un novo documento baseado en información técnica que apoiaba o interese español de ampliar os seus límites mariños. Neste, tamén se comunicaba a ausencia de conflito para a aprobación das zonas en cuestión. A presentación realizouse tras a colaboración coas autoridades de Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido. A comezos de 2025, parecía que o organismo xa daría o seu aprobado provisional, malia que finalmente houbo unha pequena modificación. Tras a última reunión en agosto, a solicitude ten vía libre para ser aprobada polo Consello.

Un proceso global

Os expertos da Comisión de Límites da Plataforma Continental (CLPC) son os encargados de facer os exames técnicos e, desde o ano 2001, xa levan ata 97 propostas. Entre elas, tres españolas: no mar Céltico e mar Cantábrico (aprobado en 2009), en Galicia (proceso que está finalizando) e nas Illas Canarias, rexistrada no ano 2014 e aínda á espera. Son procesos moi lentos, pola burocracia que require e pola cantidade de países involucrados. No último pleno realizado pola comisión, as peticións de Mauricio, Palau, Portugal, España, México ou Dinamarca eran algunhas das que estaban enriba da mesa para ampliar os seus territorios marítimos. “É un proceso global”, explica Somoza.

https://twitter.com/SpainUN/status/1953506356838740334

O leito mariño conta con depósitos minerais. Algúns dos máis importantes poden ser o cobalto, níquel e o vanadio, que se atopan en montes submariños. Ademais, segundo Somozas, nas chairas abisais tamén se atoparon manganeso e terras raras. Son elementos de interese para algunhas empresas xa que son cruciais para a fabricación de baterías. Ademais, existe a posibilidade de atopar recursos enerxéticos como petróleo, gas e gas hidratado, frecuente nos marxes continentais. No caso de España, podería asegurar que de realizarse algunha actuación na zona, que sexan acordes á lexislación española, aínda que o traballo a tan altas profundidades sexan de por si complicados e pouco probables. “Unha empresa farmacéutica galega, por exemplo, podería utilizar recursos presentes no leito”, di Somoza.

O Gran Burato

Un punto clave do fondo mariño é o chamado Gran Burato. O accidente é un cráter de catro quilómetros de diámetro moi singular por ser un dos máis grandes do mundo. A súa formación débese ao gas que había no subsolo, que causou unha explosión, segundo indicou en 2021 Daniel Rey, coordinador do GEOMA e catedrático da Universidade de Vigo. O investigador explicaba que aínda que este tipo de procesos son moi habituais, o Gran Burato destaca polo seu tamaño.

Iso si, malia a aparición de gases deste tipo non implican a súa explotación. Primeiro, polos efectos ambientais que pode xerar. A minería subterránea ou o aproveitamento destas fontes de enerxía teñen un impacto directo na fauna e nos solos locais. Ademais, a complexidade da súa explotación fano pouco atractivo para as empresas, xa que pode ser moi custoso. Estes dous motivos fan que os expertos busquen alternativas. “Nós seguimos pedindo proxectos, pero máis centrados en cuestións de cambio climático e non de recursos fósiles”, explicaba Rey. Un exemplo disto serían plataformas eólicas ou maremotrices.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol