O ensaio clínico Galflu, o proxecto pioneiro de Galicia sobre a vacina de alta carga fronte á gripe, demostrou a eficacia desta dose ao reducir un 31,8% as hospitalizacións en comparación coa vacina estándar.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou os resultados do estudo nunha rolda de prensa, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e do investigador Federico Martinón, responsable do Grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
Gómez Caamaño destacou tamén a redución do risco de hospitalización por gripe ou pneumonía nun 23,7% coa vacina antigripal reforzada, e dun 8,4% nas hospitalizacións por eventos cardiorrespiratorios. O titular de Sanidade reiterou a decisión da Xunta de, unha vez demostrada a eficacia, ampliar a aplicación da vacina de alta carga para todas as persoas de 70 a 79 anos. En campañas anteriores, esta vacina administrábase a maiores de 80 anos, así como a residentes en centros sociosanitarios e persoas inmunodeprimidas.
A cidadania galega fronte a gripe
Antonio Gómez Caamaño agradeceu a implicación da cidadanía galega, con case 135.000 participantes nas dúas últimas campañas de vacinación. Explicou que, grazas ao envío de SMS para convidar persoas de 65 a 79 anos e ás invitacións nos propios centros de vacinación, lográronse completar os recrutamentos necesarios en apenas un mes. Deu tamén as grazas expresamente ás 200 enfermeiras do Servizo Galego de Saúde que colaboraron no proxecto.
Os resultados de Galflu, un dos ensaios clínicos de maior dimensión realizados en España no ámbito das vacinas, acaban de publicarse na revista New England Journal of Medicine, unha das máis destacadas a nivel internacional. O conselleiro de Sanidade insistiu no acerto da Xunta ao apostar pola investigación clínica aplicada para optimizar as políticas de saúde pública, mostrando os beneficios dunha planificación e avaliación rigorosa do sistema de vacinación galego.
Acordo de risco compartido
Para a próxima campaña fronte á gripe, Galicia será a primeira rexión a nivel mundial en impulsar un sistema de adquisición de vacinas que teña en conta os resultados e a efectividade real nos pacientes.
A Xunta destinará máis de 7,2 millóns de euros á primeira compra de vacinas de alta carga fronte á gripe mediante un acordo de risco compartido, baseado en conseguir resultados en saúde e que permite axustar o prezo das vacinas en función da súa capacidade para reducir as hospitalizacións.














