Un home maior de 65 anos faleceu a finais de 2024 a causa da gripe aviaria tras contaxiarse na granxa de polos de Louisiana (Estados Unidos) na que traballaba. É a primeira vítima mortal ata o de agora, pero non o único contaxio. Dende abril do ano pasado, o virus H5N1 infectou a 70 persoas no país americano e máis da metade contraérono nunha granxa de gando vacún. A comunidade científica internacional mostra sen reticencias a súa preocupación por uns virus, os da influenza, capaces de mutar con moita rapidez para saltar a outras especies. Cabe preguntarse, neste quinto aniversario da covid, se estamos á porta doutra pandemia.
“As ameazas actuais seguen sendo os virus da gripe, e especialmente a gripe aviaria, e como responsables de producir gromos importantes, as relacionadas co cambio climático, como as enfermidades transmitidas por artrópodos —paludismo, dengue, chikungunya, zyka…— e por augas contaminadas”, sinala o epidemiólogo Juan Gestal, profesor emérito da Universidade de Santiago (USC). Tamén menciona o virus mpox, que “xa provocou unha pandemia” entre 2022 e 2023 e do que se está a rexistrar un aumento da incidencia. Non obstante, as vacinas dispoñibles son “moi efectivas”, o que impediría unha escalada descontrolada de casos.
Estas son as principais hipóteses que manexa o experto, que descarta a posibilidade de que o SARS-CoV-2 volva provocar unha crise sanitaria. Segundo explica, a poboación xa desenvolveu inmunidade —ben natural tras a infección por coronavirus ou ben a través das vacinas—, polo que o seu corpo xa é quen de protexerse ante o patóxeno. Con todo, sinala que isto tan só é unha teoría apoiada na evidencia científica e que a natureza sempre pode sorprender. “A principios de século estabámonos preparando para unha posible pandemia de gripe aviaria A (H5N1) procedente do leste, e chegou do oeste a gripe porcina que se denominou gripe A”, lembra o epidemiólogo.
O recordo da gripe de 1918
Son precisamente os virus da influenza os que sempre están no punto de mira pola súa capacidade de mutación e de xerar pandemias como a de 1918. A gripe que desatou o caos nas primeiras décadas do século XX deixou 50 millóns de falecidos no mundo e 147.114 vítimas mortais en España, ás que habería que sumar as 123.056 defuncións polas complicacións derivadas da infección, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). A pregunta, por tanto, é se cabe a posibilidade de que volva acontecer algo semellante: “A ameaza dunha pandemia de gripe segue aí e seguramente ocorrerá no futuro, o que non sabemos é cal será a súa gravidade”.
Ao respecto da pandemia de 1918, Gestal indica que os xenes do virus da gripe eran aviares, o que dá máis forza á preocupación pola escalada de casos neste grupo animal, así como nalgúns mamíferos, e o seu potencial salto a humanos de forma xeneralizada. “É preocupante”, sostén o profesor emérito da USC. “Sobre todo a afectación de porcos nunha granxa de Oregón, pola posibilidade de recombinación con outros virus gropais que facilite o salto de especie aos humanos”, argumenta. Menciona, tamén, os gromos de gripe aviaria en vacas en Estados Unidos. Tamén cabe lembrar que hai dous anos, a enfermidade minguou considerablemente a poboación de focas de Sudamérica.
Polo momento, risco baixo
Non obstante, Gestal lanza unha mensaxe de calma: “A pesar de que os casos de gripe aviaria A (H5N1) en aves e mamíferos aumentaron, a transmisión en humanos segue sendo rara e a trasmisión de humano a humano extremadamente rara”. Amais disto, o experto sostén que a meirande parte das infeccións que provoca o virus son asintomáticas ou provocan enfermidade leve, con síntomas propios dun catarro común como tose, febre e conxuntivite. O risco actual para a poboación xeral é “moi baixo” e “baixo” para os traballadores expostos a animais enfermos.
Fronte a esta mensaxe tranquilizadora, tampouco se debe baixar a garda. Gestal pon énfase na posibilidade de que o virus da influenza aviaria sufra mutacións que permitan unha transmisión humana. “Require continuar coas actuais medidas de vixilancia e saúde pública, así como mellorar a detección precoz de posibles casos en humanos e estudar novas vías de transmisión”, sinala o epidemiólogo.
Protocolo de vixilancia
A este respecto, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ten o seu propio protocolo de actuación e vixilancia ante a gripe aviaria en humanos. Segundo explican fontes do departamento, se se sospeita dun foco nunha granxa, infórmase ás persoas que puideron estar expostas. Se algunhas delas dá positivo, tomaríase mostras a todas as que estiveron en contacto cos animais enfermos e avisaríase ao centro de saúde correspondente para que estean atentos se consultan pacientes con síntomas compatibles cos da gripe aviaria.
Porén, os animais domésticos son o segundo chanzo. O primeiro serían as aves silvestres. Para iso seguiríase un protocolo semellante de cribado, para ver se as persoas expostas ao foco sen medidas de protección e con síntomas compatibles están contaxiadas. Se a proba é positiva, e malia que estea a cursar a enfermidade leve, trasladarase o paciente a un hospital coas medidas axeitadas onde permanecerá en illamento. Agás se non ten síntomas pero é positivo; entón pasará a infección na súa casa.
Máis alá destas medidas, restrinxidas ao contacto con animais enfermos, en Galicia hai unha rede sentinela de hospitais para vixilar as infeccións respiratorias graves e que, por tanto, producen ingresos. “Consiste na secuenciación e subtipado dos casos que ingresan por unha infección respiratoria, incluindo a gripe”, sinalan fontes do Sergas. Isto serviría para detectar subtipos de gripe diferentes aos que están a circular esta tempada e, así, ampliar o estudo para determinar se pode corresponderse coa influenza aviaria. Nesta tempada, informa Sanidade, secuenciáronse máis de 1.400 probas.
Pandemia de desinformación
En Galicia e no resto de España estanse tomando medidas de vixilancia epidemiolóxica da gripe aviaria pero a vista está posta nos Estados Unidos que, no que levamos de ano, rexistrou 35 millóns de mortes de galiñas, patos e pavos, ben pola enfermidade, ben porque foron sacrificados. A administración agora liderada por Trump está a reducir fondos dos principais organismos sanitarios do país e as conspiracións e noticias falsas respecto á gripe aviaria, como o convencemento de que todo é un complot para vacinar os animais, están circulando a un ritmo vertixinoso.
A neurocientífica Sonia Villapol está a vivir esta crise, que acendeu as alarmas polo precio desorbitado dos ovos, dende o epicentro mesmo do furacán. Traballa dende hai anos no Hospital Methodist de Texas, nos Estados Unidos. “A gripe aviaria (H5N1) xa está afectando mamíferos nos Estados Unidos, o que aumenta a posibilidade de que o virus evolucione e chegue a transmitirse entre humanos”, sinala. Continúa explicando que o “potencial pandémico” do virus é incerto, o que dificulta unha resposta temperá. E critica a falta de sistemas de alerta, a acusada fatiga causada tras a covid e o aumento da desconfianza na ciencia.
Estamos preparados?
Cabe preguntarse, por tanto, como de preparados estamos para unha próxima pandemia que chegará, aínda que non se saiba cando. A psiquitra do Sergas Iria Veiga considera que, dende o punto de vista da saúde mental, o sistema sanitario non sería capaz de soportar outro azoute pandémico, dado que xa non estaba o suficientemente reforzado cando chegou o SARS-CoV-2. Dende o punto de vista sanitario, pero máis global, Gestal considera que se puideron extraer grandes leccións da covid, sobre todo porque aínda é unha experiencia recente.
“Moitas das dotacións de persoal, actualización de equipos e reformas que se tiñan que facer na atención primaria e na hospitalaria seguen agardando”, lamenta. Tamén está en pausa a Axencia Nacional de Saúde Pública, aínda en debate parlamentario, e cuxo funcionamento non poderá arrincar ata finais de 2025 ou comezos de 2026. Tampouco, di Gestal, se volveu falar de grupos de investigación que traballen no desenvolvemento de vacinas.
As grandes leccións, conclúe o epidemiólogo, resúmense en tres puntos: un bo sistema nacional de saúde, pero que precisa melloras; a necesidade de impulsar a vixilancia epidemiolóxica; e a atención sociosanitaria nas residencias de maiores, que require unha reforma a fondo. Leccións, en todo caso, que aínda hai que asumir, procesar e aplicar para evitar o embate doutra pandemia. Todo apunta, segundo as voces expertas, a que podería ser un virus da influenza. Talvez aviario, talvez non. Como di Gestal, dificilmente se pode predicir a natureza. Pero si se pode estar o mellor preparados posible.