“Se ves un mapa das posibilidades en terras raras de Europa, Galicia é unha das zonas máis importantes”, afirma Pablo Nuñez, membro da xunta da Federación Europea de Xeólogos. Son 17 elementos químicos esenciais para a tecnoloxía actual. Están presentes en moitos dos aparellos do día a día: auriculares, coches híbridos, ordenadores, aeroxeradores e mesmo nas probas médicas. Estes son os materiais da Ucraína aos que quere ter acceso os Estados Unidos e polos que o Goberno de España vén de anunciar o borrador dun Plan Nacional de Exploración Mineira entre 2025 e 2029.
Escandio, itrio, lantano, cerio, praseodimio, neodimio, prometio, samario, europio, gadolinio, terbio, disprosio, holmio, erbio, tulio, iterbio e lutecio. Estes son os 17 nomes dos elementos químicos que compoñen as terras raras. As súas propiedades electromagnéticas, ópticas e catalizadoras, entre outras, fan que sexan “o primeiro elo da transformación industrial e sen elas non pode existir o resto da cadea“, asegura Nuñez. Teñen numerosas propiedades, entre as que destacan as magnéticas, electromagnéticas, catalizadoras e ópticas. “O problema destes materiais é que é complicado atopalos en altas concentracións para poder explotalos economicamente”, matiza o Nuñez, que tamén é delegado en Galicia do Colexio Oficial de Xeólogos.
Terras raras en Galicia

Malia que todos son “indicios, xa que queda moito por investigar”, segundo detalla o xeólogo, Galicia conta con algúns depósitos que poden albergan terras raras. “O punto con maior potencial e o máis coñecido é o Monte do Galiñeiro”, diversas exploracións documentaron a alta concentración de terras raras nos anos sesenta. Así o verifica Nuñez: “Desde hai un século que se documentou que a ría de Vigo conta con areas con alto contido de monacita, da que poden extraerse terras raras”.
Por outro lado, existe unha banda de rochas entre Malpica e Tui, a cal ten posibilidades de ter estes elementos, acorde a información que facilita o xeólogo. “Tamén no oeste da provincia de Ourense temos algunhas formacións que son susceptibles, xa sexa en xacementos primarios ou secundarios”, detalla.
Por outra banda, existe unha empresa de Salvaterra de Miño que se dedica á extracción de monacita, un mineral que ten terras raras. “Pero isto é un subproduto da súa actividade, polo que sería interesante pechar esa cadea de valor para poder marcar camiño do que pode suceder no futuro en Galicia”, indica Nuñez.
Máis investigacións
O experto en xeoloxía incide na importancia de que se realicen máis investigacións sobre os posibles xacementos de terras raras en Galicia. “Actualmente non temos coñecementos completos adaptados ás necesidades industriais do noso día a día”, detalla. É por iso que, dentro do borrador do Plan de Acción das Materias Primas Minerais que vén de anunciar o Goberno de España, existe un Programa Nacional de Explotación Mineira que se desenvolverá entre 2025 e 2029.
“Hai décadas que España non desenvolve unha prospección similar, que atenda especialmente ás materias primas fundamentais definidas pola Unión Europea. A última foi entre 1969 e 1970 e non se fixo buscando recursos que agora son fundamentais como o litio, o níquel, o cobalto ou as terras raras”, detalla nun comunicado o Ministerio de Transición Ecolóxica.
“Os indicios en Galicia son moi prometedores, pero temos moito déficit de investigación para saber se estes son susceptibles de ser explotados. Dende o Colexio o que pedimos é coñecemento e, a partir de aí, tomar decisións de si se poden aproveitar ou non”, conclúe.















Mellor que non se poda aproveitar, e así evitaremos ser centro de conflictos por intereses económicos alleos.
Gostaríame saber que pensa ou opina o xeólogo Pablo Núñez sobor da compatibilidade da minaría (desta magnitude que se especula) ca vida no rural: a agricultura (i-o sector PRIMARIO) en xeral) mailas xentes que habitan na contorna. Coido que é unha resposabilidade ou obriga cando se prantexan estes temas.