Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) en colaboración co Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM) documentou por primeira vez un exemplar vivo do equinodermo Astrospartus mediterraneus, coñecido comunmente como gorgoncéfalo, en augas galegas. O descubrimento describe un exemplar xuvenil localizado a 33 metros de profundidade na Ría de Arousa, na contorna da zona de mergullo coñecida como A Tartaruga. O animal foi observado entre as ramas de a gorgonia Leptogorgia sarmentosa, un hábitat compatible coas súas preferencias ecolóxicas.

Este achado amplía significativamente o límite norte coñecido desta especie, o que podería estar relacionado con cambios oceanográficos e climáticos no Atlántico noroccidental. “Trátase dun rexistro excepcional que non só amplía a distribución coñecida da especie, senón que expón novas cuestións sobre a conectividade entre as poboacións mediterráneas e atlánticas”, explica Bruno Almón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e autor principal do estudo. “Ata o de agora, os rexistros atlánticos eran escasos e case sempre baseados en exemplares mortos ou capturados accidentalmente. Atopar un individuo vivo e en bo estado en Galicia é un cambio de escenario”, engade Jacinto Pérez-Dieste, coautor do traballo.

Publicidade

Sobre a especie

Astrospartus mediterraneus é un ofiuroideo de hábitos crípticos e nocturnos, caracterizado polos seus brazos altamente ramificados. Tradicionalmente considerábase restrinxido ao Mediterráneo e ao sur da Península Ibérica. O artigo sinala que o exemplar galego presenta unha morfoloxía e xenética practicamente idénticas ás poboacións mediterráneas, con similitudes do 99,5–100% nos marcadores moleculares analizados. “A baixa variabilidade xenética suxire unha conectividade maior da esperada entre rexións”, indican os autores.

O por que da presenza en Galicia

O estudo expón varias hipóteses para explicar a presenza da especie en Galicia, que pasan polo transporte larvario, favorecido por correntes do sistema de afloramento do noroeste ibérico; o incremento das temperaturas mariñas, que situaría estas augas dentro do rango térmico que tolera a especie; ou a dispoñibilidade de hábitats adecuados, esenciais para o seu asentamento.

Publicidade

Os autores advirten, no entanto, que podería tratarse dun individuo illado e non dunha poboación estable: “Necesitamos intensificar os programas de seguimento en hábitats mesofóticos e profundos para determinar se estamos ante un caso puntual ou o inicio dunha expansión de rango”, subliña Almón.

No Mediterráneo, esta especie mostrou nos últimos anos episodios de proliferación que chegaron a interferir con artes de pesca. Aínda que non se prevé un escenario similar a curto prazo en Galicia, os investigadores sinalan que “o seu eventual establecemento podería alterar a estrutura das comunidades bentónicas locais”.


Referencia: On the occurrence of Astrospartus mediterraneus (Echinodermata, Gorgonocephalidae) in the Northwestern Iberian Peninsula (Publicado en PeerJ)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe