O cambio climático está cada vez máis presente nos ecosistemas mariños, e as Rías Baixas non son alleas ás súas consecuencias. Un estudo do grupo Future Ocean Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo analiza 63 especies do sur da costa galega afectadas polo quecemento global, establecendo unha clasificación diferenciada entre peixes e invertebrados mariños. “Non só se ten en conta o aumento das temperaturas, senón tamén os episodios extremos de seca ou de choivas intensas”, explica Juan Bueno Pardo, investigador do estudo e membro do grupo liderado por Elena Ojea.
A solla de altura sitúase como a especie de peixe con maior nivel de risco, unha vulnerabilidade que aumenta co paso do tempo. Séguena a maragota e o congro, mentres que a anguía —xa en situación delicada— ocupa o cuarto posto. Entre os invertebrados, destacan o lumbrigante, a ostra e a vieira, un escenario que esperta preocupación sobre o futuro do marisqueo nos vindeiros anos.
Segundo explica Bueno Pardo, as especies sésiles —aquelas que permanecen fixas a un substrato— e os peixes bentónicos —que viven asociados ao fondo mariño— son as máis vulnerables fronte aos efectos do cambio climático. Nos episodios extremos, as especies con maior capacidade de desprazamento teñen máis posibilidades de sobrevivir, mentres que as sésiles non poden escapar das condicións ambientais. Esta situación repercute directamente no sector pesqueiro e marisqueiro, xa que “o marisqueo está baseado, precisamente, en especies sésiles e bentónicas”, subliña o investigador.
Tres variables de estudo
A metodoloxía do estudo baséase en tres parámetros principais: o rango de tolerancia térmica —é dicir, a capacidade das especies para soportar o aumento das temperaturas previsto co paso do tempo—, a especificidade do hábitat e as súas estratexias de vida. Neste último aspecto, existen especies cunha reprodución rápida e elevada fecundidade, mentres que outras presentan taxas reprodutivas máis baixas e un crecemento poboacional máis lento. “As especies que se reproducen máis rápido adoitan ser tamén as máis adaptables a cambios ambientais intensos”, explica Juan Bueno Pardo.
Neste contexto, os invertebrados mariños, especialmente os bivalvos e especies como o percebe ou o ourizo, figuran entre os organismos máis afectados polo cambio climático. O investigador sinala que, polo momento, o ourizo mantén un estado favorable, aínda que as previsións apuntan a un posible declive futuro debido ao impacto do aumento das temperaturas e á alteración do seu rango térmico.
Principais ameazas
“Os eventos extremos son determinantes, incluso máis ca o aumento da temperatura ou a acidificación”, explica o investigador. Neste sentido, o cambio climático maniféstase en dúas realidades complementarias: por unha banda, episodios de calor intensa durante o verán e, pola outra, fortes chuvias e temporais no inverno. O incremento progresivo da temperatura do mar está estreitamente ligado á acidificación dos océanos, un fenómeno ao que se suma tamén a contaminación por metais pesados detectada na Ría de Vigo, segundo sinala Juan Bueno Pardo. Ademais, existe outro factor de presión engadido: a expansión de especies invasoras. “Están modificando a composición dos hábitats, comezando polas algas”, apunta.
Neste escenario, as especies con maior risco de desaparición presentan un crecemento máis lento, dependen de hábitats moi específicos —na maioría dos casos, substratos rochosos— e contan cunha menor capacidade de resiliencia fronte aos cambios ambientais. A súa forte dependencia de determinadas condicións ecolóxicas convérteas especialmente vulnerables aos efectos do cambio climático.
Especies tradicionais galegas
En Galicia, o marisqueo forma parte da identidade cultural e económica da costa, polo que o impacto do cambio climático sobre estas especies tradicionais resulta especialmente preocupante. Nas Rías Baixas xa se observan sinais evidentes de retroceso en varias delas. “Escasean todas as ameixas, especialmente as variedades tradicionais; a ameixa fina practicamente xa non se ve”, explica o investigador en referencia á Ruditapes decussatus, unha das especies incluídas na lista de invertebrados máis afectados.
A ameixa xaponesa foi gañando presenza grazas á súa maior capacidade de adaptación, cunha tolerancia térmica máis elevada e unha reprodución máis rápida. Pola súa banda, o berberecho (Cerastoderma edule) ocupa o posto número 22 entre as especies con maior nivel de risco, mentres que o polbo de pedra (Octopus vulgaris) aparece na última posición da clasificación. A nécora (Necora puber), ademais, sitúase entre as dez especies máis afectadas, nun estado considerado crítico. “Con estes datos enténdese por que o sector está como está”, conclúe Juan Bueno Pardo, en referencia á situación que atravesan o marisqueo e a pesca tradicional galega.
Dimensión social
A investigación do CIM tamén aborda a dimensión social das consecuencias do cambio climático sobre o marisqueo, poñendo especial atención no papel das mulleres, maioritarias neste sector. “É imprescindible incorporar a perspectiva de xénero na xestión das especies e da explotación dos recursos mariños”, sinala o investigador. Así, considera necesario analizar as condicións específicas das mariscadoras, a compatibilidade da actividade con outros traballos e a maneira en que as súas necesidades encaixan nun sector especialmente vulnerable ás transformacións ambientais e económicas. “Deberían obter un maior retorno económico pola actividade que realizan, xa que, ademais de mariscar, tamén desempeñan labores fundamentais como a limpeza das zonas de produción e o control do furtivismo”, explica Juan Bueno Pardo.
Vista cara ao futuro
“A curto prazo, nos vindeiros 20 anos, non se prevén cambios drásticos, aínda que as especies máis sensibles, como a ameixa fina, poderían chegar a desaparecer”, advirte Juan Bueno Pardo. Neste escenario, o investigador considera que a sociedade terá que adaptarse progresivamente a unha nova realidade no consumo de produtos do mar, xa que o impacto do cambio climático afectará cada vez máis á dispoñibilidade dos recursos mariños.
Outro dos elementos clave para comprender o futuro das Rías Baixas é o afloramento mariño, un proceso fundamental para o funcionamento e a produtividade destes ecosistemas. Segundo o especialista, unha perda de intensidade deste fenómeno podería ter consecuencias moi negativas sobre a capacidade produtiva das rías. Ademais, alerta de que a expansión das especies invasoras tamén transformará de maneira significativa o equilibrio actual dos hábitats mariños.
Ante esta situación, o investigador insiste na necesidade de adoptar medidas de adaptación e planificación. “É imprescindible incorporar unha perspectiva climática nos plans de xestión das especies, especialmente das sésiles, que sosteñen boa parte da actividade marisqueira”, afirma. “Aínda non se están tendo suficientemente en conta os cambios climáticos que veñen, e todo apunta a que serán cada vez máis graves”, conclúe.
Listas de peixes afectados
A investigación presenta dúas listaxes diferenciadas —unha de peixes e outra de especies sen aletas, é dicir, invertebrados mariños— que reúnen un total de 63 especies afectadas polo cambio climático. O ranking inclúe tanto datos actuais como proxeccións para o período 2041-2060 baixo distintos escenarios climáticos. Con todo, segundo explica Juan Bueno Pardo, “os resultados non cambian demasiado” entre os diferentes escenarios analizados. Os valores empregados no estudo están normalizados nunha escala de 0 a 1. Isto significa que unha especie cun valor próximo a cero non está libre de risco, senón que presenta unha vulnerabilidade menor en comparación co resto das especies avaliadas. Por este motivo, os investigadores falan de riscos relativos, máis que absolutos.
Estas son as listaxes:
Peixes
—Solla de altura (Pleuronectes platessa)
—Maragota (Labrus bergylta)
—Congro (Conger conger)
—Anguía (Anguilla anguilla)
—Rodaballo (Scophthalmus maximus)
—Faneca (Trisopterus luscus)
—Raia cravuda (Raja clavata)
—Peixe sapo (Lophius piscatorius)
—Peixe sapo negro (Lophius budegassa)
—Badexo (Pollachius pollachius)
—Salmonete de pedra (Mullus surmuletus)
—Castañeta encarnada (Beryx decadactylus)
—Pescada branca (Merluccius merluccius)
—Linguado (Solea solea)
—Ollomol (Pagellus bogaraveo)
—Xurelo (Trachurus trachurus)
—Cabala (Scomber scombrus)
—Sardiña (Sardina pilchardus)
—Robaliza (Dicentrarchus labrax)
—Agulla (Belone belone)
—Cabra de altura (Helicolenus dactylopterus)
—Dourada (Sparus aurata)
—Bocareu (Engraulis encrasicolus)
—Curso (Scophthalmus rhombus)
—Sargo común (Diplodus sargus)
—Sanmartiño (Zeus faber)
—Boga (Boops boops)
—Atún branco (Thunnus alalunga)
—Acedía cuneada (Dicologlossa cuneata)
—Prago rosa (Pagrus pagrus)
—Cabala apintarada (Scomber colias)
Non-peixes
—Lumbrigante (Homarus gammarus)
—Ostra común (Ostrea edulis)
—Vieira (Pecten maximus)
—Boi (Cancer pagurus)
—Ameixa branca (Spisula solida)
—Anémona común (Anemonia viridis)
—Caramuxa (Littorina littorea)
—Nécora (Necora puber)
—Longueirón pouco curvo (Ensis magnus)
—Volandeira (Aequipecten opercularis)
—Ameixa brava (Venus verrucosa)
—Zamburiña (Chlamys varia)
—Longueirón dereito (Ensis siliqua)
—Peneira (Haliotis tuberculata)
—Percebe (Pollicipes pollicipes)
—Lagosta (Palinurus elephas)
—Ameixa reloxo (Dosinia exoleta)
—Ameixa veada (Polititapes rhomboides)
—Ourizo da pedra (Paracentrotus lividus)
—Camarón manso (Palaemon serratus)
—Centola do Mediterráneo (Maja squinado)
—Ameixa galega (Ruditapes decussatus)
—Berberecho (Cerastoderma edule)
—Ostra xigante (Crassostrea gigas)
—Mexillón galego (Mytilus galloprovincialis)
—Choco común (Sepia officinalis)
—Ameixa babosa (Venerupis corrugata)
—Bichoca (Arenicola marina)
—Lura común (Loligo vulgaris)
—Ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum)
—Ameixa bicuda (Venerupis aeurea)
—Polbo común (Octopus vulgaris)
Referencia: Social factors drive climate risk in traditional fisheries (Publicado en Regional Environmental Change)


















SUSCRIBIRME AO BOLETÍN DE GCIENCIA