Galicia rexistra un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo máis caloroso na comunidade dende 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que o comportamento do mes pasado estivo marcado no conxunto polas altas temperaturas, moi por riba do habitual nesta época do ano en comparación cos datos do período de referencia, e por varios episodios de calor que se sucederon ao longo das catro semanas. Ademais, engade que os episodios de calor deste verán na comunidade son cada vez máis frecuentes e que a temperatura media en Galicia aumenta a un ritmo aproximado de 0,2 graos por década.
A explicación estivo fundamentalmente no predominio das xornadas anticiclónicas e na entrada de masas de aire cálido procedentes do norte de África que deixaron temperaturas máximas moi elevadas a nivel local, como os 36,8 graos rexistrados en Santiago, os 36,6 en Lugo ou os 38,9 en Ourense durante os primeiros días do mes. Así, en xeral e no conxunto de Galicia, setembro foi seco. O informe constata que a precipitación media acumulada situouse arredor dos 37 litros por metro cadrado, un 52% menos do habitual en comparación coa serie histórica, e con chuvias concentradas, ademais, nas xornadas dos días 8, 29 e 30.













