Aida Fernández Ríos iniciou a súa carreira en 1972 como técnica de laboratorio, unha etapa decisiva na súa formación científica. O traballo rigoroso en medidas de salinidade, osíxeno disolto e análise elemental marcou a súa cultura da calidade do dato. Esta base permitiulle construír unha ciencia sólida, capaz de conectar datos obtidos décadas antes con investigacións actuais de máximo impacto.
Da produtividade das rías á acidificación oceánica é un lema que resume con claridade a traxectoria científica de Aida Fernández Ríos, construída ao longo de décadas e unida por un fío común: a comprensión do océano como un sistema bioxeoquímico complexo, no que interaccionan procesos físicos, biolóxicos e químicos, e que responde de maneira sensible á crecente influencia das actividades humanas.
Os primeiros traballos científicos de Aida sitúanse no estudo das rías galegas, ecosistemas costeiros de elevada produtividade biolóxica fortemente condicionados polo afloramento costeiro. Neste contexto inicial, o seu interese centrouse en avaliar e comprender as causas da extraordinaria riqueza destes sistemas, abordando a bioquímica do fitoplancto e a súa composición química. Unha contribución central desta etapa foi o estudo da composición elemental do plancto mariño, especialmente das proporcións estequiométricas de carbono, nitróxeno, fósforo e osíxeno, fundamentais para entender como se produce, transforma e exporta a materia orgánica no océano. Estes traballos permitiron explicar por que as rías funcionan como auténticos puntos quentes de produtividade no Atlántico nororiental e sentaron as bases para conectar os procesos físicos do afloramento coa resposta biolóxica e química do ecosistema.
A comezos da década de 1990, a investigación de Aida deu un paso decisivo coa súa incorporación ao estudo das masas de auga do Atlántico Norte, unha liña iniciada en 1988 en colaboración co seu director de tese, Fernando Fraga, académico da Real Academia Galega de Ciencias e figura clave da oceanografía química en Galicia.
O rigor intelectual, a visión integradora da química mariña e a esixencia metodolóxica de Fernando Fraga marcaron de maneira decisiva a formación científica de Aida Fernández Ríos, establecendo unha relación de mestría que orientou e fortaleceu a súa traxectoria posterior. Esta etapa supuxo a transición desde os sistemas costeiros cara á escala oceánica, combinando hidrografía, química mariña e bioxeoquímica para caracterizar a estrutura, a formación e a evolución das grandes masas de auga.
O coñecemento detallado das masas de auga que circulan na contorna de Galicia resultou especialmente relevante, non só para interpretar a variabilidade química e biolóxica das rías, senón tamén para entender a súa conexión directa coa circulación de grande escala do Atlántico Norte, situando a costa galega como unha rexión estratéxica de intercambio entre oocéano aberto e os sistemas costeiros.
De forma paralela aos estudos do interior do océano, Aida impulsou unha liña innovadora centrada nos intercambios de CO₂ entre o océano e a atmosfera. Neste contexto promoveu o desenvolvemento dun sistema pioneiro para a medida autónoma e continua da presión parcial de CO₂ na auga de mar, coñecido como GASPAR (Gas Parity). Deseñado para operar de maneira completamente automática a bordo de buques oceanográficos, GASPAR permitiu obter rexistros continuos de CO₂ tanto na auga como na atmosfera, mesmo en condicións oceánicas esixentes. Ademais do CO₂, o sistema incorporou progresivamente a medida doutros parámetros físicos e químicos relevantes, como temperatura, presión, posición xeográfica e, nas versións posteriores, salinidade e osíxeno. Os datos xerados por GASPAR, analizados polo equipo de investigación dirixido por Aida, foron fundamentais para mellorar o coñecemento da variabilidade do CO₂ superficial e contribuíron de maneira decisiva á construción do Atlas SOCAT, hoxe referencia mundial para o estudo dos fluxos de CO₂ entre o océano e a atmosfera.
Un fito en Science
Simultaneamente aos estudos dos fluxos de CO₂ na superficie do océano, Aida contribuíu desde moi cedo ao desenvolvemento de métodos destinados a cuantificar o CO₂ antropoxénico almacenado no interior do océano. Un fito fundamental desta liña foi a súa participación no artigo de Sabine et al., publicado en Science en 2004, o primeiro estudo que determinou de maneira global a cantidade de CO₂ de orixe humana acumulada no océano. O traballo demostrou que arredor do 40% das emisións antropoxénicas de CO₂ foran absorbidas polo océano, poñendo de relevo o seu papel esencial como sumidoiro de CO₂ e como regulador do clima terrestre. Esta capacidade de almacenamento oceánico permitiu atrasar en aproximadamente 15 anos os impactos máis inmediatos do cambio climático, ao reducir a velocidade de acumulación de CO₂ na atmosfera.
O estudo baseouse en datos hidrográficos e químicos obtidos en campañas oceanográficas realizadas no marco de grandes programas internacionais, ás que Aida contribuíu a través de colaboracións en campañas oceanográficas internacionais, tanto españolas como francesas. Este enfoque, centrado no carbono acumulado nas profundidades oceánicas, diferénciase claramente dos estudos baseados nos intercambios aire-mar e abriu unha liña de investigación que Aida continuaría e consolidaría posteriormente, especialmente no Atlántico Norte e Sur, mantendo durante máis de dúas décadas unha colaboración continuada co ámbito da oceanografía física para o estudo das masas de auga e da circulación e transporte do CO₂ antropoxénico.
Un cambio químico profundo
Estas dúas liñas de investigación, a dos fluxos superficiais e a do almacenamento de CO₂ antropoxénico no interior do océano, desenvolvéronse de maneira simultánea e complementaria ao longo da traxectoria de Aida, reforzándose mutuamente e ofrecendo unha visión integrada do ciclo do carbono no medio mariño. Sobre esta base asentáronse os seus traballos posteriores sobre a acidificación oceánica, unha das consecuencias máis directas do aumento do CO₂ antropoxénico
No seu artigo publicado en PNAS en 2015, coincidindo coa súa entrada na Real Academia Galega de Ciencias, Aida Fernández Ríos mostrou que a diminución do pH non se limita á superficie do océano, senón que se transmite ao interior seguindo as rutas de ventilación das masas de auga. O estudo permitiu cuantificar a contribución específica do CO₂ antropoxénico á acidificación, separándoa da variabilidade natural, e evidenciou que este proceso afecta distintas masas de auga con intensidades e escalas temporais diferentes. Estes resultados puxeron de manifesto que a acidificación oceánica é un cambio químico profundo, silencioso e de longo alcance, con implicacións relevantes para os ecosistemas mariños.
En conxunto, a traxectoria científica de Aida Fernández Ríos pode lerse como unha evolución coherente desde o estudo da produtividade das rías galegas ata a comprensión dos grandes cambios químicos do océano global. A súa carreira brillante e frutífera exemplifica como a observación rigorosa, a innovación metodolóxica e a colaboración internacional permiten conectar procesos locais con desafíos ambientais globais e contribuír de maneira decisiva ao coñecemento do océano nun planeta sometido á crecente influencia humana.














