A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) continúa cos actos de homenaxe á oceanógrafa Aida Fernández Ríos como Científica Galega 2026. Esta mañá presentouse no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) o libro “Aida Fernández Ríos. Da produtividade das rías á acidificación oceánica“, xustamente onde ela era investigadora e a primeira muller en dirixilo. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, e producida por GCiencia, faise un percorrido pola traxectoria profesional e vital da científica.
Á presentación do libro asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; e a directora do IIM, Beatriz Novoa. No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda cos investigadores do IIM Carmen González e José Luis Garrido; e o sobriño da homenaxeada, Miguel Fernández. Moderouna Gabriel Rosón, catedrático da facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, coordinador da publicación xunto ao académico e investigador do IIM Fiz Fernández. A encargada de pechar o acto foi a delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González.
Dende as rías galegas ata o océano global
O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, refírese no libro á homenaxeada como “o rigor da ciencia e a alegría de vivir”. Salienta que Aida, que ingresara na RAGC uns meses antes de falecer, “soubo ampliar o horizonte sen perder a raíz. A súa investigación avanzou desde as rías galegas ata o océano global. Tiña capacidade para relacionar o próximo co universal, para comprender que os procesos observados nas nosas costas forman parte dos grandes equilibrios do planeta. Investigaba o océano movida pola convicción de que comprender o funcionamento do planeta constitúe unha obriga ante a sociedade e ante as xeracións futuras”. Pola súa parte, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, pon de relevo que “o labor científico de Aida foi capital para situar a investigación mariña galega no contexto internacional dos actuais estudos oceanográficos”.
Os coordinadores da publicación son o académico da RAGC e investigador do IIM Fiz Fernández e o catedrático da facultade de Ciencias do Mar da UVigo Gabriel Rosón. Sinalan que “a traxectoria científica de Aida Fernández Ríos constitúe unha das contribucións máis destacadas da oceanografía galega ao coñecemento do océano e do seu papel no sistema climático terrestre. Ao longo de máis de catro décadas de actividade investigadora, participou na transformación dunha disciplina que pasou de describir procesos locais en ecosistemas costeiros a abordar cuestións de alcance planetario relacionadas co ciclo do carbono, o cambio climático e a acidificación oceánica”.
Pioneira en estudar a acidificación do océano
Os coordinadores do libro explican que as investigacións de Aida contribuíron a comprender mellor un dos grandes servizos que o océano presta ao planeta: a absorción dunha parte substancial do dióxido de carbono emitido polas actividades humanas. “Grazas a esta función reguladora, o océano actúa como un importante amortecedor do cambio climático, aínda que ao prezo de modificacións progresivas da súa química interna que hoxe coñecemos como acidificación oceánica”, apuntan. Nesta liña, salientan que Aida participou nos primeiros estudos capaces de documentar e valorar as repecursións da acidificación do océano profundo. Así, tal como indican, “a medida que o océano absorbe parte do CO₂ xerado polo home, prodúcense modificacións na química da auga, o que afecta a numerosos organismos mariños”. Aseguran que os traballos de Aida contribuíron non só a describir un fenómeno emerxente, senón tamén a establecer as bases necesarias para avaliar a súa evolución futura.
Fiz Fernández e Gabriel Rosón manifestan que “a traxectoria de Aida Fernández Ríos foi evolucionando desde o estudo da produtividade costeira das rías galegas ata a comprensión dos grandes cambios bioxeoquímicos que afectan ao océano global”. Afirman que a súa obra representa un exemplo de como a observación rigorosa, sostida durante décadas, pode transformar datos en coñecemento e converter preguntas locais en respostas relevantes para comprender o funcionamento do sistema Terra.














