“Aida Fernández Ríos é un exemplo de tenacidade e esforzo”

A actual directora do IIM, Beatriz Novoa, lembra a Científica Galega do Ano e analiza os retos que ten por diante o instituto no seu 75 aniversario

Á fronte do Intituto de Investigacións Mariñas (IIM) está Beatriz Novoa, que dirixe o centro dende 2024. Este camiño abriuno Aida Fernández Ríos, quen foi a primeira muller en asumir ocargo de máxima dirección do IIM entre 2006 e 2011. Nesta diferenza de 20 anos entre un mandato e outro, a estrutura do instituto e as circunstancias de investigación cambiaron considerablemente. Un dos aspectos máis rechamantes destas últimas dúas décadas foi a capacidade de crecemento do centro, que agora integran arredor de 300 investigadores. Novoa lembra nesta entrevista os 75 anos de andaina do instituto que agora dirixe: recorda os inicios do IIM, menciona os principais desafíos que houbo que enfrontar e cales son os novos retos. Pero, sobre todo, Beatriz Novoa lanza un agarimoso recordo a Aida Fernández Ríos, unha indiscutible pioneira.

—Que supuxo Aida Fernández Ríos para o IIM?

Publicidade

—Aida Fernández Ríos foi a primeira muller que dirixiu o instituto e foi un fito importante porque nos primeiros anos do IIM apenas había presenza feminina. Despois comezaron a aparecer científicas a contagotas, pero houbo que esperar ata os anos noventa para que se consolidase a súa presenza. O caso de Aida non só é importante por ser a primeira muller directora do instituto, senón por ser un exemplo de tenacidade e esforzo.

Pasou de técnica de investigación a facer a carreira universaria. Despois foi investigadora e chegou a profesora de investigación, que é o equivalente a ser catedrático nunha universidade. Logo converteuse en directora. A constancia de Aida é unha das cousas que máis debemos valorar. Foi muller nun mundo de homes, embarcou en buques oceanográficos, realizou campañas… É un traballo que nada ten que ver con estar metida no laboratorio.

Publicidade

Creo que o aspecto que mellor define a Aida é o seu esfozo, que é algo que coñecemos e valoramos dende o instituto. Ademais era unha persoa moi alegre. En canto á súa etapa como directora, hai que destacar que foi capaz de compaxinalo coa súa actividade investigadora. É certo que nos últimos anos o instituto medrou moitísimo e agora estamos moi enfocados en desenvolver actividades, por exemplo de divulgación, e conseguir que a xente colabore máis nelas.

—A situación cambiou moito. No acto do 75 aniversario do IIM, celebrado en maio, as mulleres eran máis da metade do auditorio.

—Si, agora mesmo representamos máis ou menos a metade. Agora ben, se te fixas nas escalas máis altas, aí non acontece o mesmo. No Instituto de Investigacións Mariñas tan só somos tres profesoras de investigación e hai bastantes máis homes.

—Ante estes datos, aínda queda moito por facer.

—Moito. En maio, a presidenta do CSIC anunciou que romperamos o teito de cristal e que xa había un 30% de profesoras de investigación, pero no IIM non chegamos a esa cifra. É un fito importante para o CSIC, que foi das primeiras institucións en ter un observatorio de muller e ciencia. Os datos demostraron que moitas comezaban a tese doutoral pero que, despois, eran bastantes menos as que chegaban á última etapa.

—Por que cre que se interrompe a carreira investigadora das mulleres?

—Son moitos factores. Á investigación hai que dedicarlle moito tempo e esforzo. É bastante vocacional. O máis difícil talvez sexa compaxinar a vida familiar, con fillos ou maiores ao cargo, co traballo. Hai moito que poñer nunha balanza. Voume dedicar a isto sabendo que me esixe unha dedicación total ou quedo onde estou? A tarefa pendente segue a ser a a conciliación.

Colexio Alemán de Vigo, a primeira sede do IIM. Foto: Cedida

—O IIM fai 75 anos. Como foron os inicios?

—Comezou en 1951 como un laboratorio costeiro que se dedicaba fundamentalmente á pesca e á bioloxía das especies que había aquí, pero a sede estaba en Barcelona. Estes laboratorios, que eran imprescindibles para a experimentación, independizáronse en 1978 e o IIM pasou de ser un instituto de investigacións pesqueiras a un de investigacións mariñas, polo que a nosa actividade se diversificou moitísimo.

Tanto, que a día de hoxe é o centro do CSIC e, incluso, doutras institucións, que aborda o mar dende máis puntos devista. Facemos observación mariña, realizamos campañas oceanográficas, acuicultura, pesca, identificación de áreas protexidas… Sempre nos aproximamos aos recursos de forma ecosistémica, é dicir, intentando que as nosas actividades sexan sostibles para, despois, pasar á tecnoloxía dos alimentos. É dicir, que os alimentos que veñen do mar sexan trazables, sostibles e seguros.

Para pechar o ciclo, tamén intentamos obter produtos de valor a partir dos descartes que se producen da pesca. Temos moitos campos de estudo e, de feito, o último en incorporarse foi un grupo de investigación en economía e sociedade. Isto fai que sexamos capaces de estudar problemas reais dende moitos puntos de vista, e eu creo que é a única maneira de solucionalos. Por exemplo, ante a mortalidade masiva de mariscos, un patólogo diría que é culpa dunha enfermidade. Pero o certo é que tamén hai uns ventos que cambiaron, un réxime de chuvias que se modificou, unhas ondas de calor previas que afectaron as poboación se, despois, calquera patóxeno que pasaba por alí acabou a tarefa. Non falamos dunha causa, senón dun conxunto, e por iso se precisa xente de moitas disciplinas.

—As mortalidades masivas aparecen con certa frecuencia nas praias galegas.

—Si, de feito participamos no programa Redemar xunto coa Consellería do Mar, que busca achegar a ciencia aos problemas reais que teñen as confrarías. Para nós é fundamental o estudo dos ecosistemas das rías, que son un marabilloso laboratorio natural. Para iso é necesario achegarnos aos mariscadores e ás confrarías para ver que está pasando.

—O IIM e a Xunta impulsaron unha Unidade Mixta. En que consiste?

—É un proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación e no que, ademais do instituto, están a empresa Octolarvae do Grupo Profand e o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa. Acuiregal é a primeira unidade mixta entre o CSIC e a empresa e investiga en acuicultura rexenerativa. Por exemplo, trabállase con ovos de choco, de polbo… Son uns ovos que os pescadores van tirar, pero que se levan ás instalacións para eclosionar, coidar e despois liberar. O importante non é só ver a viabilidade da cría inicial, senón saber que pasa despois. Para min, o máis importante é que nesa unidade foron capaces de involucrar a practicamente todas as confrarías galegas. Xa estamos liberando centolas, lagostas, camaróns… Un montón de especies. É un proxecto moi ilusionante.

—Cales cre que son os seus principais desafíos como directora?

—O tema do espazo, por suposto. Moitos investigadores teñen que teletraballar porque non hai sitio no instituto. A situación é delicada porque hai científicos novos e interésanos atraer talento. Nos últimos anos incorporáronse bastantes investigadores e fantástico, pero teñen que dispoñer de laboratorios. Entón, o traslado é importante, e por iso alugamos dúas plantas dun edificio fronte á lonxa de Beiramar, a onde tamén se trasladará parte do IEO. E a longo prazo temos a ETEA.

Primeiros investigadores do IIM.

—O proxecto aínda está en marcha pero é moi interesante. O IIM beneficiaríase moito dese “campus mariño”.

—Absolutamente. Será moito máis fácil estar en contacto cos investigadores da Universidade de Vigo e dos outros centros que se instalen na ETEA. É importante que sexa un espazo común que permita a colaboración entre investigadores e que poidamos compartilo. Ademais é unha zona ao borde do mar, con espazo para desenvolver e traer infraestruturas. Isto é o que se necesita para traballar.

—Dende o punto de vista científico, cal é o principal desafío ao que vos enfrontades dende o IIM?

—O cambio climático, sen dúbida. Temos que estar preparados e crear uns bos sistemas de observación mariña, e para iso precísase cooperación. Hai que integrar todos os datos que se recollan por parte de distintas institucións e ser capaces de modelizalos e anticiparse aos problemas. Un exemplo de todo isto son os casos de grandes mortalidades nas rías, que é un exemplo da diminución dos recursos. Non podemos pensar que o mar e as nosas costas nos van estar proporcionando sempre alimentos da forma tan xenerosa en que o fixeron ata o de agora. Hai que coidar o mar un pouco máis. Outro caso claro son os plásticos, e non son os macro, senón os micro e nano. Crese que son inertes e non é verdade, porque tamén hai que ter en conta todos os contaminantes que levan asociados.

—O último informe da Unesco sobre o carbono oceánico dá moito que reflexionar.

—Un dos aspectos nos que traballou Aida foi na capacidade do océano para captar carbono. É unha capacidade de modulación; un servizo ecosistémico importantísimo que se infravalorou e que tivo máis repercusión da que pensamos. A capacidade do océano como sumidoiro de carbono, de captar ese CO2 atmosférico, é crucial, e aínda se está a traballar niso. O informe sinala varias lagoas e, para resolvelas, hai que investigar e intentar monitorizar ben o CO2 dos barcos, nas saídas oceanográficas que teñamos e reunir todos os datos posibles para ver como repercuten, por exemplo, no cultivo de mexillón ou nas pradeiras de zoostera mariñas. Todo isto pode valorarse dende o punto de vista natural, pero tamén están prestando un servizo ecosistémico importantísimo á sociedade que vive ao lado do mar. Neste sentido, Aida foi pioneira neste estudos xunto ao seu grupo de investigación. Na actualidade, o IIM tamén continúa a traballar nestas liñas.

—O informe advirte de que se poden alterar as proxeccións de futuro, a peor.

—Si, a proxección pode ser moitísimo peor. O informe é unha chamada de atención. Agora estase a falar da creación dunha Axencia Europea do Océano, porque se están a decatar da importancia do mar nas nosas vidas e de que hai que coordinar esforzos para seguir traballando nisto.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aida Fernández Ríos: da produtividade das rías á acidificación oceánica

A traxectoria da Científica Galega do Ano 2026 representa unha contribución destacada ao coñecemento do océano no sistema climático. Por Fiz Fernández Pérez

Un libro lembra a Aida Fernández Ríos, Científica Galega do Ano

A publicación, producida por GCiencia, presentouse no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo como acto inicial da homenaxe

Fernando Calvet i Prats. Un pioneiro da bioquímica e un promotor da biotecnoloxía en Galicia

A RAGC nomea ao químico nado en Vilafranca del Penedès como Científico Galego do Ano 2025 como pioneiro da bioquímica e biotecnoloxía en Galicia

O éxodo dos polbos: por que desaparecen en Galicia e se multiplican nas costas británicas?

A explosión de cefalópodos nas augas do Reino Unido desconcerta os expertos, que o atribúen ao aumento da temperatura do mar e á diminución dos seus depredadores naturais