A taxa de mortalidade atribuíble ao consumo de alcol en España descendeu un 34,7% en vinte anos, pero Galicia posiciónase como a segunda comunidade autónoma coa maior taxa de mortes, con 40 casos por cada 100.000 persoas-ano no período 2010-2021. Un novo informe do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) actualiza as estimacións de defuncións asociadas ao alcol no período entre 2001 e 2021, e contabiliza un total de 6.880 mortes na poboación de 15 ou máis anos en Galicia —en 2021 rexistráronse 1.112—. Con todo, o escenario estatal estremece: estímanse máis de 300.000 falecidos cuxa morte se relaciona co consumo ao alcol.
O equipo de investigadoras, liderado por Marta Donat, Julieta Politi, Paule González-Recio, Gregorio Barrio e María José Belza, afinan os resultados limitando as cronoloxías: no período de 2010-2021, a comunidade autónoma con maiores atribucións do consumo de alcol ao risco de mortalidade xeral foi Asturias (4,2%), seguida de preto por Galicia (3,9%) e Andalucía (3,8%). “Pese á diminución, a carga continúa a ser alta, o que pon de manifesto a importancia de manter as estratexias de prevención e redución dos danos relacionados co consumo de alcol”, explican as autoras do traballo.
Ademais, tamén abordan o tema dende a perspectiva do xénero e a idade. Existen dous datos clave: por unha banda, un 65% das mortes atribuíbles considéranse prematuras, é dicir, prodúcense antes dos 75 anos; e, por outra, o 78,3% corresponden a homes, que teñen un risco catro veces maior cas mulleres. Neste caso, Galicia segue a tendencia, pois a taxa media anual de mortalidade atribuíble por alcol é superior en homes (69,9) que en mulleres (15,4).
Tendencias no consumo
Os datos ofrecidos polos investigadores da Escola Nacional de Sanidade (ENS) do ISCIII comparten similitudes con resultados de estudos realizados en Galicia. Unha investigación realizada dende a Universidade de Santiago de Compostela (USC), dentro da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, sinala que un 18,8% dos galegos consomen alcol a diario. Trátase dunha cifra elevada que depende das tendencias no consumo. Por exemplo, o binge-drinking —práctica caracterizada polo consumo de cinco ou máis vasos de bebidas alcólicas nun intervalo aproximado de dúas horas— prevalece entre os homes, mentres que as mulleres están a experimentar un crecemento nesta dinámica. Cabe destacar que, no informe do ISCIII, non se considerou o risco asociado a este consumo intensivo. Con todo, as diferenzas entre xéneros están a mudar: nas sociedades onde aumentou a igualdade, obsérvase un incremento na adopción de condutas prexudiciais por parte das mulleres.
Ademais, os investigadores da USC sinalan un chanzo máis entre os factores que inflúen no consumo problemático do alcol: a autopercepción do peso, que pode ser determinante nas tendencias do consumo. Neste contexto, o estudo establece que as persoas que se perciben como “gordas” teñen maior probabilidade de ter un consumo problemático, así como as percibidas como “delgadas”; neste último caso, a probabilidade diminúe nas mulleres. Así, segundo esta investigación galega, ter menos de 25 anos, non vivir en parella, autopercibirse como persoa “gorda”, e ser fumador de tabaco ou cánnabis son variables que aumentan a probabilidade dun consumo problemático tanto en homes como mulleres.

O cancro, a principal causa asociada
O consumo de alcol produce o 5% da carga de morbilidade e mortalidade no mundo, e está relacionado con máis de 200 patoloxías. O informe do Instituto de Saúde Carlos III demuestra que as consecuencias trascenden con frecuencia ás doenzas estritamente hepáticas: o cancro encabezou as causas asociadas (5.805 mortes en 2021), seguido moi de preto polas enfermidades dixestivas (5.303) e causas externas, como traumatismos ou accidentes (2.605).
Ademais, cabe destacar a estreita relación entre alcol e risco de demencia. O catedrático de Farmacoloxía da Universidade CEU San Pablo Gonzalo Herradón Gil-Gallardo explica nun artigo de The Conversation que este órgano está en desenvolvemento ata os 21-24 anos, proceso no que se atopa nunha situación de gran vulnerabilidade ante compostos tóxicos como o alcol. “Os datos acumulados durante as últimas décadas demostran que a aparición de demencias de forma temperá relaciónase coa idade do inicio do consumo de alcol“, escribe na tribuna. Isto faise evidente en modelos animais, onde se observa como o consumo por atracón —binge-drinking— durante a adolescencia promove a aparición de alzhéimer no adulto novo. Esta práctica ataca aos proxenitores neuronais —células nai en espera de converterse en neuronas e integrarse nas redes neuronais do cerebro— e, se diminúen as súas reservas pronto na vida, o mecanismo de defensa contra o envellecemento queda mermado.
Medidas de prevención
Segundo explica a investigadora da USC Julia Rey, fronte a unha situación de datos alarmantes, Sanidade debe establecer accións preventivas de carácter primario, secundario e terciario. “As máis importantes son as primarias, co obxectivo de evitar que a xente chegue a consumir alcol”, explica nunha conversa con GCiencia. Neste sentido, os bebedores problemáticos son o principal grupo de interese dende o punto de vista epidemiolóxico e clínico.
Pero, dados os datos, a focalización na mocidade tamén é vital: a taxa media de mortalidade anual por 100.000 persoas-ano atribuíble ao alcol é de 2,9 entre os 15 e 34 anos en Galicia (período 2010-2021). Trátase da terceira cifra máis alta, tras Ceuta e Melilla, e Baleares. Así, unha iniciativa orientada a mozos e mozas sería a divulgación de información sobre os efectos na saúde do consumo de alcol, ademais de medidas para evitar unha primeira aproximación a estas substancia e o desenvolvemento de condutas cara ao consumo intensivo.
Referencia: Mortalidad atribuible al consumo de alcohol en España, 2001-2021 (Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) / Plan Nacional sobre Drogas, 2026).















Se non te pasas, polo menos morrer farto e a gusto, que viño temos dabondo. Eu vou abillar hoxe mesmo a nova colleita, quedades convidados. E sempre será mellor isto, desfrutandoo en sociedade, que mandarllo gratis aos “ayusos”, como tantas cousas.