O consumo de alcol é un dos principais problemas que experimenta a sociedade. Este produce aproximadamente o 5% da carga de morbilidade e mortalidade no mundo, e está relacionado con máis de 200 patoloxías. Con todo, os consumidores desta substancia presentan unha alta prevalencia en Galicia. Arredor deste tema xira o traballo de investigación realizado por un grupo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, que saca á luz un dato impactante: o 18,8% dos galegos consomen alcol a diario.
En España, é a Enquisa sobre Alcol e outras Drogas (EDADES) a encargada de informar de maneira detallada do consumo desta substancia, cunha poboación analizada que vai dende os 15 ata os 64 anos. Deste rango, extráense datos necesarios para pór en marcha medidas de prevención. É un ámbito amplo con diferentes tipoloxías, que van dende a abstinencia ou non consumo, ata a dependencia alcólica ou alcolismo.
Os datos do Ministerio de Sanidade posicionan a Galicia como a sexta comunidade autónoma co consumo máis elevado a nivel nacional, representando un 17,3%. Por iso, o obxectivo deste traballo foi estimar a prevalencia das distintas tipoloxías de consumo de alcol (diario, esporádico, ocasional, intensivo e problemático) coa fin de identificar as variables relacionadas. Mais, a particularidade deste estudo reside no seu enfoque, tendo en conta a perspectiva de xénero.
Un estudo do alcolismo con foco no xénero
Esta investigación ten unha clara tendencia cara a observar o consumo de alcol dende a óptica do xénero. “Pensamos que en calquera tipo de adicción se debe contemplar esta perspectiva”, asegura Julia Rey, unha das investigadoras que firman este estudo.
A experta informa de que as tendencias no consumo dunha substancia como o alcol son diferentes segundo o sexo. Un exemplo disto son “as prevalencias do consumo como o binge-drinking“, é dicir, o consumo intensivo de bebidas alcólicas, relacionado coa concepción do fenómeno “botellón”. Aínda que prevalece entre os homes, as mulleres están a experimentar un crecemento no seu consumo.
Así, coñecer os patróns de xénero podería axudar, en palabras da investigadora da USC, á hora de deseñar medidas políticas e controlar o consumo. Deste xeito, os datos conclúen que, a nivel xeral, os homes de calquera idade e con independencia da tipoloxía de consumo, teñen prevalencias máis elevadas que as mulleres.
Con todo, Julia Rey aclara que “as prevalencias de homes e mulleres tenden a igualarse”. Neste ámbito, entran en xogo os factores sociais e culturais de cada país. Nas sociedades onde existe a crenza de que o consumo de alcol nas mulleres pode afectar ao seu rol na sociedade, prodúcese unha maior restrición no seu consumo. Mentres, nas sociedades onde aumentou a igualdade, obsérvase un incremento na adopción de condutas prexudiciais por parte das mulleres.
A autopercepción como factor social
Segundo a investigación, o 58,6% da poboación galega a partir dos 16 anos consumiu alcol no último mes. O consumo ocasional foi do 23,4%. Mais hai un dato que sorprende por enriba do resto: o consumo diario dos galegos está presente no 18,8% da poboación. Con todo, o estudo non revela cales son os factores que levan a esta acción: “Para coñecer isto, teriamos que facer un estudo para caracterizar a esta poboación en Galicia”.
Non obstante, este dato achado polo equipo da USC non é a única novidade do estudo. A investigación inclúe un novo factor que inflúe no consumo problemático do alcol: a autopercepción do peso. “Non atopamos ningunha bibliografia, pero contemplamos que era un factor que influía no consumo”, asegura Julia Rey. Segundo as conclusións do estudo, as persoas que se perciben como “gordas” teñen maior probabilidade de ter un consumo problemático. Mentres, as percibidas como “delgadas” tamén aumentan, mais no caso das mulleres diminúe.
Os datos tamén informan de que os homes que perciben o seu estado de saúde como bo ou moi bo, aumenta a probabilidade de ter un consumo problemático. “Nós atopamos unha nova liña de estudo que debería perpetuar”, anima Julia Rey a novos investigadores, coa fin de explorar este novo recuncho da ciencia.
Polo xeral, ter menos de 25 anos, non vivir en parella, autopercibirse como persoa “gorda” e ser fumador de tabaco ou cánnabis son variables que aumentan a probabilidade dun consumo problemático en homes e mulleres. No caso dos homes, ter un nivel de estudos básicos ou medios e valorar o seu estado de saúde de xeito positivo tamén inflúen na súa influencia cara ao alcolismo, mais nas mulleres non se identifica ningunha variable adicional.
Medidas de prevención primaria
Fronte a unha situación de datos alarmantes, Sanidade debe establecer accións preventivas de carácter primario, secundario e terciario. “As máis importantes son as primarias, co obxectivo de evitar que a xente chegue a consumir alcol”, informa Julia Rey. Deste xeito, os sistemas de vixilancia deberían monitorizar o consumo desta substancia coa fin de detectar cambios nos patróns, comportamentos e tendencias na poboación.
Desta forma, adaptar as medidas de prevención aos cambios na tipoloxía de consumo tería que ser un obxectivo principal. Por iso, os bebedores problemáticos son o principal grupo de interese destas medidas preventivas, dende o punto de vista epidemiolóxico e clínico.
Con todo, segundo Julia Rey, a focalización na mocidade é vital. “A pesar de ser un consumo socializado e aceptado, reducir a prevalencia neste sector da poboación é fundamental”, asegura. Co consumo intenso do rango entre os 15 e 24 anos, o obxectivo sería lanzar medidas que informen os adolescentes da importancia dos efectos na saúde, mentres o consumo problemático tamén está presente en xente máis nova. “Ante esta situación, debería evitarse a primeira aproximación a estas substancias e o desenvolvemento de conductas cara ao consumo intenso”, expón.
Este estudo examina a realidade do consumo de alcol entre os adultos galegos. Estímanse prevalencias elevadas nunha conduta que pon en risco a saúde e ten consecuencias a nivel persoal, familiar, laboral e social. Así, coñecer as características dos consumidores convértese nunha forma de percibir as tendencias que conducen a este urxente problema.
Referencia: Alcohol consumption and characterization of hazardous drinkers in Galicia (Publicado en Adicciones)