Descuberta a función da cor abdominal dunha especie de cabaliños do demo en Meaño

Un equipo da UVigo analiza 27 machos de gaiteiro vermello procedentes do río da Chanca para dar explicación aos tonos rosados intensos dos seus ventres

Moitas especies da familia de cabaliños do demo Calopterygidae, coñecidos como gaiteiros en galego, presentan “coloracións máis ou menos rechamantes” nos seus abdomes, das que ata o de agora se descoñecía a súa función, como explica o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero. Dentro destas, sinala o investigador principal do grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (EcoEvo) da Universidade de Vigo (UVigo), “as máis intensas” son as cores rosadas que presentan os machos da especie Calopteryx haemorrhoidalis, nas que se centra o estudo que rexistrou as primeiras evidencias da función que pode ter esta coloración.

Un artigo publicado na revista científica Royal Society Open Science recolle os resultados do traballo realizado cunha poboación da subespecie Calopteryx haemorrohoidalis asturica nun río de Meaño. Este permitiu constatar, fronte ás hipóteses iniciais, que esta coloración non aumenta as posibilidades dos machos de aparearse, pero si resulta determinante para que as femias permanezan nese territorio e depositen neles os seus ovos. Cordero, a integrante do grupo EcoEvo Anais Rivas e o investigador da Chongging Normal University Xin Yu son os autores dun estudo centrado nunha especie de cabaliño do demo común na Europa Mediterránea e caracterizada pola frecuencia das súas “agresivas disputas territoriais”, sinalan.

Publicidade

Concretamente, o artigo presenta os resultados do estudo realizado con 27 machos de gaiteiro vermello, a subespecie asturica, no río da Chanca, en Meaño. Co propósito de analizar a incidencia desa coloración no “éxito de apareamento e oviposición”, os investigadores colorearon de negro os segmentos abdominais rosados dos exemplares estudados. Mentres, aqueles que integraron o grupo control, aos que se lles cubriu de negro outro segmento abdominal diferente, “seguían tendo a cor rosa intacta”. Deste xeito, explica Cordero, buscábase evitar que o “efecto que a propia pintura” puidera ter sobre as libélulas influíse nos resultados.

Unha cor determinante nos “cortellos copulatorios”

Os resultados amosan que os dous grupos aos que se lle aplicou a pintura viron reducida “a súa taxa de apareamento”, mais tamén que o “éxito reprodutivo” dos machos non se vía “significativamente afectado pola eliminación da cor rosada”, rexistrándose un número de cópulas similar en ambos grupos durante os traballos de campo. Pola contra, explican, o feito de contar ou non coa cor rosada si “afectou claramente” na súa capacidade para “atraer as femias” para que depositasen os ovos no seu territorio.

Publicidade

Como explica Cordero, “se a femia queda no lugar onde se apareou e pon os ovos, será ese macho seguramente o que os fertilice”, mentres que se esta “decide ir a outro territorio, o máis a probable é que se aparee de novo, polo que o macho xa non fertilizaría os ovos”. De aí que os investigadores vinculen a utilidade desta tonalidade non cos cortellos previos ao apareamento, senón cos que teñen lugar tras a cópula, posto que os machos “exhiben” en ambos estes segmentos rosados do seu abdome. “A hipótese máis probable é que serve para indicar os mellores substratos de posta, xa que os machos se pousan sobre a vexetación indicando o lugar”, apunta Cordero ao respecto destes cortellos posteriores ao apareamento.

“A cor rosa non aumenta o éxito na cópula, pero é crucial para que a femias se animen a pór os ovos, así que é moi importante para os machos”, subliña o responsable do grupo EcoEvo, que lembra que non se coñece a función destas coloracións “en ningunha outra especie” desta familia de cabaliños do demo. Nese senso, unha das conclusión do estudo é que esta evolucionou “nun contexto de selección sexual poscopulatoria”.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reforza a súa faceta divulgativa coa 5ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’

A publicación incorpora conversas en estilo directo e, por primeira vez, unha versión en formato audiolibro

A UVigo leva a Lalín a cuarta edición da feria ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

A actividade inclúe obradoiros, xogos e experiencias interactivas para espertar vocacións científicas na mocidade

O 27% dos adolescentes galegos sufriu acoso a través das redes

O 15,8% dos mozos presentan síntomas de adicción ás novas tecnoloxías, segundo un estudo publicado pola Universidade de Vigo

Un innovador sistema galego recolle auga do orballo para loitar contra a seca

O método deseñado por científicos da UVigo en colaboración con institucións francesas baséase no xeito en que as plantas recollen pola noite o resío