O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera o proxecto de investigación Toxi-Feed, un estudo que analiza como determinados contaminantes que poden estar presentes nos pensos acuícolas inflúen na alimentación e no metabolismo da troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss), unha especie clave na acuicultura de auga doce. A investigadora do grupo PhysToFish, Ayelén Blanco, é a responsable do traballo, que se executará ata 2028 e que está financiado pola convocatoria de Consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG da Xunta de Galicia.
A alimentación é un dos factores máis determinantes na produción acuícola, tanto desde o punto de vista do benestar animal como da rendibilidade do sector, xa que pode supoñer ata o 70% do custo total de produción. Aínda que os pensos están regulados, poden conter contaminantes en baixas concentracións que, a longo prazo, afectan a procesos esenciais como a inxestión de alimento, o crecemento, o metabolismo ou a reprodución dos peixes. “Estudar estes contaminantes permite anticipar problemas, protexer o benestar animal e garantir unha produción acuícola segura e eficiente”, afirma Ayelén Blanco.
Neste contexto, Toxi-Feed céntrase no estudo de dous contaminantes modelo: o PCB-126, asociado tradicionalmente á fariña de peixe, e a aflatoxina B1, vinculada a ingredientes de orixe vexetal, cada vez máis empregados na formulación de pensos como alternativa sostible ás fariñas mariñas. “Este cambio na composición dos pensos, necesario para avanzar cara a unha acuicultura máis sostible, introduce tamén novos riscos que é preciso comprender e anticipar”, explica. O traballo busca comprender que ocorre a nivel molecular cando os peixes inxiren pensos contaminados e como isto altera os mecanismos que regulan o seu apetito, explorando tamén estratexias para neutralizar os seus efectos negativos.
Enfoque integral e aplicado
O proxecto adopta un enfoque integral, combinando experimentos con peixes e estudos a nivel celular, para analizar que acontece a escala molecular cando os animais inxiren estes pensos. En particular, estudarase como estes compostos alteran os mecanismos que regulan o apetito e o metabolismo, factores clave para o crecemento e a eficiencia alimentaria.
Máis aló do diagnóstico do problema, Toxi-Feed ten un marcado carácter aplicado. O proxecto avalía se a inclusión de determinados aminoácidos, compoñentes naturais e seguros da dieta, pode contrarrestar os efectos negativos destas sustancias sobre a alimentación e o metabolismo dos peixes. “Esta aproximación abre a porta ao desenvolvemento de pensos máis seguros e funcionais, capaces de protexer a saúde dos animais mesmo en presenza de contaminantes inevitables na cadea de produción”, recalca a investigadora.
Optimizar a formulación dos pensos
Ao remate do proxecto, agárdase obter unha comprensión detallada de como os contaminantes presentes nos pensos acuícolas inflúen nos mecanismos que regulan a alimentación dos peixes e demostrar que é posible mitigar os seus efectos mediante estratexias nutricionais sinxelas. Os resultados de Toxi-Feed poderán servir de base para optimizar a formulación dos pensos, mellorar o benestar animal, reforzar a eficiencia produtiva e contribuír a unha acuicultura máis sostible e competitiva.














