Un novo mapa guía a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria en Galicia e Portugal

A ferramenta, desenvolvida con participación da UVigo, emprega a IA para identificar recursos e detectar novas oportunidades de aproveitamento

O centro de investigación interuniversitario Ecobas, onde se inclue o grupo GEN da Universidade de Vigo, lidera o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal. Foi presentada no campus de Ourense no marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP. Este Mapa de Recursos e Subprodutos para a Economía Circular na Industria Agroalimentaria ofrece información detallada sobre os sectores clave como o lácteo, cárnico, mariño, bebidas (viño, cervexa e sidra), froitas e verduras, e aceite.

A través da ferramenta pódense coñecer datos sobre residuos xerados nos procesos produtivos que poden ser relevantes para a economía circular, como volumes de produción, principais subprodutos, composición química e posibles vías de valorización. “Toda esta información está accesible mediante unha consulta a IA; pódense obter respostas claras sobre a composición de cada subproduto e as súas posibilidades de aproveitamento actuais e potenciais”, apuntan dende a iniciativa. Ademais, cuantifica e caracteriza subprodutos industriais da cadea de valor dos alimentos para facilitar a simbiose e xeración de biocompostos de alto valor engadido. Con isto quérese “transformar descartes produtivos en vectores de competitividade estratéxica na eurorrexión Galicia-norte de Portugal”.

Publicidade

A metodoloxía combina estatística oficial de produción sectorial con coeficientes técnicos de orixe bibliográfica e experimental, permitindo estimar con precisión o volume anual de subproduos ou residuos xerados, a súa caracterización físico-química e alternativas de valorización en diferentes usos industriais. Miguel Rodríguez, un dos líderes da iniciativa dende a UVigo, sinala que “a transición cara a un modelo produtivo circular e descarbonizado demanda superar a dispersión informativa e conectar con precisión a ciencia co tecido empresarial”.

Aplicacións

Entre as múltiples aplicacións da ferramenta de IA está a identificación de oportunidades de valorización. Por exemplo, os promotores sinalan que a industria conserveira de túnidos non só era biomasa residual: a súa composición revela dispoñibilidades cuantificables de compoñentes bioactivos como ácido hialurónico para a cosmética, hidroxiapatita para rexeneración ósea en odontoloxía e medicina, e hidrolizados proteicos (FPH) con propiedades antioxidantes e antihipertensivas.

Publicidade

Na actualidade, o mapa preséntase na súa primeira versión beta. Deste xeito, persoal investigador, pemes e xestores públicos poden “interrogar a base de datos de xeito aberto e flexible, consultando rutas de valorización sen barreiras informáticas”.


Podes acceder ao Mapa de recursos de economía circular na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta