Entre os pequenos mamíferos, aves, anfibios e réptiles que os investigadores Iván Rey Rodríguez e Sara Varela González, do grupo MapasLab do CIM UVigo, atoparon hai uns meses durante as escavación no nivel 5A, datado entre 42.000 e 40.000 anos, na cova de Kiik Kamar en Uzbekistán, un dos aspectos que máis lles chamou a atención foi a grande abundancia de restos de tartarugas recuperados. Causas naturais, acumulados por animais ou formaban parte da dieta das poboacións humanas que a ocuparon? Esta última é a hipótese central da investigación. “Temos que estudar os restos con detalle, analizar a súa conservación e buscar posibles evidencias de manipulación humana, como marcas de corte ou alteracións relacionadas coa preparación e o consumo”, explica o investigador posdoutoral Iván Rey.
Kiik Kamar, localizada en Asia Central, nun corredor natural entre o Próximo Oriente, Europa e o interior de Asia, permaneceu intacta ata 2024, ano no que comezaron as escavacións baixo a dirección da arqueóloga da Universidade de Varsovia Malgorzata Kot. Dous anos despois, xa ao abeiro do proxecto ERC Inasia, identificáronse nove niveis arqueolóxicos, entre os que destaca o 5A, que conserva industria lítica, fauna e estruturas de combustión, que demostran a presenza reiterada de grupos humanos no interior da cova. Con todo, Iván Rey lembra que a principal incógnita está relacionada cun dos debates centrais da evolución humana: “As industrias do Paleolítico Superior inicial asociáronse tradicionalmente coa expansión do Homo sapiens por Eurasia; non obstante, en Asia Central identificáronse conxuntos con característica semellantes e cronoloxías más antigas do esperado”.
Durante ese período, o continente asiático estivo habitado por distintas poboacións humanas: Homo sapiens, neardentais e denisovanos, pero aínda resulta difícil relacionar cada poboación cunha tecnoloxía concreta. “Unha ferramenta non conserva por si mesma a identidade de quen a fabricou “, explica Rey, que avanza que a investigación “permitirá avaliar se as innovacións relacionadas co Paleolítico Superior xurdiron en Asia Central e desprazáronse cara Europa, se percorreron o camiño inverso ou se desenvolveron e compartiron por diversas poboacións humanas; ademais de axudar a determinar se esta rexión funcionou unicamente como corredor migratorio ou desempeñou un papel propio na aparición de novos comportamentos”.
Pequenas pistas que reconstrúen a paisaxe
Iván Rey incorporouse ao proxecto o ano pasado despois que a directora do proxecto, Malgorzata Kot, contactase con el tras traballar na súa tese de doutoramento con pequenos vertebrados de xacementos paleolíticos de Irán. “Non hai moitos especialistas que traballen con este tipo de fauna nesta rexión, polo que a miña experiencia encaixaba bastante ben co que necesitaban”, detalla Rey. Pola súa banda, Varela incorporouse este ano.
O traballo dos investigadores do CIM céntrase no estudo dos restos de pequenos vertebrados recuperados durante as escavacións, como mamíferos, aves, anfibios e réptiles, que resultan especialmente útiles para reconstruír ambientes do pasado, porque moitas especies presentan referencias ecolóxicas e climáticas concretas. “Os sedimentos arqueolóxicos lávanse e penéiranse para recuperar restos máis pequenos, moitas veces de apenas uns milímetros, e despois no laboratorio, separamos os restos óseos, identificamos os distintos grupos de animais, estudamos as súas características anatómicas e, a partir desta información, podemos reconstruír aspectos como a temperatura, as precipitacións ou o tipo de paisaxe que existía cando se depositaron os restos”, detalla Iván Rey, que engade que neste proxecto están a aplicar técnicas de microtomografía, “que permiten estudar estruturas internas e externas dos ósos e dentes en tres dimensións, sen danar os fósiles”.
Os investigadores da UVigo confirman que o estudo taxonómico detallado dos restos de diferentes grupos de vertebrados recuperados aínda está en marcha, polo que prefiren non adiantar unha lista concreta das especies atopadas.
Regreso ao xacemento o próximo ano
Iván Rey e Sara Varela, que xunto a Malgorzata Kot, veñen de publicar un artigo en relatando a súa experiencia na revista National Geographic, regresarán a Uzbekistán en maio de 2027 para continuar co estudo dos materiais que permanecen alí. “Mentres tanto, estamos utilizando as fotografías que tomamos durante as campañas para intentar avanzar na identificación dos restos de pequenos vertebrados”, apuntan. Tamén aseguran que é complicado chegar ao xacemento: durmir en tendas de campaña, desprazarse en coche durante 20 minutos por camiños sen asfaltar e camiñar un cuarto de hora para chegar á cova. O obxectivo das próximas campañas é ampliar a superficie escavada e continuar cara os niveis inferiores, co obxectivo de coñecer a antigüidade da secuencia e comprobar como mudaron ao longo do tempo a tecnoloxía, a subsistencia e o uso da cova.













