Moita chuvia e frío: así era o clima das serras orientais galegas onde viviron os últimos neandertais

Un estudo da USC permite identificar a zona de Cova Eirós como un "refuxio climático" que ofrecía máis posibilidades de subsistencia pola vexetación de arredor

Unha nova investigación realizada no xacemento de Cova Eirós (Triacastela, Lugo) permite afondar no coñecemento sobre o clima e o ambiente nas serras orientais galegas no momento en que as habitaron os derradeiros neandertais e os primeiros Homo sapiens de Galicia. O estudo, liderado polo investigador da Universidade de Santiago (USC) Hugo Bal García, revela un clima moi chuvioso e “moito máis frío que na actualidade”. Por tanto, as serras orientais galegas funcionaron como “refuxio estable no tempo”. O estudo, que analizou restos de fauna de Cova Eirós, tamén achega información relavante sobre a vexetación predominante naquel momento.

O traballo, publicado na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology, consistiu na análise zooarqueolóxica dos niveis 3, 2 e 1 do xacemento, os cales representan unha cronoloxía de entre 41.000 e 17.000 anos. Durante este amplo período, déronse ocupacións tanto dos últimos neandertais (nivel 3) como distintas fases de ocupación dos primeiros Homo sapiens que chegaron ao noroeste peninsular (niveis 2 e 1), polo que a investigación permitiu comparar como evolucionou o medio ao que se enfrontaron.

Publicidade

Preto de 40 especies distintas

As conclusións extraéronse grazas á identificación taxonómica de máis de 400 animais de, polo menos, 36 especies distintas. Entre elas, dende grandes mamíferos —do coello en adiante— ata de pequenos vertebrados como serpes, ratos e ras. Xunto coa aplicación de modelos paleoecolóxicos, o equipo puido inferir o tipo de vexetación presente na contorna inmediata da cavidade e estimar a temperatura e as precipitacións aproximadas para cada un dos tres niveis analizados. Entre os resultados destaca a identificación dunha Galicia moito máis fría que na actualidade, cun descenso de ata 3,6 graos na temperatura media anual.

Non obstante, a pesar das baixas temperaturas, o réxime de precipitacións mantívose relativamente elevado, con estimacións por riba dos 1000 mm anuais en tódolos niveis. A tendencia, porén, mostra que ao longo da Idade do Xeo o territorio foise atemperando progresivamente e recibindo maiores precipitacións, sempre nun marco dunha contorna relativamente arborada intercalado con extensas pradarías húmidas. Estes elementos permiten situar as serras orientais de Galicia como unha potencial área de refuxio climático, unha contorna cunhas condicións de temperatura, humidade e vexetación propicias para o mantemento de comunidades de cazadores-recolectores na zona.  

Publicidade

Por que un “refuxio climático”?

“Consideramos que as serras orientais galegas funcionaban como un refuxio climático porque o réxime tan elevado de precipitación permitiu manter un mosaico de vexetación con partes boscosas e pradarías húmidas“, sinala Bal. Isto rompe coa dinámica propia do Pleistoceno superior, marcado por grandes estepas. “O que teriamos aquí sería unha zona húmida, non de bosques densos, pero si de vexetación arbórea que daba máis oportunidades á subsistencia”, engade o líder do estudo, tamén investigador do Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

En canto ao resto de xacementos da península, Bal indica o seguinte: “Nas serras orientais galegas rexistrouse unha alta pluviosidade. Estamos practicamente duplicando o resto do Cantábrico”. Mentres que as estimacións están por enriba dos 1.000 mm anuais a todos os niveis nas serras orientais galegas do pasado, nos xacementos de Asturias e Cantabria os números non superaban os 300 e 400 mm. “Son valores propios de hoxe en Alicante ou Valencia, onde apenas chove. Polo tanto, no norte peninsular habería masas boscosas, pero moito menos frecuentes ou máis illadas que nas serras orientais galegas. Probablemente estas características tamén as teriamos nos vales interiores de Lugo e Ourense”, indica Bal García.

Algúns dos restos óseos e dentais de grandes mamíferos identificados no xacemento de Cova Eirós. Autor: Hugo Bal García
Algúns dos restos óseos e dentais de grandes mamíferos identificados no xacemento de Cova Eirós. Autor: Hugo Bal García

A investigación continúa o seu curso e agora están a rematar de escavar o nivel 4 de Cova Eirós, máis antigo que o nivel 3 que pertence aos derradeiros neandertais. “Pode abrir moitísimas posibilidades para entender a relación entre a evolución e as dinámicas. Non é só estudar as temperaturas e as precipitacións, senón a súa evolución ao longo do tempo”, apunta. Polo tanto, o nivel 4 correspóndese cunha ocupación “máis plena” dos neandertais, e pode achegar máis información sobre como aproveitaban os recursos, así como datos sobre climatoloxía e vexetación que permitan perfilar os resultados atopados ata o de agora.


Referencia: Palaeoecological dynamics during the Middle and Upper Palaeolithic in Northwest Iberia: The Cova Eirós archaeological site (Publicado en Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De cervos a cabalos: este era o menú dos neandertais que habitaban Cova Eirós

Un novo método baseado en coláxeno aplicado dende a USC identifica restos óseos fragmentados e amplía o coñecemento sobre a súa alimentación

Atopada a pegada dactilar máis antiga do mundo? Luces e sombras do achado do CSIC

Expertos critican as conclusións e interpretacións dalgúns datos facilitados polo centro público e aseguran que é necesaria máis evidencia

O investigador dos últimos neandertais de Galicia: “Nin tan brutos nin tan parvos. Eran humanos, coma nós”

O autor do estudo que reconstrúe o clima das Serras Orientais de hai 40.000 anos analiza os desafíos da investigación ante a escaseza de xacementos

As Serras Orientais de Galicia, o refuxio climático dos derradeiros neandertais do norte peninsular

Os últimos cazadores-recolectores enfrontáronse a un medio considerablemente máis frío e a un réxime de precipitacións similar ao actual