O cervo era a especie máis consumida polos neandertais que habitaban Cova Eirós hai 400.000 anos, aínda que os cabalos tamén formaban parte do seu menú. Este enclave, situado nas Serras Orientais de Galicia, está a ser investigado nun proxecto liderado por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago (USC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC). Neste contexto, un novo método baseado na análise de coláxeno permitiu determinar restos máis pequenos e fragmentados de ósos con marcas de corte. “Adoitan estar tan alterados que non se sabía a que animal pertencían”, apunta Bal García. Convértese, así, na primeira vez que poden facer unha identificación a grande escala de vestixios de animais cazados e aproveitados por neandertais e humanos anatomicamente modernos.
As análises tradicionais xa amosaban a presenza do cervo, pero o método ZoomMS permitiu coñecer que o consumo do cabalo era moito maior do estimado. O xacemento, situado no Val do Cancelo (Lugo), recibe poucas visitas desta especie a causa do ”relevo moi abrupto, non especialmente fácil para o seu acceso”. Isto evidencia o comportamento dos neandertais de Cova Eirós: “O máis probable é que non consumiran só animais da contorna máis inmediata, senón que se trasladaban a outros territorios”, apunta Hugo Bal.
Unha nova técnica baseada en coláxeno
O ZooMS (Zooarchaeology by Mass Spectomety ou Zooarqueoloxía por Espectometría de Masas) é un método baseado na asignación de categorías taxonómicas en función da identificación de secuencias peptídicas no coláxeno que se conserva nos ósos dos animais e comparándoos con bibliotecas de secuencias de referencia. Este método permite, polo tanto, identificar aqueles restos óseos que polo seu elevado grao de fragmentación non poden ser identificados mediante anatomía comparada, a base de calquera estudo zooarqueolóxico ou paleontolóxico. “Permitiunos observar material máis machacado, elementos articulares e restos da zona media do óso, onde máis marcas adoita ter”, sinala o investigador da USC. Así, só se precisa unha chisca de coláxeno para poder determinar o menú destes grupos humanos: “As análises xa non contan co impedimento de identificar os restos”.
O traballo presenta o resultado da aplicación deste método en 114 restos fáunicos que non puideron ser identificados mediante métodos tradicionais e comparándoos co estudo morfolóxico de máis de 8.000 restos fáunicos do xacemento. Isto permitiu demostrar unha maior diversidade na dieta cárnica dos grupos cazadores-recolectores da que se coñecía ata o momento, deixando patente que a maior intensidade no procesado dos herbívoros introduciu un nesgo na identificabilidade dos restos destes animais, dos cales hai unha maior cantidade de esquirlas óseas indeterminadas que doutros animais, coma os osos cavernarios.

Neandertais vs. Humanos anatomicamente modernos
En Cova Eirós, o equipo detrás desta investigación puido identificar a presenza de poboacións máis antigas —os neandertais— e dos humanos pertencentes ao Paleolítico superior —os humanos anatomicamente modernos—. Así, esta nova investigación permite establecer unha evolución nas súas dietas: segundo explica Hugo Bal, o cervo era un punto en común entre ambos os grupos, pero nos neandertais, era máis habitual “o consumo de recursos doutros ecosistemas”. Mentres estes consumían rebezos, habituais na contorna do xacemento, a alimentación dos humanos do Paleolítico superior recae no cervo e no corzo.
















En Galicia sempre fomos ricos en natureza, historia, e patrimonio, isto está claro. Creo que dun tempo a esta parte podremos presumir, ou asumir preminentemente, que contamos tamén cun seleccto programa de ciencias, e dentro deste científicos de toda gama e variedade.
Parabéns á revista.