As escavacións en Cova Eirós constatan períodos de ocupación nunca rexistrados

O achado de 50 moedas romanas na Cova das Cabras demostra que a cavidade estaba ocupada na segunda metade do século IV d.C.

Os últimos traballos levados a cabo na Cova Eirós, situada no concello de Triacastela, ofrecen datos relevadores. As escavacións feitas durante o verán permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades. Máis en concreto, o achado de 50 moedas romanas na Cova das Cabras apuntan a un nivel de ocupación que chega á segunda metade do século IV d.C. Unha data que nunca se rexistrara na Cova Eirós, pero tampouco en ningún outro xacemento dos arredores.

Estes resultados son froito unha intervención desenvolvida en dous espazos diferentes. Por unha parte, na Cova Eirós, coa continuación das escavacións dos niveis do Paleolítico medio. Por outra a apertura de novas catas na Cova das Cabras, unha cavidade próxima á de Eirós. A escavación correo ao cargo do grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social de Tarragona e da Universitat Rovira i Virgili, ao abeiro dun convenio coa Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Publicidade

Afondar no coñecemento sobre os neandertais

Por outro lado, os traballos que se executaron en Cova Eirós no nivel do Paleolítico medio serven para profundar no coñecemento sobre os neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos. Segundo se sinala, utilizaron esta cavidade como campamento durante tempadas relativamente longas. De aí o motivo polo que neste nivel é onde se atopa unha maior cantidade e densidade de restos arqueolóxicos como lascas, raspadeiras e restos da súa manufactura.

Os neandertais habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos

Amais disto, os grupos de neandertais que habitaron a zona cazaban cervos, rebezos e cabalos nos vales e bosques próximos que logo, unha vez despezados, levaban á cavidade. Algúns destes restos óseos conservan as marcas de corte feitas coas ferramentas líticas usadas para o seu descarnado. Os restos óseos amosan que Cova Eirós tamén foi ocupada alternativamente por carnívoros que usaban a cavidade como cubil ou oseira. Este tipo de ocupacións tiveron lugar nun momento de progresivo arrefriamento e onde os osos das cavernas, rinocerontes laúdos, rebezos, corzos, cervos e xabarís abondaban nos bosques e vales próximos.

Publicidade

En paralelo, realizáronse traballos de fotogrametría para facer levantamentos en 3D dos paneis que conteñen arte do interior de Cova Eirós e un estudo etnolóxico dos grafittis do interior da cavidade para comprender a consideración patrimonial dos veciños de Cancelo sobre Cova Eirós.

Cova das Cabras

Por outro lado, a intervención desenvolvida en Cova das Cabras achegou novos datos sobre o uso das cavernas de Cancelo durante as épocas históricas. Na entrada escavouse unha pequena cata, onde se recuperaron numerosos restos de ovicápridos e fragmentos cerámicos de época medieval. As evidencias arqueolóxicas indican un uso agropastoril desta pequena cova durante a Idade Media, complementario ao documentado en Cova Eirós. A cova foi empregada como lugar de resgardo de ovellas e cabras durante os séculos XII-XIII d.C. Este uso da cavidade, tal e como o seu nome indica, foi continuado polos veciños de Cancelo ata hai poucas décadas.

As evidencias arqueolóxicas indican un uso agropastoril desta pequena cavidade durante a Idade Media

De todas formas, o achado máis destacado fíxose no extremo interior da cavidade, a uns 20 metros da entrada. “Recuperouse un tesouriño formado por unhas 50 moedas romanas que permite documentar un nivel de ocupación, da segunda metade do século IV d.C., ata a data, non rexistrado nin en Cova Eirós nin noutros xacementos da contorna”, sinalan dende o equipo investigador. O estudo numismático feito por Santiago Ferrer Sierra permitiu identificar varias delas como follis de bronce pertencentes a Constancio II (341-346 d. C.) e a Valentiniano ou Valente (367-375 d. C.). O seu achado no fondo da Cova das Cabras, un lugar de difícil acceso, indica a clara intencionalidade do seu agochamento.

As 50 moedas romanas atopadas na Cova das CAbras permiten documentar un nivel de coupación da segunda metade do século IV d.C.
As 50 moedas romanas atopadas na Cova das CAbras permiten documentar un nivel de coupación da segunda metade do século IV d.C.

A diferencia doutros contextos, os numismas non apareceron en cerámicas ou ánforas, senón concentradas na superficie da cavidade. Iso indica que moi probablemente esas moedas estaban gardadas nunha bolsa anoada, ben de tea ou de coiro, ao non atoparse, polo de agora, fíbulas para o seu peche. Este tipo de tesouriños non é alleo a outros contextos cantábricos en cova, e son relativamente frecuentes en castros (Valencia do Sil, Viladonga) e xacementos tardorromanos da Gallaecia, salientando o ambiente de inestabilidade política e social que define o Imperio Romano durante o século IV. Actualmente atópanse en fase de restauración na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia para posibilitar o posterior estudo da colección completa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Un estudo da USC constata efectos respiratorios persistentes cinco anos despois da erupción da Palma

A investigación incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe