O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Ás 2.05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora marca o instante no que o Sol no seu movemento aparente na bóveda celeste sobre a eclíptica está no punto Libra, pasando do hemisferio norte ao sur. Ao igual que sucede no equinoccio de primavera, son datas nas que a duración do día e a noite son teoricamente semellantes. Porén, debido ao efecto do crepúsculo, a iluminación da atmosfera antes do amencer e logo do solpor fai que haxa máis luz que escuridade, segundo informan dende o Observatorio Astronómico da USC ‘Ramón María Aller’ (OARMA). O outono, a terceira estación en duración, vaise estender este ano ata o 21 de decembro ás 21:50 horas.

En outono haberá catro choivas de estrelas: as dracónidas e oriónidas de outubro, as leónidas de novembro e as xemínidas de decembro, esta última a máis activa de todas. E haberá tamén ocasión de ver a simple vista o planeta Saturno durante toda a noite, e sobre o 12 de outubro Mercurio estará en condicións ideais de ser contemplado no crepúsculo vespertino. Nesta estación produciranse así mesmo algunhas conxuncións interesantes coma a do 5 de outubro de Marte coa Lúa e a do día seguinte de Xúpiter. Ademais, en novembro estarán Marte, Xúpiter e a estrela Regulus moi preto no ceo coa Lúa, tanto os días 2 e 3 coma o 30.

Publicidade

Sen apenas chuvias

Remata así un verán seco e sobre todo moi caloroso na contorna de Compostela, segundo informa o OARMA. Ata o de agora, o récord dun verán de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos o tiña o de 1990 con 27, pero este ano esa cifra ascendeu a 32 (tres días en xuño, dez en xullo, nove en agosto e dez de setembro). A temperatura máxima deste verán acadouse o 5 de xullo con 38,1, seguido do día anterior con 37,5 e do 5 de setembro con 37,1.  Iso si, os 40,3 rexistrados o 20 de xullo de 1990 segue a ser a temperatura máis elevada nas últimas décadas. Pola contra, a máxima non pasou dos 16,1 o 27 de agosto e chegou aos 18,8 en tres ocasións: 26 e 29 de agosto e 8 de setembro. En canto ás temperaturas mínimas, a absoluta tivo lugar o 9 de setembro con 11,6, sendo as noites máis cálidas as do 23 de xuño (21,0), 14 de agosto (20,6), e 4 de xullo(20,2).

A chuvia recollida no estío ascendeu ata os 120,7 litros/m2 debido ao último terzo de agosto. Por meses, os datos son: 22,7 l/m2 nos últimos días de xuño, 16,4 l/m2 en xullo, 68,7 l/m2 en agosto e 12,9 no que levamos de setembro. Disto, conclúe o persoal do OARMA que a seca severa iniciada o 19 de febreiro continúa. “Neste últimos sete meses so se recolleron  251,7 litros/m2 no pluviómetro do observatorio, aproximadamente unha cuarta parte do normal, pero tamén é certo que no mesmo período do ano 1990 chovera aínda menos: 217,3 l/m2”, explican.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS