Afouteza, paixón, xuntanza. En que pensas ao ler estas tres palabras? Se a resposta é o Celta de Vigo, equipo de fútbol da cidade olívica, estás no certo. A publicación en 2023 do himno do centenario baixo o título Oliveira dos Cen Anos foi un punto de inflexión claramente percibido polo público: o equipo de comunicación estaba a cambiar a súa estratexia para ligar o club coa lingua e cultura galegas. Isto prodúcese nun escenario complexo, no que o idioma galego xa non é a lingua máis falada da comunidade. Para analizar este contexto, os investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) Estela Fidalgo Garra e Miguel Guisantes Alonso presentaron os primeiros resultados do seu proxecto sobre o uso do galego na comunicación do Celta, encadrado dentro do proxecto IDEOLINGAL e presentado no VII Congreso Internacional de Dialectoloxía e Sociolingüística.
“O galego deixa de aparecer só como lingua nas publicacións e pasa a formar parte dun relato máis amplo: quen é o club e con que identidade se presenta”, sinala, en primeiro lugar, Estela Fidalgo. Así, o equipo celeste leva anos poñendo en marcha numerosas iniciativas para que isto se evidencie na práctica: dende o lanzamento de CeltaMedia —unha plataforma oficial de contido con vídeos, reportaxes e entrevistas— ata o propio estadio, con directos de artistas galega como Fillas de Cassandra, a icónica actuación do multiinstrumentalista Abraham Cupeiro e seu carnix, ou a aparición das famosas Pantallas do Entroido de Xinzo de Limia en Balaídos.
A Enquisa Estrutural a Fogares que publicou o Instituto Galego de Estatística (IGE) en outubro de 2024 sinalaba, por primeira vez dende 2003, que o castelán lle arrebatara a posición de lingua maioritaria ao galego en Galicia. Para facer fronte a esta realidade, diversas marcas de orixe galega, dende equipos de fútbol ata grandes internacionais como Inditex, decidiron buscar un oco para o idioma nas súas filas. De feito, así foi como se iniciou un novo derbi galego —arredor do idioma— no fútbol de Galicia: Celta de Vigo vs. Deportivo da Coruña.
O papel das redes sociais
Antes de 2023, previo cambio de directiva do Celta e, por conseguinte, do equipo de comunicación, había un maior peso do castelán e o inglés nas redes sociais do club. Agora, nesta nova etapa con Marián Mouriño á fronte do equipo está a cambiar a proxección: “Observaron que o galego e a aposta pola identidade non limitaba o alcance; todo o contrario”, explican os investigadores. Así, o galego convértese no vehículo central para reforzar a relación coa afección e diferenciarse doutros equipos.
As redes sociais son unha das vías principais de comunicación para conectar cos e coas celtistas, que reciben con gran ánimo a chegada do galego como idioma principal nas plataformas: o corpus analizado por Fidalgo-Garra e Guisantes-Alonso, constituído por diversos contidos extraídos das redes sociais do equipo, conta cun “gran número de comentarios moi positivos e identificados con esta estratexia”, tal e como sinala Miguel Guisantes. Explica que as interaccións positivas procedían, sobre todo, de afeccionados celestes, pero tamén de seguidores doutros equipos que esperaban un cambio de estratexia nos seus respectivos clubes.
Con todo, tamén aparecía quen, nos comentarios, reflectía unha visión moito máis crítica da nova estratexia comunicativa do Celta de Vigo. “Este número de comentarios era practicamente irrelevante”, coinciden ambos investigadores. Así, na súa maioría, os contidos en redes foron capaces de xerar emoción, sentido de pertenza e identidade: “As marcas teñen o reto de construír un relato que a audiencia perciba como auténtico”, subliña Estela Fidalgo Garra.
Balaídos como espazo de respiro
Hai unha especial diferenza entre uso da lingua galega en contextos socioeconómicos, como pode ser o caso do Celta de Vigo, co uso real do idioma; é dicir, a normalización. A pesar de que unha marca pode actuar como axente de revalorización social dunha lingua —pola súa gran capacidade de difusión e visibilidade—, non significa que veña acompañada dunha normalización en sentido estrito, pero si simbólico. Os datos respecto ao galego son críticos. Pero, neste contexto, o estadio de Balaídos funciona como un “espazo de respiro”, segundo a denominación dos investigadores, que designa un lugar onde as linguas minoritarias —como é o caso do galego en Vigo— se desenvolven con maior liberdade e de forma moi visible: o speaker que anuncia os cambios fala galego e introdúcese a música na ecuación.
Un novo derbi galego
Miguel Guisantes e Estela Fidalgo comezaron recentemente un novo estudo arredor do principal rival do Celta de Vigo: o Deportivo da Coruña. A primeira discrepancia que puideron comprobar é o uso de galego, idioma que o Deportivo leva décadas empregando nas súas redes sociais de forma habitual. Con todo, a apreciación desta estratexia semellaba non ser tan aclamada como no caso do Celta: “Seguramente, a causa de estar tan normalizado, non chegaba a ser aplaudido”, explican os investigadores.
Hai quen sinala a estratexia do Deportivo como unha copia do traballo realizado polo equipo de comunicación do conxunto celeste, sobre todo co ascenso a primeira división do equipo coruñés. Agora, é un mito desmontado. Tamén implementaron recentemente cambios para favorecer a normalización do galego, como o paso de RC Deportivo a Real Club Deportivo de A Coruña, substituíndo o uso do castelán “La”.
Os investigadores sinalan que se trata tamén dunha cuestión de visibilidade: “O Celta leva varios anos en primeira división e o Deportivo acaba de ascender; significa menos presenza en redes e menos orzamento”, explica Guisante-Alonso. Percíbese, ademais, unha diferenza na procura de referentes. Mentres que o Celta de Vigo escolle figuras que engloban toda Galicia, o Deportivo busca asociarse coa Coruña —mariñeiros, o Atlántico ou a Torre de Hércules—. Con todo, esta comparación só fai evidente a implantación do galego como estratexia de pertenza nos principais equipos de fútbol de Galicia, o deporte rei, de dúas formas diferentes.
O galego é rendible
Unha das conclusións principais é que o galego pode funcionar como recurso de identificación colectiva e como activo económico. A pesar de que non se pode establecer unha relación directa, no exercicio 2025-2026 o Celta de Vigo superou por primeira vez os 100 millóns de euros en cifra de negocio. Os resultados da investigación permiten apuntar que “o galego é economicamente rendible” ou que, cando menos, o seu uso parece non penalizar. É un fenómeno que non só está a pasar nos equipos de fútbol, senón que empresas como Inditex están a evocar a identidade da comunidade a partir de coleccións como a lanzada pola festa de San Xoán. “Hai moito tempo que as marcas deixaron de vender produtos: agora seguen o modelo emocional-cultural”, explica Estela Fidalgo. Así, elementos como as linguas funcionan como reservas de autenticidade que buscan vincularse ao local dentro dun mercado homoxeneizado.
Un gran marco de actuación
Este estudo realizado arredor da comunicación en galego do Celta de Vigo forma parte dun proxecto máis amplo coñecido como IDEOLINGAL, ligado ao Instituto da Lingua Galega (ILG), que ten como obxectivo investigar as ideoloxías lingüísticas e a construción de identidades en Galicia centrándose na creación de contido dixital, un xa non tan novo contexto. O proxecto comeza agora o seu segundo ano de actividade e, agárdase, seguirá a amosar a capacidade das marcas de perpetuar o idioma galego nas vindeiras xeracións.














