O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo

Entre o 14 e o 19 de outubro, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou nas tres universidades galegas unha serie de encontros entre o estudantado e profesionais dos medios de comunicación galegos, nos que se abordaron cuestións como a alfabetización mediática, as redes sociais, a intelixencia artificial, os novos modelos de negocio, os nesgos de xénero e a desinformación. Máis de trescentos estudantes participaron nestas xornadas, organizadas pola AMEGA co obxectivo de fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego e promover espazos de intercambio e reflexión entre profesionais, persoas expertas e estudantado.

O último destes encontros celebrouse esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra. A xornada, titulada ‘Os medios en galego ante os novos retos da comunicación’, foi inaugurada pola decana da facultade, Emma Torres Romay, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, que resaltaron a importancia de que o estudantado de Comunicación vexa na lingua galega unha oportunidade para o seu futuro profesional.

Publicidade

A primeira intervención correu a cargo do profesor da Universidade de Vigo Xosé Baamonde Silva, que apelou á necesidade de que os medios de comunicación sexan transparentes á hora de explicar de onde procede o seu financiamento, co fin de fortalecer a relación de confianza co seu público. A continuación, interveu a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cruz Negreira, que analizou os medios de proximidade que existen actualmente en Galicia e presentou algúns exemplos de medios especializados en nichos específicos. Negreira defendeu o labor do xornalismo local, que permite dar voz a problemáticas e iniciativas que, doutro xeito, quedarían desatendidas.

Dende a súa experiencia en GCiencia, a xornalista Laura Filloy explicou como conseguen achegar temas complexos a un público amplo que, de entrada, non ten interese polos contidos científicos. «Adaptar os nosos contidos á linguaxe e ao formato das redes sociais é de vital importancia para chegar a un público amplo», sinalou. A última intervención correu a cargo do xornalista e director do portal culturagalega.gal, do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago, quen destacou as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para desenvolver solucións tecnolóxicas que ata agora eran inaccesibles para as pequenas empresas de comunicación en Galicia. A moderadora das intervencións foi Tamara Novoa, de A Movida.

Publicidade

Ao longo destas tres xornadas, ademais de buscar respostas sobre o camiño que debe seguir o xornalismo nun contexto marcado pola desinformación e a incerteza, abordáronse os 150 anos do xornalismo en galego, dende a aparición en 1876 de O Tío Marcos da Portela, así como o papel dos medios na normalización lingüística e na sociedade galega. Tamén se reflexionou sobre a figura de Begoña Caamaño e o papel das mulleres nos medios en galego, tanto sobre as dificultades que atopan as xornalistas como sobre a importancia de informar evitando os nesgos de xénero e incorporando unha perspectiva feminista.

O ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e das tres universidades galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977

A calor dispara a contaminación por ozono en Galicia ao seu nivel máis alto dende 2019

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción alerta de episodios que superaron o limiar de información en Vigo e As Pontes

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos

Tres frontes atlánticas consecutivas deixarán precipitacións e ceos nubosos en Galicia

A semana presentará unha situación moi diferente entre o sur e o norte da península, onde a influencia anticiclónica deixará paso a un tren de sistemas fríos