Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe que o Goberno autonómico vai “adiantar 5 anos a idade para someterse ao cribado de cancro de mama, é dicir, poderán participar todas as mulleres de 45 a 74 anos”. Esta medida xa fora aprobada pola Comisión de Saúde Pública en maio deste ano a raíz da petición de María Varela Iglesias realizada ante o Ministerio de Sanidade en marzo.

O Consello da Xunta tomou razón, na súa reunión semanal, do acordo de ampliación do cribado do cancro de mama, que prevé a súa ampliación graduada para incluír as mulleres de entre 45 e 49 anos. A dita inclusión levarase a cabo, como indicou Rueda, de maneira graduada, é dicir, serán invitadas por primeira vez todas as mulleres da poboación diana que cumpran 45 ou 50 anos de idade a partir do inicio da ampliación.

Publicidade

A medida implantarase de xeito progresivo

Concretamente, ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no cribado as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977; ao longo do ano 2028 as nadas en 1983 e 1978; no 2029 as nadas en 1984 e 1979; no ano 2030 as nadas en 1985 e 1980, e ao longo de 2031 as nadas nos anos 1986 e 1981. A partir dese momento só se incorporarán por primeira vez as persoas usuarias que cumpran 45 anos. Deste xeito, tal e como explicou o presidente, “o 100% das galegas de entre 45 e 50 xa poderán ter participado no cribado no 2031” e, a partir de aí, serán chamadas por primeira vez ao cumprir os 45.

A medida foi aprobada na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial, pero aínda está en trámite a norma que modificará a carteira de servizos do Sistema nacional de saúde para incorporar tanto a ampliación ata os 74 anos —que Galicia xa incorporou no ano 2023— como a ampliación para o cohorte de 45-49 anos. A proposta aprobada establece un prazo de 3 anos desde a publicación da norma para acometer os cambios precisos e 6 anos para acadar a cobertura do 100 % deses grupos de idade, que, segundo esta iniciativa, se lograría no 2031.

Publicidade

A medida permitirá, ademais, consolidar a posición de vangarda de Galicia en materia de cribados poboacionais de cancro e reforza un programa de éxito xa ampliado nos últimos anos.

Ampliación ata os 74 anos que demostrou a súa efectividade

Así, a decisión adoptada de xeito pioneiro pola Xunta en setembro de 2023 de ampliar a idade da poboación diana que pode participar no programa de detección precoz do cancro de mama ata os 74 anos está a demostrar a súa efectividade tras a detección de 507 cancros, permitindo obter un maior rendemento do programa en termos de saúde para este grupo de idade.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública avaliado hoxe sinala que na rolda de cribado realizada no período 2023-2024 as mulleres exploradas no grupo de 70 a 74 anos foron 64.021, o que significa que a taxa de detección da enfermidade se sitúa en 7,92 por cada 1.000 mulleres exploradas, porcentaxe moi superior á obtida nos grupos de idade inmediatamente inferiores.

O Programa, que se puxo en marcha no ano 1992 con idades comprendidas entre 50 e 64 anos, ampliouse no ano 2005 ata os 69 anos e, na actualidade, abrangue ás mulleres comprendidas entre os 50 a 74 anos. Na última rolda de cribado, a poboación diana superou as 502.000 mulleres. Dende o seu inicio, e ata o 31 de decembro de 2025, o programa realizou 4.687.662 invitacións e 3.759.517 exploracións, das que 733.225 corresponderon a mulleres que acudían en primeira rolda á unidade de exploración mamográfica e 3.026.292 a exploracións feitas a mulleres que acudían en roldas sucesivas. En concreto, no pasado ano fixéronse 247.815 invitacións e 206.242 exploracións.

Unha participación elevada

A participación global no programa é do 80,20 %. Esta participación chegou ao 83,22 % no pasado ano, cando as guías europeas sitúan o aceptable por riba do 70 % e o desexable por riba do 75 %. Dende o ano 2001 participan o 75 % ou máis das mulleres invitadas. Así mesmo, en roldas de exploración sucesivas os dous últimos anos acádase unha participación do 91,7 % no 2024 e do 91,53 % no 2025, o que indica unha elevada adherencia das mulleres ao programa.

Das 3.759.517 exploracións realizadas dende o ano 1992, o 96,75 % tiveron un resultado de normalidade e o resto foi derivado para unha valoración clínica adicional. No que se refire ao ano 2025, o 96,33 % tiveron resultado de normalidade e o 3,56 % foron derivadas para unha valoración clínica adicional.

No período 1992-2024 (o 2025 aínda é provisional), o número de cancros detectados foi de 14.074, o que representa unha taxa de detección global de 3,96 por cada 1.000 mulleres exploradas. Cómpre sinalar que para preto do 80 % das mulleres con mamografía positiva, o tempo entre a realización da mamografía e a data da cita hospitalaria foi de 30 días ou menos. Ademais, o tempo de resposta entre a exploración e a gravación da lectura situouse por debaixo dos 10 días establecidos como obxectivo en preto do 100 % desde o ano 2006.

Unha maior supervivencia relativa

As mulleres participantes no programa diagnosticadas de cancro de mama presentaron máis supervivencia relativa que as mulleres do mesmo grupo de idade diagnosticadas á marxe del (96,6 % fronte ao 83,1 % aos cinco anos de seguimento). Este dato é atribuíble, en gran parte, ao diagnóstico de tumores en fases moi precoces.

Grazas ao programa, os datos reflicten tamén unha redución drástica da mortalidade que se cifra en 910 mortes evitadas no grupo de 50 a 69 anos entre 1992 e 2012, período no que se levou a cabo o estudo de impacto.

No período 2000-2024, as mastectomías reducíronse a só un 15,02 % nas mulleres diagnosticadas de cancro, amosando unha tendencia á baixa grazas ao diagnóstico precoz e ao avance das técnicas de cirurxía conservadora da mama.

Estrutura do programa

Para atender ás máis de medio millón de mulleres da poboación diana, o programa galego está estruturado en tres niveis asistenciais coordinados e integrados coa historia clínica electrónica. Deste xeito, conta con 24 unidades de exploración mamográfica, que son os centros onde se realizan as mamografías. Tamén conta con tres unidades de avaliación radiolóxica, coordinadas dende A Coruña, Lugo e Pontevedra, e con máis de 20 radiólogos que realizan unha dobre lectura independente de cada estudo.

Engadido ao anterior, o programa ten 14 unidades de diagnóstico e tratamento integradas nos hospitais do Sergas ás que son derivadas as mulleres para valoración clínica adicional no caso dunha mamografía positiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo

A calor dispara a contaminación por ozono en Galicia ao seu nivel máis alto dende 2019

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción alerta de episodios que superaron o limiar de información en Vigo e As Pontes

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos

Tres frontes atlánticas consecutivas deixarán precipitacións e ceos nubosos en Galicia

A semana presentará unha situación moi diferente entre o sur e o norte da península, onde a influencia anticiclónica deixará paso a un tren de sistemas fríos