Galicia vai liderar un plan pioneiro de cribado de cancro de mama baseado na personalización do risco. No proxecto participarán 4.000 galegas que comezarán a ser convocadas a partir de febreiro. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen asegurou que MamaRisk pode cambiar o paradigma dos cribrados de cancro de mama.
A iniciativa, ao igual que os proxectos piloto de tumores de pulmón e próstata, aposta por usar criterios personalizados. É dicir, ir máis alá do requisito de idade e da elaboración dunha mamografía para apostar por unha proba máis específica. Así, ábrese a posibilidade de que sume unha mostra xenética e outros factores de hábitos de vida que indiquen un nivel de risco individual para cada muller.
Os investigadores Manuela Gago, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), e Estaban Castelao, do Instituto Galicia Sur, puxeron como obxectivo a elaboración dun cribado en función da predición do risco persoal e non só por un criterio de idade. A tal efecto, Galicia liderará esta iniciativa que se vai desenvolver en 14 comunidades autónomas e na que participarán 10.000 mulleres que pasaran polos cribados de cancro de mama, das que polo menos 4.000 serán galegas.
1,2 millóns de financiamento
O financiamento deste proxecto de prevención dirixida e de detección temperá, que terá unha duración de dous anos, acada os 1,2 millóns de euros procedentes de fondos europeos a través do Instituto de Saúde Carlos III. A implantación desta iniciativa implica unha colaboración de profesionais da saúde pública, oncoloxía, radioloxía, enfermería, epidemioloxía e xenética. O grupo de investigación comezará a enviar SMS durante o mes de febreiro ás 1.000 primeiras mulleres que xa participaran nos programas de cribado.
O novo modelo de cribado que o equipo de investigación aplicará é similar a unha calculadora onde, para cada muller, se introducen todos os factores de risco ou de protección ante o cancro de mama coñecidos ata a actualidade: factores non xenéticos (peso, altura, estilos de vida), factores xenéticos e factores mamográficos. Deste xeito, o modelo asignará un número de risco personalizado a cada muller (por exemplo, a unhas un 5% de padecer cancro de mama e a outra o 90%), clasificándoas en diferentes niveis de risco: alto, intermedio e baixo.
A investigación necesita contar con 4.000 casos positivos e 6.000 negativos. A tal efecto, convidarase a formar parte do proxecto a mulleres que participaran nos cribados de cancro de mama das 14 comunidades e que en 2018 foran negativas, analizando a súa historia ata o 2024, para determinar cales deron positivo neste tempo e cantas seguen a dar negativo.
Mostra xenética
Ás mulleres que participen no proxecto faráselles unha mostra xenética coa que identificar máis de 300 xenes relacionados con cancro, ademais dunha enquisa sociodemográfica e de hábitos de vida. Ás 10.000 participantes aplicaráselles o novo modelo, para comparar os valores de risco entre pacientes con cancro e mulleres sas. Os resultados axudarán a identificar as mulleres con alto risco de cancro de mama que se poidan beneficiar dun seguimento máis intensivo e coidadoso e de tratamentos quimiopreventivos ou estratexias de redución de risco.
Tal e como explicou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, en función dos resultados da investigación que valide o modelo, a Xunta decidirá como deseñar un novo cribado de cancro de mama personalizado.














