O equipo da Coruña que busca novos usos de medicamentos que xa existen

O proxecto RePo-Sudoe, que conta coa participación do CITIC, ten como principal obxectivo impulsar o eido do reaproveitamento de fármacos

Se hai algo que define a historia da ciencia é o azar, ese achado tan accidental como fermoso que sempre conduce a novos descubrimentos inesperados. A penicilina, a radioactividade e o velcro son tan só exemplos dentro dunha lista infinita. Unha persoa fai un experimento na busca dunha resposta concreta e, sen agardalo, atopa outra cousa. Porque a bioloxía é ben curiosa, mais tamén aproveitadiña: se un xene pode facer dúas cousas á vez, por que non ía facelas? O mesmo acontece cos medicamentos, que aínda que fosen deseñados cun obxectivo, como tratar unha enfermidade concreta, poden ser de utilidade noutras terapias. Esa é a idea principal que define o drug repurposing ou reaproveitamento de fármacos: estudar usos alternativos para tratamentos que xa existen.

Agora, un consorcio formado por distintas institucións quere potenciar o papel do suroeste europeo neste eido da investigación que non fai máis que medrar: trátase do proxecto RePo-Sudoe, e conta coa participación de científicos do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña. Segundo o seu investigador principal, Carlos Fernández Lozano, un dos obxectivos que máis destacan dentro do proxecto é estudar o emprego de tratamentos xa aprobados que poidan ser eficaces contra diferentes tipos de tumores: “A idea é que, ao utilizar medicamentos que xa están aprobados e que teñen un perfil de seguridade coñecido, o proceso de desenvolvemento e aprobación para novas indicacións pode ser máis rápido e menos custoso, beneficiando así tanto á industria farmacéutica como aos pacientes”. 

Publicidade

Vellos coñecidos

A investigación básica na procura de novos medicamentos é unha necesidade nunha sociedade cada vez máis envellecida e cunha poboación mundial en aumento. Porén, non é a única estratexia posible: o drug repurposing aproveita todo o coñecemento acadado dun fármaco que xa existe, e tenta empregalo en novos contextos. O que fai especialmente interesante este enfoque é que é unha idea aplicable, segundo Fernández Lozano, a distintas condicións de saúde: “Isto inclúe ás enfermidades infecciosas, onde os medicamentos que foron desenvolvidos para tratar infeccións bacterianas ou víricas poden ser investigados para a súa eficacia noutras infeccións ou patóxenos, máis tamén nas enfermidades xenéticas, onde poden ter potencial para tratar outras condicións vencelladas ou diferentes manifestacións da mesma enfermidade, e mesmo no cancro”. 

Dentro do proxecto RePo-Sudoe, os investigadores do CITIC centraranse na denominada oncoloxía de precisión, creando análises e ferramentas que axuden a atopar medicamentos xa aprobados en humanos para tratar o cancro dun xeito máis efectivo. En concreto, o obxectivo é obter unha maior información sobre as posibilidades de éxito dunha terapia a partir da caracterización xenética dos pacientes, prognosticando así a resposta que terán a distintos tratamentos. 

Publicidade

Para isto, explica, empregan os chamados datos de moi alta dimensión: “Son datos difíciles de interpretar e de xestionar, pero que nos axudan a desentrañar os procesos biolóxicos que se están producindo con información a diferentes niveis, habitualmente requirindo un alto custe de computación”. Aínda que principalmente estudan o ser humano dende un unha perspectiva xenómica e proteómica, chegando ata o nivel dunha célula individual, Fernández Lozano sinala que tamén traballan con organismos como bacterias, plantas ou mesmo os metaxenomas, o conxunto de todos os microorganismos presentes nunha determinada contorna. Isto, engade, amosa a versatilidade do grupo, que pode adaptar as súas técnicas a distintos problemas co fin de atopar solucións. 

As posibilidades da informática

A evolución imparable da informática no noso século é aplicable a case todos os ámbitos da vida, o que inclúe a ciencia e a bioloxía. Grazas a estes avances, agora é posible analizar unha cantidade privilexiada de información, mais segundo Fernández Lozano, as posibilidades son moito maiores, e máis cando falamos da optimización dos recursos e da xestión do emprego de medicamentos, dous aspectos que dependen en gran medida do ser humano: “Moitos dos problemas actuais, como a resistencia aos antibióticos, xorden por un uso incorrecto, como a prescrición inadecuada ou a falta de cumprimento do tratamento por parte dos pacientes”. 

Para abordar ditos retos, di, a informática e a tecnoloxía poden xogar un papel crucial, ofrecendo ferramentas de apoio ás decisións clínicas ou educando os pacientes sobre o uso correcto dos seus tratamentos mediante aplicacións móbiles ou plataformas dixitais. Porén, o grupo do CITIC confórmase de profesionais que proveñen de áreas moi diferentes, como biólogos, biotecnólogos e enxeñeiros: “A sorte foi poder xuntar a xente nova, con ganas de traballar, capacidade crítica, moito entusiasmo e que entre todos logramos o noso primeiro proxecto europeo tan rápido”.

O investigador Carlos Fernández Lozano.

A ameaza da resistencia aos antibióticos

Unha das problemáticas actuais onde o reaproveitamento de medicamentos pode ser unha ferramenta valiosa é, sen dúbida, a resistencia bacteriana ou resistencia aos antimicrobianos, xa que ao empregar fármacos ou tratamentos que xa existen e que cumpren coas indicacións de saúde pública, os investigadores poden atopar novas opcións para tratar enfermidades que xa non responden aos tratamentos convencionais. O drug repurposing permítenos empregar un tempo moi valioso, acelerando a dispoñibilidade de medicamentos efectivos contra bacterias resistentes mentres se desenvolven novas drogas. Para o científico do CITIC, este enfoque non só diversifica e amplía o arsenal terapéutico, senón que tamén permite unha mellor utilización dos recursos dispoñibles na loita contra esta crecente ameaza sanitaria. 

Unha consecuencia beneficiosa deste enfoque no emprego de medicamentos xa coñecidos é a reciclaxe, que nun contexto de cambio global faise máis necesaria ca nunca. Tal e como explica o investigador do CITIC, o reaproveitamento de fármacos existentes leva a un menor gasto de recursos ao evitar as etapas de desenvolvemento e produción de novos medicamentos, ao tempo que se contribúe a unha menor pegada ambiental.

A tendencia da industria e a colaboración

Dende o punto de vista das industrias farmacéuticas, o drug repurposing tamén achega beneficios significativos: “Permite reducir custos, xa que desenvolver novos fármacos é caro e prolongado, e ao usar medicamentos xa aprobados, afórranse fases de ensaios clínicos”, sinala Fernández Lozano. 

Ademais, explica, acelera o tempo de comercialización dos medicamentos aprobados para novas terapias, un aspecto fundamental para satisfacer necesidades urxentes nos pacientes. E, en canto á tendencia deste enfoque, o científico explica: “Aínda que non é a práctica predominante, o reposicionamento está cada vez máis aceptado e valorado na industria, especialmente nun contexto de recursos limitados e a necesidade de innovación rápida”. 

Dentro dun proxecto tan ambicioso como o do RePo-Sudoe, a colaboración multidisciplinar é esencial: “Cada grupo de investigación ou institución participante achega un conxunto único de habilidades e coñecementos”, reflexiona Fernández Lozano. Así, os científicos do ámbito da bioloxía molecular poden centrarse en desentrañar os mecanismos biolóxicos e identificar potenciais dianas terapéuticas, mentras que os especialistas en informática e bioinformática contribúen co desenvolvemento de algoritmos e ferramentas para analizar grandes volumes de datos facilitando a interpretación de resultados complexos.

Doutra banda, os químicos farmacéuticos estudan a viabilidade e compatibilidade dos fármacos que se queiran aproveitar para novos usos e, finalmente, os expertos en saúde pública aseguran que a investigación levada a cabo contribúa verdadeiramente ás necesidades do actual sistema de saúde: “Esta combinación de disciplinas non só fortalece o proxecto, senón que tamén acelera o avance cara a solucións innovadoras”. O camiño de RePo-Sudoe iniciouse hai un ano, mais é agora cando comeza o traballo máis complexo dende o punto de vista científico, sinala o investigador do CITIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe