Pilar Domingo Calap, Premio Zendal 22: “A sociedade é clave para frear as bacterias resistentes”

A viróloga deseña novas solucións médicas baseadas en fagos que atopa na natureza

A resistencia dos microbios aos fármacos plantéxase como un dos retos máis importantes do século XXI: levamos décadas sen descubrir novas familias de antibióticos, e cada vez é máis común que enfermidades que antes podíamos curar dun xeito sinxelo agora resulten mortais para a poboación. Non hai un só culpable, xa que é unha problemática multifactorial. Dende un consumo desmesurado de tratamentos farmacolóxicos ata a administración descontrolada no gando, pasando por unha mal reciclaxe… é moito o que queda por mellorar.

Mentras tanto, os esforzos dos investigadores céntranse en atopar novas liñas de actuación para frear a resistencia que os microorganismos desenvolven fronte a química que os destrúe. É o caso da viróloga e investigadora da Universidade de Valencia Pilar Domingo Calap, que leva toda a súa carreira estudando o emprego dos fagos, virus presentes na natureza, para loitar fronte as bacterias. No 2022, a traxectoria de Domingo e o seu grupo foi recoñecida polos Premios Zendal na categoría de Saúde Humana. O grupo farmacéutico vén de lanzar unha nova convocatoria, cun prazo para apuntarse que rematará o vindeiro 4 de outubro.

Publicidade

– Cal é o alcance e impacto das bacterias resistentes?

– A priori onde máis poden impactar é a nivel clínico, nas infeccións en humanos e nos hospitais, xa que ao final está a causar a morte de moitas persoas, pero a influencia destas resistencia das bacterias chega a todo o ecosistema. Por iso, nós preocupámonos por toda a saúde: a humana, a animal, a vexetal… e tratamos de buscar solucións desde unha aproximación One Health ou de saúde global. A idea é combater dende todas as perspectivas, porque todo inflúe e todo conta. Estas bacterias resistentes non só infectan a humanos. De feito, os mecanismos de resistencia que están presentes no xenoma da bacteria pódense transferir dunha bacteria a outra polo ambiente afectando a todo tipo de vida. Neste sentido, é fundamental que científicos, políticos e divulgadores aporten o seu gran de area para loitar contra un problema mundial.

Publicidade

O labor da cidadanía, fundamental

Cando falamos do labor que teñen os distintos axentes sociais é imprescindible falar da cidadanía… Qué pode facer a poboación para minimizar o impacto das bacterias resistentes?

– Por suposto! A sociedade en si é clave. Debemos facer un bo uso dos antibióticos, ter unha boa hixiene e tentar reducir ese impacto. Soamente deberiamos tomar antibióticos cando é un médico quen o prescribe, tendo moi claro que a infección que temos está ocasionada por unha bacteria específica: non porque hoxe esperto con dor de gorxa e, como hai un ano déronme uns antibióticos, agora decido tomalos de novo. Tampouco é bo que se nos din que hai que tomar un tratamento durante 10 días e ao terceiro día atopámonos ben o deixemos de tomar. Isto afecta e, de feito, fai que se fomente a emerxencia de resistencias bacterianas. Tampouco podemos tirar ao lixo os medicamentos que sobran: hai que levalos ás farmacias, aos puntos SIGRE para que se faga un bo uso deles. Todo isto son cousas que están da nosa man, e é onde podemos marcar unha diferenza moi significativa.

Que é o que pasa cando non rematamos o ciclo dun antibiótico? De que maneira inflúe iso na resistencia bacteriana?

– Que unha bacteria xere unha resistencia implica tamén un custo de enerxía para ela. As bacterias que xeran resistencia medran un pouquiño peor que aquelas que non a teñen. Se eu a esta situación engádolle un antibiótico as resistencias van crecer. Se, ademais, non fago as tomas necesarias do meu antibiótico e tan só o consumo tres días, por exemplo, ata que me atopo mellor, estou a matar ás bacterias que son sensibles e as resistentes vanse mantendo. Medran un pouquiño mal, pero se eu non lles poño a dose adecuada para tentar eliminalas a todas empezarán a adaptarse e a crecer mellor. E estes mecanismos chegarán a transmitirse no ambiente a outras bacterias que nunca estiveron fronte a presenza dun antibiótico.

As terapias con fagos, unha estratexia pioneira

– No voso grupo decidiron centrarse nos fagos como estratexia para loitar fronte as bacterias. Por que?

– Bueno, basicamente eu levo toda a miña vida estudando os fagos e tentando entender como interactúan coas bacterias, como evolucionan e se adaptan. Hai uns anos fun traballar a un hospital a Francia e alí dinme conta da problemática que había coas bacterias resistentes. Dende entón levo xa unha década dedicándome á implantación dos fagos como ferramentas biomédicas con este obxectivo. Agora mesmo, estamos a implementar toda a investigación máis básica que fixemos nos últimos anos a un nivel de clínica e, de feito, a día de hoxe, somos as únicas en España que realizamos dende o noso propio laboratorio os viais terapéuticos baseados en fagos para tratar pacientes no noso país.

– Hai moitos tipos de infeccións. En cales traballa o grupo dende o punto de vista máis clínico, Pilar?

– Desenvolvemos tratamentos para Klebsiella arninanis, Staphylococcus aureus, Pseudomona aeruginosa… tratamos infeccións pulmonares, infeccións en próteses… tamén traballamos moito con doentes de fibrose quística. De feito, xa tratamos a 15pacientes: na maioría dos casos os tratamentos funcionaron moi ben e melloraron moitísimo a súa calidade de vida. Isto é grazas a que a Axencia Europea do Medicamento permitiunos empregar os nosos propios fagos e as nosas preparacións como viais terapéuticos.

Dende a contorna ao laboratorio

– Estes fagos están na natureza… onde van a buscalos e como son os pasos que seguen para chegar a ese tratamento final?

– Nós tomamos centos de mostras ambientais en contornas moi distintas, dende augas residuais a chans, ríos, campos… mesmo na nosa propia pel podemos atopalos! Nesta primeira fase de procura de fagos facemos talleres de divulgación en colexios e en concellos para dar a coñecer estes virus e que nos axuden a atopar mostras. Unha vez temos os nosos fagos levámolos ao laboratorio e enfrontámolos aos patóxenos que nos interesan en condicións xa de bioseguridade. De todos os fagos que analizamos algúns deles serán capaces de matar á bacteria de interese. Aí facemos o segundo cribado, a nivel xenómico: caracterizámolos para asegurarnos de que son útiles a nivel terapéutico, xa que non todos os virus van ser. Con eses xa facemos distintas probas para asegurarnos de que están a matar só á bacteria que nos interesa, e unha vez optimizamos ao noso fago e sabemos como se comporta producimos nós mesmas os viais terapéuticos.

Unha capacidade innata para evolucionar

– Imaxino que se as bacterias se fan resistentes aos antibióticos tamén poden xerar barreiras fronte aos fagos, non?

– Si, por suposto, é algo que pasa todos os días na natureza. Pero os fagos contrarrestan esa resistencia evolucionando: son máis pequenos e o seu xenoma é máis curto, co cal é capaz de replicarse moito máis rápido e xera máis mutacións por unidade de tempo. Ten en conta que unha bacteria cando se divide faino en dúas bacterias mentres que os fagos, ao ser virus, cada vez que entran nunha célula poden dar lugar ata a centos de virus por cada rolda de replicación. Isto fai que a súa taxa de evolución sexa máis rápida e contrarresten as posibles resistencias das bacterias. De feito, este é un dos puntos clave que estudamos no laboratorio.

Ademais do tratamento con pacientes, o grupo está a traballar no emprego de fagos para o diagnóstico de enfermidades. Como funcionaría?

– Baseámonos na especificidade de que os fagos recoñecen un xeito moi concreto a unha bacteria. Así, poderíamos desenvolver unha tecnoloxía feita con estes virus que permita diagnosticar unha enfermidade e saber, en cuestión duns poucos minutos, que bacteria está a causar dita infección. É algo semellante ao principio que seguen os test de antíxenos da covid, pero para recoñecer bacterias e mediante o emprego de fagos.

Tratar e curar xa é unha posibilidade

– Que vos achegou o premio Zendal e en que punto está agora o voso proxecto?

– Para nós foi un cambio. Nesa época estabamos a facer investigación no laboratorio, pero o que buscabamos realmente era unha translación ao uso destes fagos como tratamento. Ao ser un centro público era un pouco complicado realizar terapias con pacientes e grazas ao premio puidemos ir un pasió máis aló. Foi un recoñecemento tamén por parte das asociacións de pacientes e mesmo de determinados médicos que nos apoiaron. Permitiunos poder implementar protocolos e levar o que sabiamos e coñeceramos no laboratorio ao propio paciente. Xa che digo: agora mesmo tratamos xa a quince persoas grazas, en parte, ao premio Zendal.

– Agora que xa probaron esta tecnoloxía baseada na natureza, cales son os seguintes pasos a dar no grupo?

Xusto o ano pasado a miña irmá e eu cofundamos Evolving Therapeuthics, que é unha spin off da Universidade de Valencia. Ter o apoio de Zendal fíxonos ver que realmente había un interese por parte das compañías farmacéuticas no noso traballo. Tamén foi posible grazas aos pcacientes, xa que coa axuda da Federación Española de Fibrose Quística fixemos a campaña de crowfunding “Adopta un fago”. Agora dedicámonos ao emprego destes virus como prevención, diagnóstico e tratamento contra bacterias resistentes. Estamos a axudar a outras empresas, a centros públicos e privados e ata ao Goberno para implementar este tipo de estratexias e minimizar o impacto da resistencia bacteriana.

Sobre os Premios:

Os premios Zendal naceron no ano 2019 co obxectivo de “impulsar, visibilizar, promocionar e recoñecer novos proxectos de investigación no ámbito da saúde humana e animal”, e teñen unha dotación de 40.000 euros na primeira categoría, e de 25.000 na segunda.

Consulta as bases da convocatoria na seguinte ligazón.
.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a figura e legado do Matemático Rodríguez

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos de distintas áreas do coñecemento

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Matemáticos galegos empregan algoritmos para analizar a recorrencia dos incendios

Un proxecto do CITMAga procura mellorar a xestión dos labores de extinción nos lumes grazas ao emprego de mapas de calor e de risco

‘Guerra’ biolóxica contra a velutina: pros e contras do emprego de parasitos

Un equipo da USC analiza os patóxenos da vespa asiática: “A pequena prevalencia do parasitismo podería ser clave na súa expansión”