Tecnoloxía galega para crear drons máis autónomos e intelixentes a través da IA

Sense Aeronautics foi evolucionando a súa proposta de videoanalítica en vehículos aéreos non tripulados para dar unha mellor resposta no mercado

As operacións con drons toman un novo impulso cando se integra con videoanalítica, que dota os vehículos autónomos de capacidades intelixentes para unha mellor execución das súas tarefas. Esta é a base sobre a que a startup Sense Aeronautics, spin-off de Gradiant, desenvolve a súa proposta. A compañía constituíuse a principios de 2024 e, tras realizar unha fase de probas de concepto, comeza agora coa comercialización.

“As dúas patas principais da tecnoloxía de Sense Aeronautics son a videoanalítica e o coñecemento do ámbito do mundo dron”, explica Fernando Gago, CEO da firma de drons. Gago fai énfase no concepto de “videoanalítica aérea” que, nas súas verbas, “é susceptible de aplicarse noutros ámbitos”. “Este proxecto naceu cun enfoque moi concreto de monoproduto orientado a un sistema que non só aplicaba a videoanalítica, neste caso para detectar obxectos aéreos, senón que se integraba con todos os sensores e sistemas aeronáuticos para avaliar os riscos dun potencial obstáculo no aire e recomendar traxectorias de evasión”.

Publicidade

Isto é o que no sector se coñece como sistema Detect and Avoid que, no punto de partida de Sense Aeronautics, se baseaba en visión artificial e incluía un modelo hardware de procesador embarcado no dron para que, en escenarios sen conectividade, decidise por si mesmo se evitar un obstáculo. A premisa, lembra Gago, era que “permitiría aos drons voar máis lonxe e de maneira autónoma”.

Programa Ignicia

Nunha primeira fase de desenvolvemento, o proxecto recibiu o apoio do Programa Ignicia. Esta iniciativa da Axencia Galega de Innovación está centrada na transferencia de tecnoloxía, para o que subvenciona unha serie de propostas para validar a ferramenta en condicións reais ou case reais, co obxectivo final de levala ao mercado. Neste caso, o resultado foi a creación da spin-off, que conta tamén co apoio financeiro de Gradiant Investments, fondo do propio centro.

Publicidade

Do proxecto á venda

Desde este punto de partida, o proxecto foi evolucionando en produto. “O noso enfoque segue a ser a videoanalítica aérea, aínda que agora temos máis desdobres”, afonda o CEO da startup. “Non somos só un elemento de evitación de obstáculos, tamén facemos inspeccións e vixilancia, todo sempre baseado na mesma capacidade tecnolóxica de visión artificial para contornas aéreas”. Aínda que manteñen o seu foco inicial, a idea é evolucionar cara a unha proposta “multiproduto e multidespregue, fronte a un monoproduto e só hardware”.

Isto foise xestando ao longo do desenvolvemento da empresa e, especialmente, desde a súa constitución no primeiro trimestre de 2024, cando incorporaron a todo o equipo de traballo. O segundo trimestre estivo centrado no peche dos primeiros contratos, principalmente de tipo proba de concepto, nos que se embarcaron en proxectos con clientes que despregaban a tecnoloxía na súa propia contorna, para logo aplicar as ensinanzas desta fase.

A comercialización

“Aprendemos moito do caso de uso real en clientes finais e fixemos as adaptacións necesarias á nosa tecnoloxía para que fosen do maior valor posible nun contexto real”. Agora toca levar isto á comercialización do produto. “Usamos as probas de concepto para entender ben onde achegamos máis valor, cando o entendemos ben pechamos o produto e o vendemos de maneira recorrente, que é a fase que estamos agora comezando”, sinala.

Un dos dispositivos de Sense Aeronautics.

Entre as empresas que están chegando na actualidade ao seu produto, distingue tres perfís. Ademais das compañías de seguridade que teñen unha liña de drons, estanse a atopar con operadores de inspeccións ou mantemento de infraestruturas de distinto tipo. Un modelo de negocio onde, apunta Gago, xa teñen implementado un primeiro produto nun aeroporto europeo para revisión de pistas. En terceiro lugar, suscitaron o interese de plataformas de xestión de frotas de drons. “Para nós é un socio perfecto”, incide o CEO de Sense Aeronautics, “porque o noso software pódese integrar directamente no seu e ao mesmo tempo que eles ofrecen o vídeo en tempo real dentro, poden ofrecelo xa con esta vídeoanalítica incorporada”.

Perfeccionar Sense Aeronautics

Esta fase de levar o seu produto a clientes e comezar a probalo en contornas reais deixou dúas aprendizaxes que están servindo para dar un valor engadido á súa proposta. “Unha é a parte dos modelos da precisión da acción, que é a parte de intelixencia artificial pura”, sinala Gago. “Obviamente, é moi valiosa e necesaria, e hai casos nos que é determinante”, continúa.

Pero, incide, hai outro aspecto no que centrarse. “En moitos casos, o nivel que ten a nosa tecnoloxía de deteccións e de videoanalítica é suficiente, e onde vimos traballando para estar ao nivel necesario é en todo o que chamamos a tecnoloxía de despregue, as latencias, a comunicación etcétera. Esta parte sería todo o que non é a intelixencia artificial en si, pero que realmente fai que o sistema funcione”, indica. Pon como exemplo as latencias, o que serían os tempos de resposta entre os elementos que compoñen o seu dispositivo. “Ti podes procesar moi ben, pero se logo o teu procesador de fluxo fai que o vídeo chegue catro segundos tarde, xa non vale”, expón.

O elemento diferenciador

Como segunda ensinanza, Gago destaca outro aspecto non directamente vinculado á analítica intelixente. “Moitas veces hai unhas capas de desenvolvemento e de produto que son as que levan o produto ao cliente final, nas que tamén se achega moito valor e son quizá menos complexas que a videoanalítica en si, que é o core e é o que nos diferenza”.

De novo, explica cun caso concreto: “Unha cousa é que ti detectes obstáculos, coches, persoas a moita distancia, e outra cosa é esa capa que fai que marques un perímetro en terra, que avises só cando un vehículo de tal tipo pasa tal liña… É dicir, todo o que é extraer información do que estás detectando, que sexa o que realmente o usuario final quere”. Neste aspecto están traballando agora, apunta, “para que o cliente se beneficie o máximo posible do produto”. Un obxectivo clave para seguir avanzando no seu negocio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un fármaco contra o cancro de colon metastásico, Premio á Transferencia de Tecnoloxía

A Academia de Ciencias e a Xunta tamén premian un sistema de intelixencia artificial e unha tecnoloxía para optimizar novos medicamentos

Aberto o prazo para os VIII Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia GAIN convocan unha nova edición do galardón, que terá tres categorías dotadas con 6.000 euros cada unha