Podes imaxinar todos os produtos que se poden elaborar a partir de elementos naturais? Este é o enfoque da tese que está a desenvolver a doutoranda industrial Isa Ingrez, en colaboración con Porto-Muíños, unha pequena conserveira galega especializada en algas de produción ecolóxica.
Esta empresa non só comercializa algas, senón que as transforma en produtos do mar con selo galego: mexillóns con algas, infusións con algas ou pastas ecolóxicas elaboradas con fariñas de vexetais e algas. Todo isto baixo unha premisa de produción limpa e sostible.
A raíz desta unión, a investigadora portuguesa, beneficiaria do programa Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia, traballa no desenvolvemento de procesos verdes para extraer ingredientes bioactivos a partir de algas mariñas endóxenas de Galicia, co fin de aplicalos na formulación de novos produtos máis saudables para a industria alimentaria, nutricional e cosmética.
Grazas ao apoio do Goberno galego a través do programa Doutoramentos Industriais da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Ingrez está contratada dende a convocatoria de 2023. Precisamente, a convocatoria deste 2025 publicarase nos vindeiros días. A súa investigación lévase a cabo dentro do grupo de investigación Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo. “O obxectivo é explorar as macroalgas con maior potencial para aplicar o concepto de biorrefinería”, explica a investigadora. A biorrefinería é unha instalación industrial capaz de converter biomasa nunha ampla variedade de produtos, e isto é o que a investigadora pretende facer coas algas galegas.
O poder das algas endóxenas
Para a súa investigación, Isa Ingrez emprega especies de algas procedentes de cultivos locais de Porto-Muíños, así como da recolección sostible na costa galega. Fiel ao seu compromiso coa sostibilidade, o proxecto baséase no uso de tecnoloxías limpas, evitando completamente o uso de reactivos químicos. “Todo isto ten unha perspectiva de residuo cero”, sinala a doutoranda, quen deseña procesos e produtos para que non xeren impacto ambiental adicional.
Nun primeiro momento, caracterizou as algas para identificar e analizar as súas propiedades. A partir deste paso, decidiu enfocar a súa investigación nas algas verdes e pardas. Entre elas, destaca a presenza da Ulva sp. (pertencente ao filo Chlorophyta), coñecida tamén como leituga de mar. Aínda que tamén existen algas vermellas, nestes dous primeiros anos o foco estivo orientado á aplicación práctica: “Enfoqueime en explorar as posibles especies para o sector alimentario e cosmético”.
O principal reto é a variabilidade da biomasa natural. Aínda que Porto-Muíños xa desenvolveu o cultivo sostible e conta con materia prima de especies endóxenas, o máis complexo continúa a ser escalar procesos coas especies de interese.
A calidade da biomasa depende de varios factores, entre eles, o momento de recolección: ás veces recóllese nunha parte do seu ciclo vital na que produce, por exemplo, máis proteínas que polisacáridos sulfatados, o que condiciona o seu proceso de extracción. Neste contexto, o coñecemento de Porto-Muíños é fundamental, cun equipo experto nas distintas especies e nas mellores épocas para preservar a súa calidade.
Compostos bioactivos á venda
“A biorrefinería implica a produción en escala”, explica a investigadora. Isa Ingrez procura recoller unha alga e ser quen de extraer distintos compostos mediante pasos secuenciais, a fin de aproveitar a biomasa de forma integral ata acadar o residuo cero. Ao longo destas etapas, identifícanse diversos compostos de interese que se poden obter das algas.
Os máis relevantes son os polisacáridos sulfatados, que no caso da especie Ulva se denominan ulvanos. Estes compostos, solubles en auga, presentan distintas propiedades antioxidantes, antiinflamatorias e prebióticas. “Teñen a capacidade de formar hidroxeles”, explica a doutoranda, e brindar a oportunidade de desenvolver novas formulacións e producir ingredientes funcionais, con propiedades biolóxicas activas e beneficios para a saúde. “Esta característica resalta o seu potencial para a aplicación como texturizante natural nos produtos”, engade.
Pero non só os polisacáridos son de interese. Tamén destacan as proteínas de orixe vexetal e sostible, un recurso que pode enriquecer produtos alimentarios ou cosméticos. A isto súmase a presenza de minerais, oligoelementos e fibra dietética, importantes para a saúde e a nutrición. Ademais, moitas destas algas conteñen compostos bioactivos como os betacarotenos, relacionados cos pigmentos naturais e con interaccións beneficiosas para o organismo.
A principal preocupación da doutoranda é garantir que os produtos e procesos cumpran os parámetros de calidade, algo que require unha materia prima homoxénea. “A alga recolectada en marzo non ten a mesma composición nutricional que a recolectada en setembro”, explica. Este é un desafío: xestionar a variabilidade biolóxica segundo o momento, o lugar e a propia especie. Con todo, Ingrez aclara que este tipo de dificultades non son exclusivas de Galicia, senón que son inherentes a calquera ecosistema cando se traballa con biomasa natural.
Métodos de extracción limpos
En palabras da doutoranda, o campo de estudo das algas é recente e algo innovador, polo que a literatura científica e a industria adoitan recorrer a métodos convencionais de extracción cando se fala de biorrefinería. Con todo, hai que ter en conta que o traballo de Ingrez está enmarcado na industria alimentaria. O seu obxectivo é crear un produto ecolóxico coherente coa filosofía de Porto-Muíños, baseado nunha pegada ambiental mínima.
Descartadas as vías convencionais, a investigadora céntrase en mecanismos físicos e químicos alternativos. Por unha banda, contempla procesos biolóxicos, como as extraccións enzimáticas. Por outra, considera tecnoloxías máis físicas e mecánicas, baseadas na solubilidade dos compostos, como a extracción a alta presión ou fluídos subcríticos. “Búscase aplicar unicamente auga ou produtos que sexan food grade”, sinala.
A solución podería estar en tecnoloxías non descritas ata agora para a extracción en algas, aínda que xa se usen noutros ámbitos da industria alimentaria. Nesta dirección orienta Ingrez o seu labor actual: “Intento atopar tecnoloxías doutras industrias e desenvolver condicións óptimas para poder aplicalas ás algas”, explica. Trátase, en definitiva, de investigar e adaptar novas alternativas coas que desenvolver produtos seguros e sostibles.
Produtos saudables a partir de algas
Os ingredientes bioactivos procedentes das algas poden ter aplicacións especialmente interesantes nos sectores nutricional e cosmético. Aínda que Ingrez se atopa actualmente na fase de escalado de tecnoloxías, o seguinte paso será a formulación. Esta poderá realizarse a partir de hidroxeles ou de produtos alimentarios funcionais, coa incorporación de compostos biactivos, proteínas ou fibra.
Entre os posibles produtos destacan os extractos ricos en macronutrientes ou produtos cosméticos con compostos como os ulvanos, que achegan propiedades antiinflamatorias e antioxidantes. Tamén se abre a posibilidade de explorar o mundo farmacéutico: “Recentemente estudáronse as propiedades anticanceríxenas dalgúns compostos das algas”, explica.
Os principais destinos para esta investigación son os alimentos funcionais, os produtos alimentarios enriquecidos con nutrientes limpos derivados das algas e o sector cosmético, coa aplicación destes compostos nunha ampla gama de solucións. Trátase, en todos os casos, de sectores dirixidos directamente ao consumo humano, polo que é imprescindible seguir unha liña de actuación segura.
“Para que estes produtos sexan viables, teño que saber que tecnoloxías son aplicables na empresa”, sinala a investigadora. Por iso, é fundamental coñecer os regulamentos e lexislacións vixentes, co obxectivo de garantir a viabilidade comercial dos produtos. Así, establécense parámetros adicionais que permiten que o traballo de investigación poida dar resposta ás necesidades de Porto-Muíños.
Unha conversa empresa-universidade
Esta modalidade de doutoramento, impulsada pola Xunta, permite que a doutoranda conte cunha directora e unha codirectora académicas na universidade e unha supervisora na empresa. Esta última, ademais de ofrecer dirección técnica, achega unha visión distinta ao combinar o rigor académico coa realidade industrial. “Teño acceso a unha planta industrial real, equipos piloto da infraestrutura da empresa, materia prima de calidade e vinculación ao departamento de I+D+i”, explica a investigadora.
Aínda que a maior parte do seu traballo se desenvolve nas instalacións de Porto-Muíños, onde deseña os métodos e metodoloxías de extracción, tamén acode regularmente á Universidade de Vigo, onde colabora co seu grupo de investigación. Alí dispón de múltiples infraestruturas que lle permiten caracterizar as mostras e realizar tarefas complementarias que non poden levarse a cabo na empresa. “Ambas partes ofrécenme coñecementos complementarios”, subliña.
Segundo conta, unha das grandes vantaxes deste doutoramento é a aplicabilidade directa da investigación. “Síntome afortunada por saber que todo o meu traballo se trasladará ao mundo real”, comenta, destacando o impacto a curto e medio prazo que poderá ter na actividade da empresa galega. Ao mesmo tempo, a súa presenza tamén supón un valor engadido para a conserveira, ao contar cunha profesional cualificada e especializada nun sector tan específico como o das algas.
“É moi positivo cando os obxectivos da investigación se aliñan cos resultados e se conectan co mundo empresarial”, reflexiona Ingrez. Aínda que queda camiño por percorrer, esta sinerxia fomenta a innovación dentro do tecido empresarial galego, impulsa o desenvolvemento do sector alimentario e contribúe á valorización da biomasa endóxena do ecosistema galego. En definitiva, o resultado final desta investigación beneficiará ás dúas partes: á empresa Porto-Muíños e á doutoranda Isa Ingrez.














