A alga asiática que se estende por Cádiz se propaga xa por Galicia

O concello gaditano recolleu desde maio 1.200.000 quilogramos de Rugulopteryx okamurae, que xa está presente en Cangas, no Grove e na Coruña

A presenza de algas invasoras nas costas preocupa aos expertos. A última noticia que fixo saltar as alarmas no país foi o rexistro dado en Cádiz: retiráronse 1.200 toneladas de Rugulopteryx okamurae. Nas últimas semanas, houbo días que se alcanzaron as 78 toneladas por día. En Galicia, a alga xa chegou o ano pasado e está establecida na entrada da ría de Vigo, en Monteferro, na zona de Liméns, en Cangas, na ría de Aldán, na cara oeste do Grove e na Coruña e en Ferrol.

“É unha especie que crece sobre as rochas e que se reproduce moi facilmente”, explica Pilar Díaz Tapia, profesora titular do departamento de Botánica da Universidade de Santiago (USC). E ese é un dos principais problemas para evitar o seu avance: pode clonarse ata 600 veces por exemplar. A experta destaca que segundo crece sobre as rochas, desprende moita biomasa, que se poden volver a asentar noutros sitios. “Ademais, tamén produce grandes cantidades de esporas e propágulos, como pequenas plantiñas que crecen encima das adultas e que se poden liberar e dispersar facilmente”, aclara.

Publicidade

A catástrofe medioambiental de Cádiz

O seu avance preocupa tamén polas posibles implicacións nos ecosistemas mariños. “De momento son limitadas en extensión, son poboacións de entre uns poucos centos de metros ou como máximo dous quilómetros”, concreta Díaz. Estes organismos crean grandes biomasas e cobren case todos os substratos. Nesas localizacións concretas, agora en verán, o único que se ve é este alga por encima das rochas.

De momento, a súa expansión é máis lenta ca noutros lugares. A experta en botánica considera que cada sitio ten condicións moi particulares, tamén pola temperatura e as correntes. Por iso, non significa que a presenza das algas acabe cunha situación catastrófica, como a definiu José Carlos Teruel, responsable de praias do Concello de Cádiz. “Estamos completamente desbordados”, declarou a Euronews. Porén, si advirte que aínda é pronto para descartar que se chegue a ese nivel, xa que a súa introdución aínda é recente. “Vendo o que está pasando no sur de España e tamén no sur de Portugal, tampouco podemos descartar situacións similares ás de alí”, comenta Díaz.

Publicidade

Para controlar o avance desta alga nas costas galegas a Universidade de Santiago propuxo, xunto coa Consellería do Mar, a creación de Algasdet. A plataforma será unha ferramenta para identificar a súa presenza a través do ADN ambiental. É un mecanismo necesario pola dificultade para detectala en certas zonas. “Coñecer a distribución das especies invasoras é algo básico”, considera a experta.

Avance imparable

O problema é a dificultade para evitar a súa expansión. O documento de control publicado polo Goberno tras a aparición da alga deixa patente as dificultades, segundo os ensaios actuais, de poder erradicar de forma completa a planta de forma efectiva. Ademais, os custos serían moi elevados e debería vixiarse o seu posible impacto ambiental. A recomendación principal é ter coidado para non trasladar a alga dun sitio a outro, malia que a súa expansión é moi rápida, polo que haberá que ver cal é a capacidade da administración de frear esta crise.

Os expertos tamén esperan saber se a alga ten máis dificultades para chegar a outros puntos da costa galega. Nestas actuacións están involucrados o grupo Bioaplic da USC e o grupo de investigación Biocost da Universidade da Coruña. Tamén se realizan en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores, e as Confrarías de pescadores da Coruña, de San José (Cangas) e a ‘La Anunciada’ (Baiona).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense