O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) foi creado no ano 2010 co obxectivo de impulsar a investigación avanzada no campo das ciencias biomédicas. Quince anos despois, culmina unha etapa clave coa concesión do prestixioso selo de Excelencia María de Maeztu, outorgado pola Axencia Estatal de Investigación, un recoñecemento reservado aos centros e unidades de investigación máis competitivas a nivel nacional.
A acreditación, resultado dun rigoroso proceso de avaliación científica por parte dun comité internacional, supón non só un aval á calidade da traxectoria investigadora do CiMUS, senón tamén unha financiación de 3 millóns de euros durante un período de catro anos.
Con esta distinción, o CiMUS convértese no segundo centro da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC en acadar esta acreditación, xunto co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), recoñecido inicialmente en 2019 e renovado en 2024. A combinación de liderado científico, excelencia investigadora e capacidade de xerar aplicacións clínicas para a sociedade fan do CiMUS un candidato exemplar para este mérito.
O acto institucional de recoñecemento, celebrado hoxe martes, reúne á comunidade científica e institucional da Universidade de Santiago. No evento participarán o reitor da USC, Antonio López; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; e a secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Eva Ortega. En representación do centro, intervirán a súa directora científica, Mabel Loza, e o director adxunto, José Luis Labandeira, acompañados por membros do Comité Científico Asesor e do equipo investigador.
O significado da Unidade de Excelencia María de Maeztu
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades concede acreditacións como a Unidade de Excelencia María de Maeztu co obxectivo de impulsar a calidade da investigación española. “Recibir a acreditación María de Maeztu é un fito histórico para a biomedicina galega e para o CiMUS“, asegura Mabel Loza.
Este recoñecemento representa a chegada a meta para investigadores e investigadoras do CiMUS, que leva anos traballando por acadar a excelencia científica e por comprender en profundidade as bases moleculares das enfermidades crónicas, co fin último de mellorar a saúde das persoas.

Loza destaca, ademais, que este selo non é só un recoñecemento, senón tamén unha gran responsabilidade: “Supón consolidar a nosa posición como centro de referencia”, explica, sinalando que o reto agora é seguir avanzando na transferencia dos resultados á práctica clínica.
Con todo, a Unidade de Excelencia María de Maeztu ten unha relevancia galega e nacional, mais tamén se proxecta internacionalmente, fortalecento o papel do CiMUS no escenario global da investigación. “Facilita a atracción de talento internacional, o establecemento de novas colaboracións estratéxicas e o liderado en proxectos competitivos de ámbito global”, destaca a directora científica do CiMUS, quen subliña estes tres aspectos como algúns dos principais beneficios desta distinción.
A investigación biomédica en Galicia
Na actualidade, o CiMUS estrutúrase en dous programas científicos interconectados. O primeiro céntrase no estudo dos mecanismos moleculares de enfermidades crónicas, como o cancro, as enfermidades neurodexenerativas, cardiovasculares, a obesidade ou os trastornos metabólicos.

O segundo programa orienta os seus esforzos cara á investigación traslacional, onde desenvolven novas terapias e tecnoloxías como o nanodelivery, a medicina xenómica, a teragnóstica ou a protonterapia, co obxectivo de levar os avances do laboratorio ao paciente.
“A acreditación María de Maeztu supón un impulso clave para o sistema galego de I+D+i“, afirma Mabel Loza. Grazas a este recoñecemento, o centro poderá reforzar a súa capacidade para atraer novo talento investigador e consolidar a súa colaboración con outras institucións de referencia.
Colaboración interdisciplinar
Entre as colaboracións activas do CiMUS, destacan as que mantén con hospitais, especialmente co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), facilitadas pola pertenza de varios investigadores principais ao IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago). Esta vinculación permite que a investigación clínica sexa directamente orientada á práctica asistencial.
Tamén participa en redes nacionais e internacionais xunto a outros centros de investigación de referencia. Entre elas, destaca a súa integración en ES-OPENSCREEN, unha infraestrutura científica paneuropea; CIBER (Centro de Investigación Biomédica en Rede) ou o CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas).
No eido da innovación, o Centro Superior da USC mantén alianzas con empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas, tanto galegas como internacionais, a través de proxectos de partenariado público-privado. Un exemplo salientable é o programa CiMUS INNOVA, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Kætor, e que ten como fin acelerar a transferencia de novos fármacos ao mercado mediante a colaboración directa entre científicos e industria. “Este selo contribuirá a crear un ecosistema de investigación biomédica máis sólido, conectado e competitivo, co paciente sempre no centro”, explica Mabel Loza.
Impacto a curto e longo prazo
A aportación económica vinculada ao selo de Unidade “María de Maeztu” é especialmente significativa. Ao longo dos próximos catro anos, este apoio suporá un impulso decisivo para o desenvolvemento estratéxico do centro. A directora científica ten claros os obxectivos: “Destinarase á atracción de talento, a actividades que xeren sinerxías cos ecosistemas nacionais e internacionais, e accións estratéxicas de traslación e transferencia“.
Así, o centro da USC formula estratexias tanto a curto como a longo prazo. No inmediato, esta axuda permitirá reforzar o equipo humano do Centro Singular e lanzar novas iniciativas que impulsen o avance científico no eido da biomedicina. A medio e longo prazo, mantense unha meta: “Consolidar o CiMUS como un dos centros de referencia en investigación biomédica en Europa”.

Mabel Loza aspira a atraer financiamento competitivo que permita fomentar novas liñas de investigación e achegar solucións científicas que teñan un impacto real na vida dos pacientes. “Este selo garante estabilidade e visión estratéxica”, subliña.
En palabras de Mabel Loza, “ábrese unha etapa chea de oportunidades para as novas xeracións de investigadores“. Deste xeito, están en marcha programas de incorporación de talento novo, que inclúen seis contratos predoutorais, orientados ao desenvolvemento profesional. O ambiente interdisciplinar e colaborativo do CiMUS vése así reforzado: “Constitúe un escenario idóneo para que os investigadores mozos poidan desenvolver carreiras científicas sólidas e de impacto”. Este selo non só avala o pasado e presente do CiMUS, senón que abre as portas dun futuro repleto de posibilidades.














