Dar prioridade as iniciativas de alto impacto para Galicia, atraer e reter o talento investigador e procurar que os seus traballos cheguen á sociedade. Estas son algunhas das novidades do “Plan galego de investigación e innovación 2025-2027” que vén de aprobarse este luns no Consello da Xunta. Cun investimento de 1.310 millóns de euros o documento contou para a súa elaboración cun amplo proceso de participación dos integrantes da I+D+i galega e daralle importancia a proxectos como “a biotecnoloxía, as chamadas Deep Tech (intelixencia artificial e cuántica) e as tecnoloxías limpas”, indicaba este luns o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de situar Galicia como a comunidade onde máis medrou o investimento en I+D en 2023, último ano analizado. “É un 28% máis, case o dobre que o conxunto do Estado”, indicou o mandatario galego durante o anuncio da aprobación do plan. De igual modo, o número de traballadores dedicados á I+D non deixou de medrar ata as 13.856 persoas, o que representa un 12,2% máis.
O obxectivo deste novo plan é “consolidar Galicia como un polo de referencia en investigación e innovación a nivel europeo e global”, aseguran dende a Xunta. “Isto farémolo fortalecendo o tecido científico e empresarial da comunidade a través dunha combinación de liñas de traballo que dean continuidade ás de éxito existentes e impulse novas iniciativas para estar á vangarda”, detallaba o presidente galego.
Medidas máis destacadas
O plan inclúe medidas dirixidas a captar, reter, atraer e retornar investigadores. “Unha das principais medidas será a creación dunha fundación de atracción de talento, que se constituirá este mesmo ano para comezar a funcionar”, explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. Permitirá captar profesionais que traballen en calquera lugar do mundo, cos estándares máis altos de calidade e cuxo perfil responda ás necesidades do ecosistema galego de I+D+i en áreas estratéxicas.
Do mesmo xeito, Rodríguez avanzou a continuidade do programa Oportunius. “Grazas a esta iniciativa, traballan na comunidade investigadores que obtiveron unha bolsa ERC, as máis prestixiosas que concede o Consello Europeo de Investigación”, aseguraba.
Igualmente, “é imprescindible que os proxectos que se desenvolven nos centros de coñecemento galegos cheguen á sociedade e repercutan positivamente nela”, asegurou. Para trasladar os resultados xerados, está en marcha o programa Ignicia, que propicia a transferencia destes avances ao mercado. Co novo plan, dáse un salto para impulsar a creación de startups derivadas de resultados de investigación.
Colaboración entre axentes do ecosistema
O fin é transformar os avances científicos e tecnolóxicos en oportunidades de desenvolvemento económico e social. Para isto, aplicarase o modelo coñecido como Venture Building, testado e recoñecido a nivel internacional, que identifica ideas con alto potencial de mercado e se encarga do seu acompañamento ata a consolidación empresarial.
En terceiro lugar, deseñarase e crearase, en colaboración cos axentes do ecosistema, unha “oficina piloto de valorización do coñecemento na biotecnoloxía para optimizar os procesos de identificación, protección e aproveitamento dos resultados xerados”.
Entre todas as medidas que se porán en marcha no marco do plan, “tres ámbitos prioritarios estarán presentes en diferentes instrumentos ao tratarse de eidos de alto potencial e oportunidade para Galicia“. Estas son as áreas de biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas (intelixencia artificial e cuántica) e as tecnoloxías limpas.
Ámbito de traballo prioritarios
No ámbito da biotecnoloxía, onde se impulsará un polo de investigación e desenvolvemento en Galicia, focalizarase o traballo na medicina xenómica, a creación de novos materiais, a farmacoloxía e a agroalimentación. No caso das denominadas Deep Tech, intelixencia artificial e cuántica, a Comunidade aspira a unha convocatoria europea, co apoio do Goberno central, para crear unha factoría de IA, onde deseñar, probar e poñer en funcionamento solucións que potencien a transformación dixital. Estará vinculada ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), que está ampliando as súas infraestruturas cun novo edificio e equipamentos avanzados por valor de 56 millóns de euros. Finalmente, o novo plan aposta pola investigación e a innovación para a produción de enerxía limpa.
Outra das novidades deste plan é asegurarse de que a innovación repercuta en todo o territorio galego, tamén nas zonas rurais. Para iso, a Administración impulsará a creación de plans locais de I+D+i. Da man dos concellos, identificaranse necesidades nos servizos de proximidade municipais que poidan mellorar grazas á I+D+i.
Máis de 200 participantes
Nese propósito de que a innovación estea no día a día da cidadanía, fomentarase a Compra Pública de Innovación. Trátase de procesos que aceleran solucións que non están dispoñibles no mercado ou necesitan ser adaptadas. Aos ámbitos en que se viña traballando ata o momento (sanidade, vehículos non tripulados e auga) “sumaranse outros novos e temáticas nos vindeiros tres anos”, aseguran dende a Xunta.
A elaboración do Plan de investigación e innovación 2025-2027 iniciouse en xullo de 2024 da man da Comisión Interdepartamental de I+D+i, da cal forman parte todos os departamentos da Xunta a través de 32 representantes. Paralelamente, tamén se fixo un traballo de consulta e colaboración con expertos de recoñecido prestixio e integrantes de toda a cadea de valor da I+D+i para “garantir que este documento se adecúe ás necesidades e potencialidades do tecido científico e innovador de Galicia”. Máis de 200 persoas participaron no proceso para poder establecer a folla de ruta que cómpre seguir para mellorar a economía, os sectores produtivos, a sociedade e o territorio.














