Xoves 5 Marzo 2026

O sector da biotecnoloxía en Galicia, cun “papel clave” na crise da Covid-19

O clúster Bioga e a Axencia Galega de Innovación organizaron este mércores un "bioalmorzo" para abordar as medidas de apoio fronte á epidemia

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e a Axencia Galega de Innovación (Gain) organizaron na mañá do mércores un encontro en liña, no marco dos Bioalmorzos que vén organizando Bioga, para analizar as medidas de apoio ao sector no marco da crise xerada pola pandemia da Covid-19. A presidenta de Bioga, Carme Pampín, expuxo que o sector da biotecnoloxía, e en xeral todo o ecosistema de innovación, “está chamado a xogar un papel clave na procura de solucións e tratamentos para facer fronte á crise sanitaria”.

O encontro, no que participaron máis de 100 persoas, estivo tamén a directora da GAIN, Patricia Argerey, quen falou dos retos que afronta o sector e a estratexia que desenvolverá a Administración autonómica en materia de innovación para acompañar ao ecosistema biotech de Galicia. Argerey lembrou as iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia, como a chamada realizada polo seu departamento ao Sistema galego de innovación para identificar as  capacidades de resposta na busca de solucións innovadoras que se puidesen desenvolver de xeito inmediato, como dispositivos de intervención ou tratamento, solucións para fabricación de ventiladores ou equipos de protección individual. A consulta, que estivo aberta unha semana, recibiu 160 propostas que foron avaliadas por axentes externos especialistas en cada unha das materias.

Publicidade

Desde o punto de vista das medidas de apoio impulsadas en Galicia, España e Europa para combater os efectos xerados pola Covid-19 no sector da biotecnoloxía, Patricia Fernández, directora da oficina de Galicia da consultoría Zabala Innovation Consulting, especializada en innovación, foi a encargada de dar a coñecer as liñas de axuda dispoñible.

Imaxe do "bioalmorzo" celebrado por Bioga e GAIN.
Imaxe do “bioalmorzo” celebrado por Bioga e GAIN.

Plataforma Bio Covid Galicia

Para agrupar e coordinar os esforzos do sector da biotecnoloxía en Galicia, Bioga puxo en marcha nas últimas semanas a plataforma web Bio Covid Galicia que xa está operativa como canle de comunicación. Todo o ecosistema poderá estar ao tanto da información, recursos e ferramentas para a coordinación do sector bio galego na loita contra o coronavirus.

Publicidade

Neste sentido, Carme Pampín indicou que ante o novo reto que asume o sector, Bioga seguirá asumindo con máis afán se cabe o protagonismo de apoio “a toda a cadea de valor do sector da biotecnoloxía galego” para “dotar ás empresas das ferramentas necesarias para que poidan adaptar o desenvolvemento da súa actividade ao novo escenario”.

A presidenta do clúster destacou, por outra banda, que Bioga está aberta ás propostas e suxerencias de todos os actores que integran o sector. “Estamos operativos para escoitar as vosas necesidades e adaptar a nosa actividade a esas propostas, porque agora máis que nunca é imprescindible fomentar a colaboración entre todos os axentes e traballar unidos e coordinados para facer fronte a esta crise sanitaria”.

Medidas de apoio das Administracións

En canto ás medidas de apoio, Patricia Fernández explicou que as diferentes administracións están a desenvolver unha estratexia de apoio á economía, de protección da saúde a través de axudas para que as empresas poidan reorganizarse para producir material e novos desenvolvementos sanitarios e de medidas e incentivos para facilitar a saída da crise. A experta augura que haberá novos incentivos á I+D+i e, ademais, tamén se flexibilizarán as condicións das axudas vixentes á innovación.

Haberá unha aposta máis decidida dos Gobernos pola innovación? “Esperemos que si”, augura Patricia Fernández, quen cre que a partir de agora as condicións das liñas que incentivan a innovación serán máis vantaxosas para as empresas. “Xa se están tomando medidas neste sentido e haberá novas oportunidades porque os diferentes Gobernos terán que poñerse de acordo para que a crise non free o avance en materia de innovación”.

Con este novo contexto, a executiva de Zabala Innovation Consulting apunta que as autoridades están a tomar conciencia de que “a ciencia é agora máis importante ca nunca”. Ante a pregunta de que consello lle daría ao sector biotecnolóxico de Galicia ante este escenario, apuntou: “As empresas galegas teñen que aproveitar o impulso que recibirá a biotecnoloxía no ámbito de toda España e en tamén en Europa; é momento de aproveitar oportunidades”. Aínda que tamén advirte que “non todo é Covid-19; e unha vez superados os efectos da pandemia tamén haberá que continuar avanzando con outros proxectos biotecnolóxicos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza cara un composto innovador con eficacia contra as células nai do cancro

O proxecto MEDICS do CIQUS, inicialmente apoiado polo programa Ignicia da Xunta de Galicia, desenvolve terapias innovadoras de baixa toxicidade para tratar tumores como os de colon ou páncreas

A biotecnoloxía galega lanza a súa ofensiva en BioSpain para captar investimento

A feira que se celebra en Barcelona estima bater o récord da última edición, que contou con case 1.000 empresas e máis de 2.200 profesionais

Do bicho da fariña ao envase sostible: a tese galega que transforma insectos en biofilms

Un proxecto da Universidade de Vigo e Cifga, apoiado polo programa Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia, explora o uso do escaravello ‘Tenebrio molitor’ para desenvolver materiais biodegradables de baixo impacto ambiental

Unha nova esperanza para deter a metástase no cancro dende A Coruña

O proxecto Canther do INIBIC, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, impulsa un fármaco pioneiro que podería frear a propagación tumoral en cancro de colon, gástrico e de pulmón